Margarethe Von Trotta (Berlín, 1942), ilustre directora xermana e figura singular do cine europeo, responsable de títulos de saudable protagonismo feminino como El honor perdido de Katharina Blum (1975), Las hermanas alemanas (1981), León de Ouro en Venecia, ou Rosa Luxemburgo (1986), realiza este filme biográfico, inspirada nun episodio específico e crucial na vida da filósofa xudea-xermana Hannah Arendt. Arendt cobre en 1961 para The New Yorker o caso Adolf Eichmann, o xuízo en Xerusalén contra un dos responsables da Solución Final, o exterminio xudeu durante a II Guerra Mundial. Nace a (célebre) noción da banalidade do mal, expresada no seu ensaio Eichmann en Xerusalén: un estudo sobre a banalidade do mal, sorprendida a pensadora pola escasa ou nula entidade intelectual do membro das SS. E inclúe unha polémica farto interesante, a da librepensadora enfrontada ao sobreentendido e ideas tópicas estendidas, con puntos álxidos como a análise da responsabilidade de lideres xudeus no exterminio, a pena de morte ou os mecanismos que facilitan a obediencia debida nun sistema totalitario, o que somerxe a Arendt en grandes conflitos.
Interpretada de maneira excepcional por Barbara Sukowa, trazada a modo de obra de tese, por momentos intensa, Von Trotta ofrece unha narración de posta en escena en exceso tibia, tan convencional, previsible e pouco arriscada como contida –aquilo que tradicionalmente damos en chamar academicismo-, ofrecendo unha película histórica máis próxima á haxiografía, o melodrama ao uso ou o telefilme con empaque que á procura doutros estímulos. Aínda que observamos contrapuntos inquietantes, sinais de vetas frutíferas, como o uso de imaxes reais de arquivo do xuízo (gran, branco e negro), o filme decide ir pola vía do recoñecemento, co resultado dunha narración histórica probablemente necesaria, mais errada como relato esixente. Nota: 4/10.
José Manuel Sande
Ningún comentario:
Publicar un comentario