martes, 30 de maio de 2017

Ciencia e cinema: o medo atómico

A imaxe popular da ciencia e os científicos foi cambiando ao longo do século XX e o cinema, como arte que rexistra moi ben as tendencias do seu tempo, deu boa conta diso. O cambio de século, do XIX ao XX, é o do entusiasmo tecnolóxico e a ledicia ante os avances da ciencia que fará mellor a nosa vida. É o entusiasmo e a curiosidade que reflicten as novelas de Jules Verne (1828-1905) e outros pioneiros da ciencia-ficción. Na primeira década do XX son varias as curtas que parodian os progresos técnicos e inclúen no seu título ese fascinante mundo novo que se abre de Maxwell en adiante: o electromagnetismo. O hotel eléctrico é un exemplo paradigmático dunha non pequena serie de fantasías electromagnéticas fascinadas polo potencial, a miúdo delirante, de calquera cousa que poida ser “eléctrica”. Automatismos sen fin que ás veces tolean e provocan o desastre cómico, como acontece na citada curta de Segundo de Chomón.

A electricidade entrou devagar nas vidas da xente -moitas casas galegas aínda agardarían bastantes décadas por ela- e penetrou na cultura popular. De forma parecida, a mediados de século hai outro adxectivo que se introduce no vocabulario común: “atómico”. E desta volta o entusiasmo é pouco, máis ben todo o contrario, e non sen razón: a humanidade viulle as orellas ao lobo coas bombas de Hiroshima e Nagasaki, a demostración práctica e brutal do poder destrutor da enerxía atómica domesticada polo equipo científico do proxecto Manhattan, unha etapa fascinante da historia da ciencia apenas retratada no cinema.

Non era, no fondo, algo novo, mais fíxose moi evidente de golpe. A Segunda Guerra Mundial, a gran ferida do século, deixounos claro que a ciencia que nos axuda a vivir mellor tamén pode ser empregada para provocar moito dano (pensemos, tamén, nos atroces experimentos de todo tipo nos campos de concentración nazis). E o misterioso e invisíbel poder dos procesos atómicos abriu unha porta colosal á imaxinación, nun tempo que politicamente se volvía a complicar coa división do planeta en dous bloques liderados polos EEUU e a URSS e o comezo desa “Guerra Fría” que tivo ao planeta nun sen-vivir durante varias décadas e con ocasionais escaladas de tensión.

Ese foi un caldo de cultivo idóneo para a ciencia-ficción americana. Dunha banda está o medo ao inimigo que vén do espazo que alimenta unha longa listaxe de invasións extraterrestres, en particular marcianas. Doutra está o pánico ao uso da enerxía atómica, os ensaios nucleares e os efectos da radiación. Igual que noutrora bastaba que algo fose “eléctrico” para que adquirise propiedades inesperadas, os efectos do “atómico” podían ser igualmente imprevisíbeis. Un resultado típico da radiación foi o crecemento desmedido de seres habitualmente pequechos, como as formigas da fabulosa Them! [La humanidad en peligro] (Gordon Douglas, 1954). Un incidente atómico é o que volve “colosal” ao protagonista de The Amazing Colossal Man (Bert I. Gordon, 1957). Mais non sempre é así. N'O incríbel home minguante, dirixido por Jack Arnold en 1957 (e con Richard Matheson como guionista a partir da súa propia novela), acontece todo o contrario. Scott Carey, o personaxe principal, empeza a perder peso e altura de maneira alarmante. Fanlle todo tipo de probas até que os médicos dan coa causa. A progresiva miniaturización do personaxe e como iso cambia a súa visión do mundo dá moito para debater (incluso sobre os roles de xénero), mais o que nos interesa hoxe é a vontade de darlle unha interpretación "científica” (sic) ao fenómeno, mesturando o efecto da radiación e o dos pesticidas (e non faltaba moito para que Rachel Carson lle dera unha sacudida ao asunto co libro Silent Spring, de 1962).

Outra liña interesante é o dos filmes que falan, literalmente, da apocalipse nuclear. O filme fundacional é unha produción independente non demasiado vista, Five de Arch Oboler (1951). Os cinco do título son os superviventes dun holocausto nuclear que conflúen nunha casa illada, que por certo ten especial interese para os afeccionados á arquitectura: era do director e estaba deseñada por Frank Lloyd Wright. Menos superviventes vían na pantalla os espectadores de The World, the Flesh and the Devil de Ranald MacDougall (1959): Mel Ferrer, Inger Stevens e o por diversas razóns admirábel Harry Belafonte. Máis coñecida, e chea de estrelas, é On the Beach [La hora final] (Stanley Kramer, 1959, director de Inherit the wind). Un filme estrañísimo no que logo dunha guerra nuclear a maior parte do planeta quedou arrasado e só queda xente viva en puntos illados do sur. En Australia os personaxes do filme agardan a chegada da nube radioactiva, así que o filme é, en efecto, unha conta atrás. Se algún espectador agarda a que se salven Gregory Peck, Fred Astaire, Ava Gardner ou un noviño Anthony Perkins, que perda toda esperanza. Ese filme acaba con toda a humanidade.

Neste contexto tiña que vir alguén a poñer orde, e por suposto dende o espazo exterior. O título español de The Day the Earth Stood Still (Robert Wise, 1951) foi Ultimatum a la Tierra e facía explícita a mensaxe que o extraterrestre Klaatu viña dar aos terrícolas, empeñados en matarse os uns aos outros e así poñer en perigo a paz no universo.


Na obra mestra de Wise, un filme esencial para estudar a representación da ciencia no cinema, Klaatu expresaba en voz alta un diáfano "vós veredes”: a inestabilidade e os ánimos belicosos no noso planeta eran unha ameaza intolerábel para o conxunto do universo e de seguirmos así non lles quedaría máis remedio que aniquilarnos. E a mensaxe lánzaa, isto é o importante, ante unha audiencia de científicos, intelectuais e líderes relixiosos porque nesa altura do filme a Klaatu xa non lle quedaba gana ningunha de falar con autoridades políticas. Fiábase máis da xente da ciencia... e facía ben.

Martin Pawley

mércores, 17 de maio de 2017

Proxecto NIMBOS: Inausketa (Ander Parody, 2015)



Curtametraxe de Ander Parody para o "Proxecto NIMBOS", serie de filmes inspirados nos poemas do libro "Nimbos" de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014. Festivais: Filmadrid 2015 (competición Vanguardias)  / FIC Valdivia 2015 / Cineuropa 2015 / Muestra Aitzol Aramaio Cineclub FAS / Amsterdam Spanish Film Festival 2016.

A CERNA

Hase de amar a cousa hastra que sangre.
O verdadeiro amor enferra en neve,
ara nun mar de rosas suco leve,
ai pro acudulla en sangre.

Tinguéuseche o machado en sangre loura.
Ai cómo, cernador, dói a batalla
cos que ún ama! Que moura é a sombra moura
do machado na galla!

Despida contra o céio A Que Non Fala,
a póla firme coma un xuramento,
berra nos dentes do machado e estala
e tordea no vento…

Sobre os cómbaros dondos coma un velro,
sobre as cornas dos boi, sobro camiño,
a fraga berra, coucorexa o melro,
cai arroulando un niño…

Eu vinte contra o sol, nunha hora tola,
abrazado ó teu toro, derregando
a traxedia de Deus. Dóinos a póla,
pro seguimos cernando!

Hastra que caia a derradeira estrela,
cairá o machado en carne que choramos,
no soño puro de deixar máis bela
unha vida que amamos.

Nimbos, Xosé María Díaz Castro.
Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor.

domingo, 14 de maio de 2017

XVII Encontros de Cinema de Viana do Castelo: o cinema na súa total dimensión

por Miguel Castelo

Unha vez máis a combinación de filmes realizados por estudantes de 1º, 2º e 3º ciclo de Ensino Básico e alumnado de Ensino Secundario, nas áreas de animación, ficción e documental, participantes no Festival de Vídeo Escolar, e a celebración de obradoiros audiovisuais coa proxección de filmes de temática escolar pertencentes a outras cinematografías, o foro de opinión e debate baixo o epígrafe da Conferência Internacional, as “masterclass” sobre as cuestións máis actuais que atinxen ao cinema, o Concurso Olhares Frontais, a sesión de cinema no cárcere e a presentación de libros e exposicións diversas constituíu o apretado feixe da oferta cultural e cinematográfica da décimo sétima edición dos Encontros Cinematográficos de Viana do Castelo que, organizados pola Ao Norte, Associação de Produção e Animação Audiovisual, co apoio da Câmara Municipal, tiveron lugar entre o 2 e o 7 do presente mes de maio nesta cidade do norte portugués.

O Festival de Vídeo Escolar, nas súas dúas modalidades de animación e ficción, axuntou un total de trinta pezas da autoría de estudantes de 1º e 2º de Ensino Básico e alumnado de Ensino Secundario, sendo máis numerosos nos primeiros as de animación (doce títulos), e as de ficción (dezaoito títulos) no segundo.

A sección Trabalhos da Casa ofreceu, dentro do apartado Histórias na Praça, seis títulos, e no apartado Olhares do Real + YEAD (Desenvolvemento Cultural para Público Xoven Europeo), cinco e catro títulos, respectivamente, filmes todos producidos e realizados no decurso da edición anterior. Ao tempo, levouse a cabo o workshop Escolas Animadas, impartido por Graça Gomes, do Cineclube de Viseu.

Dentro da sección Escola e Cinema ofrecéronse, destinados a alumnos/as de Ensino Secundario e Superior, os filmes My Escape, de Elke Sasse, Behemoth, de Zhao Liang, e I, Daniel Blake, de Ken Loach, título este último proxectado na xornada anterior, no marco do espazo Cinema Dentro, para os reclusos do Establecimento Prisional. E Brothers of the Wind, de Gerardo Olivares e Otmar Penker, e Wadjda, de Haifaa Al-Mansour, foron os títulos que dentro de Escola e Cinema se ofreceron ao alumnado de 2º e 3º ciclo, respectivamente.

Nas tribunas da sexta edición da Conferência Internacional de Cinema, no seus dous apartados, Cinema e Escola e Cinema: Arte, Ciencia e Cultura, que coordina o doutor José Ribeiro, da Universidade Federal de Goiás (Brasil) e do Centro de Estudos das Migrações e das Relações Institucionais (CEMRI)-Universidade Aberta (Portugal) presentáronse 13 e 26 comunicacións, respectivamente, e así mesmo tivo lugar unha mesa redonda sobre Cinema e Educação.

Olhares Frontais
“A programação dos Olhares Frontais dos XVII Encontros de Cinema de Viana procura promover articulações minuciosas centradas na lógica da presença de filmes e a colaboração de investigadores, especialistas, profisionais, alunos e profesores a través de uma privilegiada partilha de conhecimento do meio cinematográfico, particularmente centrado no cinema documental.” (Pedro Sena Nunes, Programador e Coordinador de Olhares Frontais).
Edgar Pèra co seu filme O espectador espantado, André Gil Mata con Como me apaixonei por Eva Ras, Cláudia Varejão con Ama-San, e Luciana Fina con Terceiro Andar, foron nesta ocasión os cineastas convidados deste espazo, dentro do que así mesmo tivo lugar a demostración comercial Cinema e Televisão… porquê digital?, que levou a cabo Carlos Alberto Henriques, e dúas espléndidas “masterclass”, Cinema Império. Propaganda colonial e censura no Estado Novo, impartida pola investigadora Maria do Carmo Piçarra, e Outros fazedores de cinema, a cargo da historiadora brasileira Alice Fátima Martíns, cos adecuados complementos a seguir das proxeccións dos filmes Streets of early sorrow / Caminhos para a angustia, de Manuel Faria de Almeida, e Monangambé, de Sarah Maldoror, e de Zagati, de Edu Felistoque, respectivamente.

Clausura, de Mariana França e Gildo António, alumnos do Centro de Audiovisual de São Bernardo do Campo, de São Paulo (Brasil) é o documental vencedor absoluto dos premios PrimeirOlhar desta edición, á que concorreron 19 títulos. Este galardón concédese ao mellor filme documental realizado por alumnos de escolas de Cine, Audiovisual e Comunicación da área lusófona (Portugal, Galicia e países de fala portuguesa) e está dotado en cada unha das súas modalidades con 1.000 euros. A curtametraxe dobremente gañadora aborda, a través das declaracións de diversos implicados entre os que está a propia realizadora, o tema da bipolaridade, a esquizofrenia e os estados depresivos e a súa influencia na creación artística. Tanto o xurado do premio oficial, integrado por Alice Fátima Martins, da Universidade Federal de Goiás (Brasil), Carlos Alberto Henriques, da empresa Colorize, e Carlos Campos Coelho, da Escola Superior de Tecnologia de Abrantes, como o do xurado de Cineclubes (que conceden conxuntamente a Federación Portuguesa de Cineclubes e a Federación de Cineclubes de Galicia), nesta ocasión formado por Rodrigo Francisco, do Cineclube de Viseu, Javier Rodríguez, do Cineclube Dzine e Fernando López Pérez, do Cineclube Ádega, das localidades pontevedresas de Lalín e Vilagarcía de Arousa, respectivamente, deron en coincidir na importancia da relación próxima e solidaria establecida polos realizadores cos seus entrevistados.

O Concerto Live Cinema, coa proxección do filme How to become nothing, de Pedro Maia, con música en directo a cargo de The Legendary Tigerman (Pablo Furtado) e manipulación de imaxe polo propio realizador, e a performance audiovisual Nan Collider, de António Rafael e João Martinho Moura, constituíron a parte máis experimental dos Encontros, aos que se lle puxo o punto final co derradeiro filme convidado, Um sonho soberano, de Gonçalo Guerra, un bocadinho máis próximo da reportaxe de televisión que do xénero documental.

luns, 17 de abril de 2017

Proxecto NIMBOS: Gaua beharrezkoa da (Pablo Maravi, 2015-2017)


Curtametraxe de Pablo Maravi para o "Proxecto NIMBOS", serie de filmes inspirados nos poemas do libro "Nimbos" de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014. Estreada en novembro de 2015 no CGAI; montaxe definitiva, abril de 2017.

A NOITE É NECESARIA

Hai homes cheos de sombra,
homes a contralús
que che fan ver a Deus
coma unha mar de lus.

A Noite é necesaria
pra que ti poidas ver
sobro medo i o mal
as estrelas arder.

Nimbos, Xosé María Díaz Castro.
Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor.

sábado, 15 de abril de 2017

Proxecto NIMBOS: Esmeralda (Guillermo Cerrato, 2015)


Curtametraxe de Guillermo Cerrato para o "Proxecto NIMBOS", serie de filmes inspirados nos poemas do libro Nimbos de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014. Festivais: Filmadrid 2015, Cineuropa 2015.

ESMERALDA

Herba pequerrechiña
que con medo surrís
ó sol que vai nacendo
e morrendo sin ti,
¿por qué de ser pequena
te me avergonzas ti?
O Universo sería
mais pequeño sin ti!

Nimbos, Xosé María Díaz Castro.
Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor.

venres, 14 de abril de 2017

Proxecto NIMBOS: Noite do mundo (Pablo Teijón, 2015)


Curtametraxe de Pablo Teijón para o "Proxecto NIMBOS", serie de filmes inspirados nos poemas do libro Nimbos de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014. Festivais: Filmadrid 2015, Cineuropa 2015.

NOITE DO MUNDO

Noite do mundo,oco
de estrela arrincada,
onde teimo verte
de repente arder
sobre a miña vida
cuase consumida
na ourela da nada!

Ai ter teu alento
no meu rosto ó fin,
i eu diantos teus ollos
derrubarme en lus,
esvaerme no aire
que ti vas beber,
ser teu rastro, ser
teu eco perdido
e, cuase, non ser.

Nimbos, Xosé María Díaz Castro.
Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor.

xoves, 13 de abril de 2017

Cannes 2017: entre amigos

A presentación hoxe da selección oficial de Cannes 2017 alenta a que xa é unha tradición deste blog: o repaso dos nomes novos e os nomes que se repiten dentro da competencia. Dos 18 filmes anunciados, catorce (o 78%) son de autores que regresan á primeira sección do festival. Á cabeza dos repetidores está o austríaco Michael Haneke, que compite por sétima vez por unha Palma de Ouro que gañou nas súas dúas últimas visitas a Cannes (e faino vinte anos despois da súa primeira participación no concurso grande con Funny Games). Detrás del sitúase a xaponesa Naomi Kawase, a muller cineasta máis veces (5) en competencia.

O prolífico coreano Hong Sangsoo concursa por cuarta vez. Estivo antes con Woman is the future of man, Tale of cinema, In another country e agora con The day after; este mesmo ano coloca outro título en sesión especial, Claire's Camera, con Isabelle Huppert e filmado polo menos en parte no festival do ano pasado (e suma, ademais, outras catro participacións en Un Certain Regard). Sete son os cineastas que regresan por terceira vez: o húngaro Kornél Mundruczó, o ruso Andrey Zvyagintsev, os franceses François Ozon, Jacques Doillon e Michel Hazanavicius, o ucraíno Sergei Loznitsa e o estadounidense Todd Haynes. Curioso é o caso de Doillon, "recuperado" para un concurso oficial que non pisaba dende os 80: estivo con La Drôlesse (1979) e La Pirate (1984). A súa volta prodúcese da man de dúas glorias nacionais: Auguste Rodin e o actor que fai del, Vincent Lindon. Por segunda ocasión visitan Cannes o alemán Fatih Akin (antes, en 2007, con The edge of heaven), o grego Yorgos Lanthimos e dúas mulleres, a escocesa Lynne Ramsay e a estadounidense Sofia Coppola (son tres polo de agora en competencia, igual que o ano pasado; o record de 4 sobre 20 en 2011 mantense coma un "fito" illado).

Como tamén vén sendo habitual os debutantes non son precisamente descoñecidos do certame. A competición non adoita ser lugar para experimentos, así que os outros apartados da oficial e as seccións paralelas serven de "probas de acceso" para ir coñecendo e cociñando novas fornadas de cineastas. Así, o coreano Bong Joon-ho ascende á competición despois de estar dúas veces en Un Certain Regard con Tokyo! (filme a seis mans de 2008) e Mother (2009) e presidir en 2011 o xurado da Cámara de Ouro. Pola súa banda, os irmáns Benny e Josh Safdie pasaron pola Quinzaine des Realisateurs en 2008 (The Pleasure of Being Robbed) e 2009 (Go Go Get Rosemary) e agora saltan ao contedor de maior visibilidade con Good Time, que achega a dose de estrelas que parece esixírselle a todo filme norteamericano en liza, neste caso Robert Pattison, que comparte cartel con Barkhad Abdi e Jennifer Jason Leigh (os dous poden presumir dunha candidatura ao Oscar, cousa que sempre dá puntos).

Robin Campillo chega como director ao concurso co seu terceiro filme, 120 battements par minute; mais como colaborador habitual de Lauren Cantet (tamén do filme que vai este ano a UCR, L'atelier) escribiu e montou a Palma de Ouro Entre les murs. O único realmente novo para Cannes é entón Noah Baumbach, e dende logo non é un autor por descubrir (se alguén se empeña en buscarlle algunha conexión cannoise pode atopar esta, mais iso xa sería pasarse da rosca).

Martin Pawley

domingo, 9 de abril de 2017

Adeus a Feli Manzano

por Miguel Castelo

O pasado xoves pola noite pasei, camiño da miña casa, pola coruñesa praza de Luís Seoane, onde tiña o seu domicilio Feli Manzano, e tiven un especial recordo para ela. Digo especial porque sabía da súa situación delicada e da súa estadía en Madrid, na compaña da súa filla, Raquel, e de cando en vez a súa imaxe acudíame á cabeza. Ao día seguinte, o venres, 7, chegábame a triste noticia da súa morte.

Foi polos primeiros anos 60 cando Manolo Lourenzo, nos albores da actividade teatral n´A Coruña de posguerra, fixo tres montaxes de Oración, de Fernando Arrabal, nas que eu participei. Realmente, eran a mesma, o único que mudaba era a actriz que facía o papel feminino: Carmen Loureiro, Amparo G. Cores e Feli Manzano. Jorge Trigo e máis eu permanecemos nas tres. Na posta en escena -escena única-, o infanticidio do comezo prescrito polo autor fora substituído, supoño que por motivos de censura, por unha situación erótica cun desenlace inmediato: concluído o lance, o colega da muller, que o presenciara todo, entregáballe un puñal co que esta daba morte ao ocasional amante. Mais achegada á metáfora que ao realismo (non estaban as cousas para o explícito), a solución escénica pasaba por unha casta aperta unha miga alongada para incentivar a imaxinación do espectador. Consumado o crime e afastado o cadáver da vista do público, é dicir, botado para atrás das costas da parella, esta permanecía sentada e daba principio o inventario de paradoxos e perversas inxenuidades:

Home.- Desde hoy seremos buenos y puros.
Muller.- ¿Qué te pasa?
Home.- Digo que desde hoy seremos buenos y puros como los ángeles.
Muller.- ¿Nosotros?
(…)

Así, deste xeito, de partner de Feli Manzano, logo de ter ensaiado con Carmen Loureiro e Amparito Gómez Cores, se produciu o comezo da miña carreira teatral. O comezo e o final. Unha andaina escénica breve pero intensa, que me deu para aprender de memoria case que todas as intervencións dos dous personaxes, deitado detrás dos seus intérpretes no decurso todo da obra. Porque, por se aínda alguén non se decatou, eu era o morto. Malia ser así, a crítica valoraba o esforzo e o traballo dos actores: “Ayer en el salón de actos de los Dominicos tuvo lugar la representación de la obra teatral Oración, de Fernando Arrabal, dirigida por Manuel Lorenzo. Matizaron muy bien sus papeles Feli Manzano, Jorge Trigo y Miguel Castelo”, poderá encontrar o esforzado mergullador de hemeroteca nun dos dous diarios locais da época. Unha época ben diferente da actual, onde todo era carencia. Tal era así que os ensaios se facían na casa dos pais de Feli, na metade da Avenida de Finisterre, á altura de Santa Margarita. Voluntariosa e perseverante, cunha clara e inequívoca vocación, resultaba ben doado traballar con ela. Eu alí era un mero observador, pero mesmo na parte que me correspondía o noso contacto físico producíase de modo natural, sen finximentos e falsos pudores, comportamento non sempre habitual, e menos naquel tempo. Posuidora dunha ben dotada voz e unha boa fonética, acabou encontrando o espazo que lle correspondía dentro do oficio. Non vou falar dos seus traballos, sobradamente coñecidos. Mais, permítaseme lembrar unha das súas, para min, mellores intervencións: As muxicas (Carlos Alberto Alonso, 2002), con Tucho Lagares, o seu home, e a voz do propio Manuel Lourenzo.

Cálida e agarimosa, Feli Manzano deixa un grato recordo en todos cantos a coñecemos. No trato persoal, “Churriño/ña!” era o seu apelativo preferido. Gustaría de saber que o seu obrigado adeus non supuxo para ela sofrimento ningún. Botarémola de menos.

domingo, 19 de marzo de 2017

Proxecto NIMBOS: Nimbos (Jaione Camborda Coll, 2015)


Curtametraxe de Jaione Camborda Coll para o "Proxecto NIMBOS", serie de filmes inspirados nos poemas do libro Nimbos de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014. Festivais: Filmadrid 2015, Cineuropa 2015.

NIMBOS

Si é que o poema é só un nimbo de lus
que os ollos cegos póñenlles ás cousas
soñadas, ou amadas nas teebras,

das cousas que xa foron e se foron
pro siguen sendo e non se van xa máis,
das sombras que, xogando cos meus ollos,
na miña vida en lume se enxeriron,

eu deixo eiquí os nimbos, coma cinza
de rosas que onte encheron de perfume
o mundo, morto xove, dalgún soño.

Nimbos, Xosé María Díaz Castro.
Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor.

luns, 20 de febreiro de 2017

João Rui Guerra da Mata e João Pedro Rodrigues: o cinema ocupa o museo

Vila do Conde acolle cada mes de xullo un dos máis importantes festivais europeos de cinema, o “Curtas”. As mellores curtametraxes do mundo son o obxecto central dun certame que sempre mirou máis lonxe para explorar a relación do cinema coa música e as artes plásticas. Boa proba disto é dende 2005 a Galería Solar, habitada até o 25 de setembro pola obra dos Joãos.
João Rui Guerra da Mata e João Pedro Rodrigues

Dende a súa primeira edición en 1993, o Curtas de Vila do Conde non deixou de medrar até ser hoxe moito máis que un excelente festival de cinema. Do Curtas naceron programas formativos dirixidos a estudantes de distintas idades, do preescolar ao ensino superior; unha axencia de distribución que difunde no mundo as curtametraxes portuguesas e unha galería de arte, a Solar, especializada na investigación das fronteiras entre o cinema e outras manifestacións creativas. Un espazo de experimentación, de diálogo entre as artes, coidadosamente concibido para sacarlle o máximo partido ás instalacións que nel se presentan. A Solar escapa da lóxica expositiva da “caixa branca” e a luz abundante coa que os museos tradicionais maltratan o audiovisual; antes polo contrario, o centro de Vila do Conde procura a escuridade necesaria para garantir a calidade de proxección dos filmes. A harmoniosa integración das pezas nas salas, que aproveita ás veces as singularidades da súa arquitectura, favorece unha saudábel sensación de intimidade. En todos estes anos, once xa, pasaron pola Solar creacións de colosos contemporáneos coma Abbas Kiarostami ou Tsai Ming-Liang, mais sobre todo moitos nomes de referencia do cinema experimental, coma Martin Arnold, Peter Tscherkassky ou Ken Jacobs, e unha longa serie de grandes artistas portugueses. Tamén un galego, Lois Patiño, que encheu a galería hai ano e medio coa súa obra case íntegra no campo do cinema e as instalacións.

Se a programación da Solar é sempre interesante, nótase especial atención na mostra que abre cada ano en vésperas do Curtas e queda dispoñíbel até o final do verán. É o caso en 2016 de DO RIO DAS PÉROLAS AO AVE, primeira exposición en Portugal dos cineastas João Rui Guerra da Mata e João Pedro Rodrigues, autores esenciais do noso tempo e figuras habituais dos principais festivais do mundo. Así, a primeira longa do João Pedro Rodrigues, O fantasma, participou na sección oficial competitiva de Venecia e as dúas seguintes, Odete e Morrer como um homem, estiveron en Cannes (Quincena dos Realizadores e Un Certain Regard, respectivamente). O seu novo filme, O ornitólogo, estrea agora en Locarno, festival que xa acollera a concurso A última vez que vi Macau, asinada conxuntamente con João Rui Guerra da Mata igual que todos os filmes de temática “asiática” (China China, Alvorada Vermelha, Mahjong e Iec Long).

A Solar celebra case vinte anos de traballo en solitario ou en parcería nun esforzo exemplar de adaptación da súa fabulosa traxectoria fílmica ao espazo expositivo que ademais integra con pleno sentido obra allea, as pinturas de João Gabriel Pereira (Leiria, 1992). No atrio de entrada unha vitrina amosa unha selección de cartaces nacionais e estranxeiros dos filmes de João Pedro e João Rui; enfronte, o icónico traxe de látex que lucía o protagonista n'O fantasma vólvese aínda máis espectral e onírico. Unhas escaleiras de baixada dan acceso á cave, coa música do himno nacional chinés a soar de fondo. Na sala do soto atopamos unha pantalla cunha imaxe conxelada, un rostro de muller. Unha folla escrita desvela o misterio da instalación chamada 16-05-2014, ESTA OBRA É PASSÍVEL DE PROVOCAR UMA EXPERIÊNCIA DESCONFORTÁVEL E EMOÇÕES NEGATIVAS NO PÚBLICO CHINÊS. A data en cuestión é a da apertura da exposición Onde é China, celebrada á vez en Beijing e Lisboa para celebrar os trinta e cinco anos de relacións diplomáticas entre Portugal e o xigante asiático. A curta Alvorada vermelha dos Joãos formaba parte da mostra, mais unha hora antes da inauguración as autoridades chinesas decidiron prohibir a proxección do filme, dando coma cómica xustificación iso da “experiência desconfortável” para o público. Alguén pensou alá que era absurdo deixar a sala baleira e optou por poñer unha imaxe en pausa, e esa é a idea que reproducen na Solar nunha instalación que serve de alegación satírica e contundente contra a estupidez da censura.

O mellor está aínda por vir. A sala IDENTIDADE NACIONAL xoga co substantivo do título en múltiples niveis. Dunha banda está a “curta galega” do João Pedro, O corpo de Afonso, producida ao abeiro da celebración de Guimarães coma capital europea da cultura en 2012, que toma a forma dun casting de culturistas do noso país que puideran encarnar ao primeiro Rei de Portugal e acaba por ser un retrato da crise económica a través do que contan os homes entrevistados. Pendurada no medio da sala, proxectando a súa sombra sobre a pantalla, unha réplica da hipotética espada de Afonso Henriques empregada na rodaxe. O xogo co mito fundacional portugués e a súa perversa apropiación pola ditadura salazarista convive coa reflexión e ironía sobre os estereotipos de xénero na compaña de obxectos tomados da longa Morrer como um homem (a máscara mortuoria da protagonista e dúas fotografías de gran formato). A xenuína identidade (sexual, nacional) desafía as categorías pechadas convencionais, entendidas demasiadas veces coma verdades reveladas e inmutábeis, para cuestionalas con liberdade. 

DUELO presenta de maneira simultánea as primeiras curtametraxes en solitario dos cineastas, Parabéns! (1997), dirixida por João Pedro e protagonizada por João Rui, e O que arde cura (2012), do João Rui e co João Pedro coma actor, unidas por un plano que se repite nas dúas, un exterior filmado dende unha mesma xanela. Da superposición nace un resultado novo que tamén dialoga sen nostalxia co paso do tempo e resoa en HOJE É DÍA DE FESTA, obra multicanal de nove pantallas que aproveita o material filmado para Parabéns. PRAÇA DE ALVALADE é a orixinal disposición que adoptaron para a curta Manhã de Santo António, en proxección cenital sobre unha mesa. O espectador, de pé, contempla o filme dende arriba, quizais a perspectiva do santo patrón de Lisboa na praza do título, e iso reforza o pouso fantástico da volta á casa coma zombis dos mozos e mozas logo dunha noite de festa rachada. ALVORADA VERMELHA, o festivo, sanguento e imaxinativo retrato do mercado de Macau, pode verse en pantalla grande dende as vellas butacas do cineclube do Porto.

Impresionante é CASTING #1: TELMO RICARDO MENESES, 13-02-1999, na miña opinión a instalación máis valiosa da exposición. Unha cortina negra tapa a entrada de luz e dá paso a un corredor en U; o camiño é tan escuro que non vemos nada. Os ollos tardan uns minutos en afacerse á escuridade así que avanzamos ás apalpadas até chegarmos a unha pequena sala cun monitor. O que vemos e escoitamos é o primeiro casting dos moitos que fixeron para o filme O fantasma. O actor finalmente elixido foi o primeiro que entrevistaron, Ricardo Meneses, e o que nos presentan os Joãos é o material en bruto desa proba. Con precisión cirúrxica João Rui fai preguntas que conducen ao Ricardo, naquela altura un mozo de 17 anos, a explicar de forma descarnada mais sen ánimo lacrimóxeno a súa sufrida peripecia vital. Tiña problemas e marchou da casa familiar en Foz Coa para os resolver; “viñen a Lisboa con vontade de vencer”, di, mais chegou completamente á toa e acabou durmindo na rúa. Atopou traballo “en bares, á noite”, nun coñecido local de ambiente gay, o Finalmente. “Nunca roubei, nunca me droguei”, afirma con orgullo.

Nun certo momento João Rui pídelle que represente dúas escenas do guión, unha delas esíxelle quitar a roupa. Con certeza Ricardo Meneses non é quen de imaxinar que clase de filme vai ser O fantasma -fascinante e incómodo, perturbador e doloroso, un relato desesperado da busca do amor-; a súa mirada parece apuntar unha lixeira tristeza, mais retruca axiña para insistir en que a próxima vez sairá mellor e que está disposto a todo. A “vontade de vencer”, unha vez máis. Foi necesario dar pasos na escuridade para enfrontarse, na intimidade, a estes inesquecíbeis vinte e seis minutos que desarman e fan pensar.

Martin Pawley. Artigo publicado no semanario Sermos Galiza, número 207, con data 4 de agosto de 2016.