venres, 1 de febreiro de 2013

Project Nim (James Marsh, 2011)



En 1967 os investigadores Allen e Beatrix Gardner iniciaron o entrenamento da chimpancé Washoe para lle aprender o uso da linguaxe americana de signos e así poderen comunicarse con ela. Foi a primeira dunha excitante serie de experiencias e estudos sobre as capacidades lingüísticas dos grandes simios, marcados sempre pola controversia científica e unha inevitábel curiosidade mediática. A gorila Koko -aínda viva- foi obxecto dun excelente filme de Barbet Schroeder que documentaba con ánimo verité o paciente traballo da súa coidadora Francine “Penny” Patterson. Catro anos despois de achegarse a un simio bastante menos simpático, o xeneral Idi Amin Dadá, Schroeder e o seu camarógrafo Néstor Almendros sucumbían á fascinación pola humanidade da gorila e obtiñan imaxes de impagábel beleza e intimidade que conservan hoxe intacto o seu poderoso magnetismo.

Ben diferente da plácida e ordenada vida de Koko foi a do chimpancé Nim Chimpsky, protagonista dun estudo de adquisición de linguaxe da Universidade de Columbia dirixido por Herbert S. Terrace que supuña a integración do primate case dende o seu nacemento nun fogar humano de “rich hippies”. Terrace considerou insatisfactorios os resultados e acabou por cuestionar todos os experimentos semellantes, empezando polo dos Gardner, que á súa vez criticaron a falta de estabilidade no entrenamento de Nim pola participación dun número demasiado elevado de axudantes. O peche do proxecto supuxo o inicio dun vía crucis para o chimpancé, que acabou sendo vendido a un laboratorio farmacéutico coa idea de ser usado en ensaios clínicos e finalmente foi rescatado a tempo por un colectivo de defensa dos animais.

Esta axitada historia alimenta a convencional Project Nim de James Marsh, autor tamén da exitosa (e sobrevalorada) Man on wire. Mesturando o interesante material de arquivo coas entrevistas -ao estilo Errol Morris- feitas na actualidade a xente que nun momento ou noutro estivo ao cargo do chimpancé, o director aposta polo relato novelesco dos feitos, que non deixa de ser un clásico conto tráxico cunha vítima (iso si, peluda) que pasa da gloria ao oprobio baixo os acordes dunha música que nos recorda que debemos sentir en cada momento. O valor informativo é innegábel, mais a iso se reducen os seus méritos. Nota: 4/10.

Martin Pawley

Ningún comentario:

Publicar un comentario