Por que poño o título en inglés se eu vin a película dobrada de forma infame en español? Claro que tampouco non teño ningunha posibilidade de vela en versión orixinal en condicións.
Moito é de agradecer que dunha película poidas dicir que é sorprendente, e este é o caso. Pouco ou nada nela é convencional, porque tampouco o é a vida dos seus protagonistas. Unha fermosa e poética mestura de realismo e imaxinación, mesmo de fantasía e toques do que Carpentier chamaba o real marabilloso, terman no plano estilístico deste filme sobre a infancia e sobre a capacidade transformadora do mundo que a ollada infantil ten.
No formal a cámara a man que ameaza con marearte nos primeiros momentos, acaba por se converter no único xeito posíbel de narrar esta historia que sucede tan pertiño da nena protagonista que non hai distancia para retratar a vida se non é así. Con esa cámara que persegue os rostros, os movementos, os obxectos e que retrata para nós un mundo dese sur dos EE. UU., desa Luisiana atravesada polo mesmo Mississipi que lle aprendeu a Huckleberry Finn todo canto sabía. Esas terras pantanosas, anegadas de auga salgada que botou por fóra en New Orleans cando o Katrina, tan presente mentres ves este filme e contemplas os diques que preservan a cidade e afogan aos que moran na Bañeira. Esa cámara que mostra todo o feo e miserábel e a todo el se achega. Ás veces non hai mellor denuncia social que mostrar, coma aquí, só mostrar sen a máis mínima intención explícita de denunciar.
E por diante de todo isto Hushpuppy, a nena que todo o olla e que todo o transforma. Todo muda coa súa mirada, porque os nenos, como se di en The Night of the Hunter «Sopórtano todo. O vento sopra e a choiva é fría. Porén eles sopórtano todo.» Esa nena marabillosamente interpretada por Quvenzhané Wallis. Interpretación que a todos nos dará tanto que falar, pero que non é allea a unha dirección atinada que fai que os mellores momentos interpretativos sexan aqueles nos que a nena observa o que a rodea, cando, sen ollar á cámara, se afana en aprehender o mundo. Nota: 7/10
Xabier P. DoCampo
