mércores, 7 de agosto de 2013

Un invierno en la playa (Josh Boone, 2012)


A publicidade da película, un título con tradución máis que defectuosa, amoesta o potencial público tentando provocar expectación: cine indie con director debutante, Josh Boone, e atractivos nexos cine-literatura polo medio. Explorando, descubrimos que é un relato con trazos autobiográficos, inspirado na historia dos seus pais. Un novelista de éxito, Bill (Greg Kinnear), aparece triste e bloqueado creativamente dous anos despois da marcha da súa muller, Erica (Jennifer Connelly), da que segue namorado. Asistimos aos problemas de relación de Bill e os seus dous fillos, literatos ambos, ou a difícil conciliación entre idear obras de arte (ou consumo), fabricar emocións e a xestión dos propios sentimentos.

Malia un inicio atractivo, que trata de edificar un relato agridoce lanzado en varias direccións, co amor –referido ás súas vicisitudes dentro desta familia- nas súas diversas facetas, fases ou idades como epicentro, a película alcanza primeiro a previsibilidade e logo a caricatura, o que non é obstáculo para asistir a unha tentativa de narración hábil, con boas e cribles interpretacións, temas con substancia e un guión –situacións, secuencias, diálogos- sensible aínda que con progresiva tendencia á impostura, ademais de referencias culturais menos gratuítas do habitual. Outra película, por certo –e este sería tema de moi amplo percorrido ou debate-, que abusa do repertorio musical para xerar as sensacións que Boone é incapaz de crear con imaxes. Como se de Bayona se tratase. Como curiosidade, a aparición dun dos escritores estadounidenses máis populares (do mundo) desde os anos 70 do século pasado, Stephen King. Nota: 4/10.

José Manuel Sande

Ningún comentario:

Publicar un comentario