domingo, 9 de abril de 2017

Adeus a Feli Manzano

por Miguel Castelo

O pasado xoves pola noite pasei, camiño da miña casa, pola coruñesa praza de Luís Seoane, onde tiña o seu domicilio Feli Manzano, e tiven un especial recordo para ela. Digo especial porque sabía da súa situación delicada e da súa estadía en Madrid, na compaña da súa filla, Raquel, e de cando en vez a súa imaxe acudíame á cabeza. Ao día seguinte, o venres, 7, chegábame a triste noticia da súa morte.

Foi polos primeiros anos 60 cando Manolo Lourenzo, nos albores da actividade teatral n´A Coruña de posguerra, fixo tres montaxes de Oración, de Fernando Arrabal, nas que eu participei. Realmente, eran a mesma, o único que mudaba era a actriz que facía o papel feminino: Carmen Loureiro, Amparo G. Cores e Feli Manzano. Jorge Trigo e máis eu permanecemos nas tres. Na posta en escena -escena única-, o infanticidio do comezo prescrito polo autor fora substituído, supoño que por motivos de censura, por unha situación erótica cun desenlace inmediato: concluído o lance, o colega da muller, que o presenciara todo, entregáballe un puñal co que esta daba morte ao ocasional amante. Mais achegada á metáfora que ao realismo (non estaban as cousas para o explícito), a solución escénica pasaba por unha casta aperta unha miga alongada para incentivar a imaxinación do espectador. Consumado o crime e afastado o cadáver da vista do público, é dicir, botado para atrás das costas da parella, esta permanecía sentada e daba principio o inventario de paradoxos e perversas inxenuidades:

Home.- Desde hoy seremos buenos y puros.
Muller.- ¿Qué te pasa?
Home.- Digo que desde hoy seremos buenos y puros como los ángeles.
Muller.- ¿Nosotros?
(…)

Así, deste xeito, de partner de Feli Manzano, logo de ter ensaiado con Carmen Loureiro e Amparito Gómez Cores, se produciu o comezo da miña carreira teatral. O comezo e o final. Unha andaina escénica breve pero intensa, que me deu para aprender de memoria case que todas as intervencións dos dous personaxes, deitado detrás dos seus intérpretes no decurso todo da obra. Porque, por se aínda alguén non se decatou, eu era o morto. Malia ser así, a crítica valoraba o esforzo e o traballo dos actores: “Ayer en el salón de actos de los Dominicos tuvo lugar la representación de la obra teatral Oración, de Fernando Arrabal, dirigida por Manuel Lorenzo. Matizaron muy bien sus papeles Feli Manzano, Jorge Trigo y Miguel Castelo”, poderá encontrar o esforzado mergullador de hemeroteca nun dos dous diarios locais da época. Unha época ben diferente da actual, onde todo era carencia. Tal era así que os ensaios se facían na casa dos pais de Feli, na metade da Avenida de Finisterre, á altura de Santa Margarita. Voluntariosa e perseverante, cunha clara e inequívoca vocación, resultaba ben doado traballar con ela. Eu alí era un mero observador, pero mesmo na parte que me correspondía o noso contacto físico producíase de modo natural, sen finximentos e falsos pudores, comportamento non sempre habitual, e menos naquel tempo. Posuidora dunha ben dotada voz e unha boa fonética, acabou encontrando o espazo que lle correspondía dentro do oficio. Non vou falar dos seus traballos, sobradamente coñecidos. Mais, permítaseme lembrar unha das súas, para min, mellores intervencións: As muxicas (Carlos Alberto Alonso, 2002), con Tucho Lagares, o seu home, e a voz do propio Manuel Lourenzo.

Cálida e agarimosa, Feli Manzano deixa un grato recordo en todos cantos a coñecemos. No trato persoal, “Churriño/ña!” era o seu apelativo preferido. Gustaría de saber que o seu obrigado adeus non supuxo para ela sofrimento ningún. Botarémola de menos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario