O falecemento o xoves pola noite de Jacques Vergès, (1925-2013), o polémico avogado francés de orixe asiática, ao que Barbet Schroeder dedicaría todo un filme biográfico sobre a súa persoa, El abogado del terror (L´avocat de la terreur) (2007), fainos recuperar un artigo publicado por Xornal de Galicia en marzo de 2009.Dereito de ruptura
O avogado francés Jacques Vergès (1925), figura política relevante da segunda metade do século XX, significado pola súa participación en xuízos vinculados aos procesos de descolonización -Alxeria é o seu metafórico punto de partida- e a defensa de coñecidos militantes e revolucionarios, remata protagonizando un singular crescendo que o involucra en casos polémicos. Comunista, feroz anticolonialista –fillo de nai vietnamita e pai francés orixinario de Reunión-, Vergès, a partir dos anos 80, logo dunha sonada, prolongada (1970-1978) e enigmática desaparición, relaciónase, seguindo a súa consigna de que “non podo tolerar que un home sexa humillado, incluso un inimigo”, coma defensor nos procesos xudiciais do criminal de guerra nazi Klaus Barbie, do ex presidente serbio Slobodan Milosevic ou de varios tiranos africanos, ao tempo que representa a vellos camaradas (Carlos o Chacal, Klaus Croissant ou Magdalena Kopp). Lúcido e sibarita, sempre con sobrados motivos para estar en primeira liña, estes días a súa presenza ten, se cabe, razóns engadidas.
A edición en DVD esta mesma semana do documental que Barbet Schroeder dedicou no 2007 á súa figura, El abogado del terror (L´avocat de la terreur), únese á publicación en Anagrama, con carácter de reedición, do libro no que Vergès amosaba os fundamentos da súa estratexia, unha tese que enraizaba o político e o legal para postularse abertamente en favor dos procesos de ruptura. Estrategia judicial en los procesos políticos é o libro, un texto inicialmente editado en Francia por Les Éditions de Minuit en 1968 e aproveitado dous anos despois polo editor Jorge Herralde, en plena ditadura franquista e coincidindo co proceso de ruptura por antonomasia do final do réxime, o célebre Proceso de Burgos.
Para Vergès as humillacións non se esquecen e, en moitas ocasións, explotan e dan lugar a procesos revolucionarios. El abogado del terror atravesa, en paralelo á traxectoria de Vergès, os escenarios e as causas determinantes da súa época, Alxeria, Camboya, Palestina, Alemaña, homes que falan e viven rodeados de morte, testemuñas dunha era convulsa. Barbet Schroeder, amante dos riscos, produtor entusiasta e cineasta interesante, xa deixara pegadas das súas dotes de observación noutro documental que pasa por ser o seu mellor traballo, o retrato do histriónico ditador de Uganda General Idi Amín Dada (1974). Mais Vergès, sutil e lapidario, estratego intelixente e perfeccionista, non ten a imaxe unívoca que nos deixaba o brutal Amín. Filme demasiado ambicioso, a vontade de contar a historia de 50 anos de revoltas e, ao tempo, a complexa peripecia biográfica e política de Vergès non se axusta en todo momento, o que non impide unha degustación dinámica e con momentos cheos de brío, malia unha sorte de banda sonora feita á marxe das imaxes, música que subliña todo intre emotivo nunha tentativa de enfatizar as contradicións do atractivo personaxe.
As verbas e comportamentos conformados no documental de Schroeder atopan maior comprensión e coherencia unha vez un pode complementalas coa lectura de Estrategia judicial en los procesos políticos. Texto que non precisa dun coñecemento especial de terminoloxía especializada algunha e polo tanto accesible, establece dúas estratexias, ben exemplificadas, para os procesos políticos: conivencia ou aceptación das regras do tribunal versus ruptura.
As características que Vergès sinala nos procesos de ruptura (esquecemento da personalidade do acusado, debate restrinxido ao puramente político, intransixencia total) e a anulación ou recusación das leis e a propia competencia do tribunal desenvolven a súa vertente revolucionaria. Os casos, explicados con precisión exenta de prolixa exhaustividade, concrétanse en varios procesos brillantes e de probada eficacia, coma a alegación de Fidel Castro logo do asalto ao cuartel de Moncada, a absolución de Dimitrov ante o tribunal nazi que o acusaba do incendio do Reichstag ou o proceso que remata coa execución de Luis XVI e a monarquía francesa. Non faltan os contraexemplos - Nurenberg como macroproceso errado ou o caso Dreyfuss como lexitimador dos instrumentos oficiais- nin un reconto das técnicas e espazos destas confrontacións. Fonte de coñecemento inspiradora, o posfacio, aparece firmado polo mesmo Herralde. Pero é unha cita de Carlyle escollida por Vergès a que parece (auto)definir o su ideario: “cando a orde significa escravitude e opresión, a desorde é o comezo da xustiza e a liberdade”.
José Manuel Sande
Ningún comentario:
Publicar un comentario