Amosando publicacións coa etiqueta Peter Bogdanovich. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Peter Bogdanovich. Amosar todas as publicacións

domingo, 15 de novembro de 2015

She's funny that way (Peter Bogdanovich, 2014)

Cinéfilo á antiga usanza, Peter Bogdanovich coñece como ninguén os resortes e clichés da comedia clásica. A súa volta á ficción é un enredo gozoso con Ernst Lubitsch coma referente confeso e un elenco en estado de graza (Owen Wilson, Jennifer Aniston, Imogen Poots) que dispara diálogos a velocidade supersónica. Mais non se trata dun pastiche de anticuado encanto camp senón dun filme vivo e contemporáneo, enésima demostración de sabedoría dun autor cuxa grandeza non sempre foi debidamente recoñecida. Nota: 7/10.

Martin Pawley

luns, 21 de marzo de 2011

The best of everything

Peter Bogdanovich (Nova York, 1939) forma parte do Novo H­ollywood, a xeración de creadores que nos anos 60 e 70 revoluciona o cine estadounidense. Como Friedkin, De Palma, Coppola e Cimino, chega arrasando e remata eclipsado. Precedido de sona como crítico, dono de magníficas entrevistas e ensaios sobre Hawks, Ford e Welles, Bogdanovich é o cineasta máis clásico –e cinéfilo– de todos eles.

Convertido en director de éxito coa brillante La última película (1971), logo das estimables comedias ¿Qué me pasa, doctor? (1972) e Luna de papel (1973), a soberbia e os reveses persoais malogran a súa carreira; o cine de intelixente erudición exposto só ten pegadas intermitentes en Saint Jack (1979), Todos rieron (1981) ou ¡Qué ruina de función! (1991). O seu útimo traballo, un documental musical de catro horas de duración dedicado a Tom Petty and the Heartbreakers, Runnin’ down a dream, gañador do Grammy, vén a redimilo dunha etapa de adocenamento televisivo.

Bogdanovich aproveita a afinidade existente con Petty –do que descoñecía case todo– para establecer un recorrido cronolóxico de 30 anos sobre a banda formulado como un relato de ficción que acolle unha exuberante selección de metraxe histórica: imaxes caseiras, filmes, xiras, actuacións propias e alleas, clips, gravacións. A habilidade concienciuda do autor para a entrevista e o manexo da coralidade magnifican un traballo de ritmo fluído, pasmosamente infatigable, que enlaza coa súa preocupación por contar a historia de América. A edición, coidadísima, adxunta un concerto conmemorativo na cidade natal de Petty, Gainesville, e un CD de rarezas obra da rigurosa e elegante formación de rock & roll xurdida en 1976.

José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 21 de marzo de 2011