Aínda lembro o impacto que suscitou a posta en valor da figura de José Sellier alá polo ano 1996, cando os profesores José María Folgar e José Luís Castro de Paz publicaron as súas investigacións no libro José Sellier, A Coruña y los orígenes del cine, publicado pola editorial Vía Lactea e o Concello da Coruña. A tese de que Sellier fixera a primeira película cinematográfica Lumière en España foi un choque moi duro na liña de flotación da historiografía española centralista que sostiña con orgullo que o primeiro filme fora Salida de misa de doce del Pilar de Zaragoza, de Eduardo Jimeno. Malia sabermos que a figura de Sellier segue lonxe de estar restituída xorde unha pregunta: a que se deben os presentes fastos de lle dedicar unha exposición, un curso de verán e unha publicación?
Para atopar unha explicación basta ir á páxina 71 do libro: “Los resultados de esas investigaciones sobre Joseph Sellier Lloup y su obra fotográfica y, sobre todo, cinematográfica, ven ahora la luz con motivo de la Exposición que la Diputación Provincial y el Ayuntamiento coruñés tienen a bien dedicarle”. Con esta frase tan significativa vemos que todo este rebumbio ten orixe nunha iniciativa das institucións de reactualizar a figura de Sellier sen aproveitar ningunha efeméride especial. Se imos aos textos institucionais do comezo vemos que a idea partiu “enerxicamente” do xornalista (asesor cultural) Rubén Ventureira que, dunha maneira natural, atopou o respaldo de Fundación Emalcsa e da Deputación e Concello da Coruña. Con estes apoios non foi difícil embarcar ao comisionado da mostra, o Catedrático en Historia do Cinema José Luis Castro de Paz.
Vemos que este proxecto cultural foi un encargo institucional onde, en palabras do Alcalde Carlos Negreira, falar de “José Sellier es reivindicar el papel de pionero de A Coruña en el mundo de la imagen” y “es de justicia dar a conocer (…) la figura de José Sellier que nunca ha sido merecedor de una exposición monográfica”. Se nos afastamos do contexto que propiciou o proxecto e nos centramos na parte científica da publicación, recuperamos a argumentación de Castro de Paz que é a de recoller a información sobre a vida e obra de Sellier acumulada desde que fixeran aquel espectacular descubrimento hai 17 anos. Mais hai algún achado en especial?
O artigo central é o que suscita maior interese. Un texto escrito a oito mans (?) (José Luis Castro de Paz, José María Folgar de la Calle, Xosé Nogueira Otero e Jean-Claude Seguin) onde se xunta e se estrutura toda a información derivada das distintas perspectivas de investigación dos especialistas e se ilustra cun importante material documental (fotografías e material hemerográfico na súa maior parte). Un útil traballo de documentación que reafirma o xa coñecido, mais o verdadeiramente interesante dos contidos vén cando comezan a trazar “sugestivas hipótesis” sobre as películas de Sellier, especialmente sobre a que soporta toda a estada, Entierro del General Sánchez Bregua. Tamén resulta interesante o esforzo por facer un inventario dos filmes, a relación empresarial con Lino Perez e as achegas sobre os últimos anos na vida de Sellier. Igualmente admirable é a inclusión dun artigo de Jon Letamendi e Jean-Claude Seguin sobre os “competidores” de Sellier, os portugueses Alexandre Azevedo e César Márquez.
O resto de artigos da publicación intentan reforzar a tese multifacética que agocha o título “José Sellier na Coruña: os comezos do cine español”. Unha abertura de foco que delata a pouca confianza no fío da proposta (aquela a que suxire ao comezo o Alcalde Negreira). E tras pensalo devagar dámonos conta do errado da mesma, xa que a complementariedade e a contextualización desvela certa sensación de recheo ante a declarada concepción monográfica. Na publicación atopamos un desmedido artigo de Vigo Trasancos sobre a Coruña de fin do s. XIX que se centra na arquitectura como imaxe de modernidade. O segundo artigo escrito a catro mans por Castro de Paz e Folgar de la Calle tamén ten unha intención de recapitulación histórica e teórica sobre a protocinematografía. Na mesma liña sitúase o texto do coleccionista Ignacio Benedeti, persoeiro que colaborou co préstamo de trebellos visuais da época. No debe do libro hai que sinalar ademais o caótico deseño do mesmo, que simultanea a versión en galego e en castelán (con prioridade para o segundo, claro está). Lonxe de responsabilizar á deseñadora gráfica mais ben é un erro do coordinador do volume, condescendente coas premisas do encargo.
Xurxo González
Ningún comentario:
Publicar un comentario