Neno prodixio, guionista precoz do título de culto Kids (1995) de Larry Clark, Harmony Korine (Bolinas, California, 1973) desenvolve logo unha traxectoria interesante na escrita (Ken Park, 2002, dirixida de novo polo seu mentor Clark) e, en simultáneo, como irregular director (Gummo, 1997; Julien Donkey-Boy, 1999; Trash Humpers, 2009), un periplo onde a combinación de texturas de imaxes (e o estudo mesmo do seu estatuto hoxe), a xuventude –tóxica, sexual, turbia- e os golpes radicais e impugnacións do soño americano son sempre o centro de atención absoluto. Este título, lanzado no noso país de xeito moi equívoco, comparte estes trazos.
Catro mozas pretenden pasar uns días tolos de vacacións coincidindo coa Semana branca, o tradicional Spring Breaker do título. A festa remata no cárcere e co contacto cun dj traficante de drogas, coleccionista de armas e ladrón (James Franco). Este gozoso descenso aos infernos do soño americano xuvenil nárrase a través de microsecuencias, repeticións, reversos e loops musicais, unha operación de estilización a modo de reinterpretación dunha cultura que parece reproducir visual, narrativamente o ritmo propio do consumo de drogas, do sexo ou o desenfreo omnipresente.
Korine fai reciclaxe intelixente, un emprego (e análise) de toda unha mestura de imaxes que seguen estilos referenciais (MTV, Disney Channel, universo do videoclip,…), unha ambigua mostra do devir social e a nosa banalidade. O perspicaz uso de iconas xuvenís coma Selena Gómez e Vanessa Hudgens, así como as homenaxes a Death Proof (2007) de Quentin Tarantino e Scarface / El precio del poder (1983) de Brian de Palma, enriquecen un filme que, se un capta ou cadra co sentido da proposta, gusta e deixa (perturbador) mal corpo de principio a fin. Nota: 8/10.
José Manuel Sande
Ningún comentario:
Publicar un comentario