Regreso ao personaxe de cómic de Jerry Siegel e Joe Shuster, adoptando a perspectiva de Superman como un ser mitolóxico en absoluto exento de emocións. Esta película, dirixida por Zack Snyder, adaptador de novelas gráficas de culto -300 ou Watchmen-, presenta un cóctel de elementos moi afastado das versións históricas de Richard Donner e Richard Lester, especialmente a través dunha reinvención das orixes do superheroe. Tanto salto temporal para explicar a progresiva construción do personaxe facilita unha trama máis complicada do que poderíamos esperar.
Basicamente centrada no enfrontamento de Superman co xeneral golpista de Krypton, Zod, no intento deste por facerse co planeta Terra –motor de Superman II (1980)-, Man of Steel/ El hombre de acero é unha película espectacular, autoconsciente e xigantesca en medios –parte substancial da metraxe acaparada por frenéticas loitas, explosións e batallas-, que destaca polas súas texturas e certo sentido e ata coidado visual, polo seu esforzo en outorgarlle vida propia ao planeta de nacemento de Superman, Krypton, e tamén por parte do seu solvente reparto (Amy Adams, Kevin Costner, Diane Lane, Larry Fishburne). Se o elenco vese malogrado por un actor principal, Henry Cavill, insulso en extremo, un Michael Shannon pasado de rosca máis ese falso bo actor que remata por ser Russell Crowe (probemos a eliminarlle o son ás súas últimas aparicións en pantalla), o filme vaise resentir mortalmente dunha historia branda, insípida, dispersa e longa –certo que moi ambiciosa-, e, por enriba de todo, dominada por unha demoledora falta de sentido do humor, transcendencia inane ou catálogo de solemnidade que fai suspirar pola ironía e percepción lúdica dos títulos de Donner e Lester, con Christopher Reeve como protagonista. Nota: 3/10.
José Manuel Sande
Ningún comentario:
Publicar un comentario