Amosando publicacións coa etiqueta Encontros de Cinema de Viana do Castelo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Encontros de Cinema de Viana do Castelo. Amosar todas as publicacións

sábado, 19 de maio de 2018

XVIII Encontros de Cinema de Viana do Castelo: promovendo a creación da liberdade cinematográfica

por Miguel Castelo

Por décimo oitava vez, Viana do Castelo celebrou os seus Encontros cinematográficos, que fixeron o seu percorrido entre o 2 e o 7 de maio, congregando a un considerable número de persoas nesta capital do norte portugués.

Dúas grandes frontes articulan esta cita anual: a Conferência Internacional de Cinema e Olhares Frontais.  Incorporada con posterioridade ao nacemento dos Encontros de Cinema, a Conferência Internacional de Cinema vén reunindo cada ano por estas datas a un cada vez maior número de estudosos e especialistas  en materia cinematográfica. A esta edición -a sétima- concorreron trinta e catro comunicacións, das cales dezasete foron presentadas no apartado Cinema e Escola e outras tantas dentro de Cinema: Arte, Ciência e Cultura. Tanto na unha como na outra destas vertentes, a maioría de participantes, na súa práctica totalidade mulleres, proveu de Brasil, país onde o sistema educativo dedica desde o ensino primario até a universidade especial atención ao estudo do cinema e a imaxe audiovisual.  

Participación galega 

Galicia tivo así mesmo presenza con catro participacións, tres dentro do segundo e unha no primeiro dos dous apartados: “¿Qué debo mirar?”: vagabundeos terminales por la ciudad y el cine modernos, a cargo de José Manuel López Fernández, profesor de Guión na Facultade de Comunicación de Pontevedra, A Estética do Cru: da Revolução Digital Doméstica ao Cinema Comercial, de Miguel López Calzada, A representación da crise: fisuras, complicidades e rostros do cinema europeo, de Sabela Rei Cao, e Da Literatura ao Cinema: Crónica dunha experiencia didáctica, do autor desta información, respectivamente.

Previamente a este espazo de reflexión e intercambio, que tivo como sede a Escola Superior de Educação do Instituto Politécnico de Viana do Castelo, levouse a cabo a entrega do Prémio Ação04! dentro do Festival de Vídeo Escolar, nas modalidades de ficción e animación, unha convocatoria que ten como principal obxectivo “promover a práctica e a cultura audiovisual no ámbito escolar e está aberta a todos os grupos de alumnos ou Clubs de Cinema das escolas portuguesas do ensino Básico e Secundario.”

Vinte e catro primeiras obras

Pola súa banda, Olhares Frontais, “espazo de encontro e coñecemento entre investigadores, especialistas, profesionais, alumnos e profesores do medio cinematográfico particularmente centrado no cinema documental”, constitúe sempre o apartado de maior proxección pública dos Encontros. O teatro municipal Sá de Miranda, esplendidamente dotado para a actividade audiovisual, concentra en cada sesión un público numeroso entre o que se encontra a maioría dos autores das pezas, ao obxecto de presentalas e responder as cuestións que se susciten ao final das proxeccións. Vinte e catro filmes de curta metraxe realizados por alumnas e alumnos de escolas de cinema de Portugal e Brasil, optaron ao Prémio PrimeirOlhar, que os xurados, tanto o internacional como o de cineclubes, coincidiron en conceder, polos motivos que argumentan nas súas respectivas actas (1, 2), a Vidas Cinzas, de Leonardo Martinelli (Brasil).

Desbordante, provocador, irreverente

Outras películas, fóra de competición, fixeron parte desta fronte do certame: Vira Chudnenko, de Inés Oliveira, Gipsofila, de Margarida Leitão, Mães portuguesas que ficaram sem filhos na guerra, de Lucília Monteiro,  Desencaminharte, de Rui Esperança, e Jet Lag, do pontevedrés Eloy Domínguez Serén, título e autor convidado para a sesión de clausura, obras de moi diversas metraxes, ofreceron temáticas e resultados cualitativos moi diferentes. Con maior unanimidade foi recibido O Homem-Pykante - Diálogos kom Pimenta, de Edgar Péra; desde a subxectividade deste cronista, o título de maior interese dentro desta sección non competitiva. Un agudo e estimulante retrato do singular vate portugués Alberto Pimenta, no que este, entre poemas e consideracións diversas, mostra o seu desbordante enxeño, o seu provocador e irreverente sentido do humor  -da ironía ao sarcasmo-, a súa condición de espléndido rapsoda, a súa madeira de actor e o seu dominio da posta en escena; imaxes e sons especificamente elaborados para o filme e que organizados nun paciente e meditado traballo de montaxe con fragmentos diversos procedentes doutras situacións protagonizadas polo escritor, dan lugar a un suxestivo discurso ao que colabora un non menos excelente labor de posprodución, tanto no ámbito do visual como do sonoro. Un filme orixinal e intelixente co que os amantes da literatura e a palabra, do efecto revelador do paradoxo e provistos da vocación de encontrar o(s) sentido(s) da vida gozarán grandemente.

Teoría e reflexión

Entre outras actividades relacionadas co ámbito da teoría e a reflexión, que completaron a proposta deste ano de Olhares Frontais, levaron a cabo as denominadas “masterclass” (expresión saxona que se coou con éxito en áreas lingüísticas alleas) Estruturas narrativas, guionista como cineasta, da profesora brasileira Glaucia Davino, e O cinema iraniano e Abbas Kiarostami (Do plano geral a um close-up), impartida polo profesor da Escola Superior de Tecnologia de Abrantes e dirixente do cineclube da mesma localidade, Carlos Coelho, cun nivel moi superior ao da primeira.

Desta maneira, con algunha que outra cousa a maiores, no decurso de sete xornadas, un ano máis se cumpriu o obxectivo de “relacionar ideas e promover a liberdade efectiva da criação cinematográfica que, desde hai dezaoito, vén propondo AO NORTE, Associação de Produção e Animação Audiovisual, quen, coa participación económica da Cámara Municipal de Viana, se encarga de programar e pór na palestra e a pantalla estes Encontros dedicados, no máis amplo sentido da palabra, ao mundo da imaxe.

domingo, 14 de maio de 2017

XVII Encontros de Cinema de Viana do Castelo: o cinema na súa total dimensión

por Miguel Castelo

Unha vez máis a combinación de filmes realizados por estudantes de 1º, 2º e 3º ciclo de Ensino Básico e alumnado de Ensino Secundario, nas áreas de animación, ficción e documental, participantes no Festival de Vídeo Escolar, e a celebración de obradoiros audiovisuais coa proxección de filmes de temática escolar pertencentes a outras cinematografías, o foro de opinión e debate baixo o epígrafe da Conferência Internacional, as “masterclass” sobre as cuestións máis actuais que atinxen ao cinema, o Concurso Olhares Frontais, a sesión de cinema no cárcere e a presentación de libros e exposicións diversas constituíu o apretado feixe da oferta cultural e cinematográfica da décimo sétima edición dos Encontros Cinematográficos de Viana do Castelo que, organizados pola Ao Norte, Associação de Produção e Animação Audiovisual, co apoio da Câmara Municipal, tiveron lugar entre o 2 e o 7 do presente mes de maio nesta cidade do norte portugués.

O Festival de Vídeo Escolar, nas súas dúas modalidades de animación e ficción, axuntou un total de trinta pezas da autoría de estudantes de 1º e 2º de Ensino Básico e alumnado de Ensino Secundario, sendo máis numerosos nos primeiros as de animación (doce títulos), e as de ficción (dezaoito títulos) no segundo.

A sección Trabalhos da Casa ofreceu, dentro do apartado Histórias na Praça, seis títulos, e no apartado Olhares do Real + YEAD (Desenvolvemento Cultural para Público Xoven Europeo), cinco e catro títulos, respectivamente, filmes todos producidos e realizados no decurso da edición anterior. Ao tempo, levouse a cabo o workshop Escolas Animadas, impartido por Graça Gomes, do Cineclube de Viseu.

Dentro da sección Escola e Cinema ofrecéronse, destinados a alumnos/as de Ensino Secundario e Superior, os filmes My Escape, de Elke Sasse, Behemoth, de Zhao Liang, e I, Daniel Blake, de Ken Loach, título este último proxectado na xornada anterior, no marco do espazo Cinema Dentro, para os reclusos do Establecimento Prisional. E Brothers of the Wind, de Gerardo Olivares e Otmar Penker, e Wadjda, de Haifaa Al-Mansour, foron os títulos que dentro de Escola e Cinema se ofreceron ao alumnado de 2º e 3º ciclo, respectivamente.

Nas tribunas da sexta edición da Conferência Internacional de Cinema, no seus dous apartados, Cinema e Escola e Cinema: Arte, Ciencia e Cultura, que coordina o doutor José Ribeiro, da Universidade Federal de Goiás (Brasil) e do Centro de Estudos das Migrações e das Relações Institucionais (CEMRI)-Universidade Aberta (Portugal) presentáronse 13 e 26 comunicacións, respectivamente, e así mesmo tivo lugar unha mesa redonda sobre Cinema e Educação.

Olhares Frontais
“A programação dos Olhares Frontais dos XVII Encontros de Cinema de Viana procura promover articulações minuciosas centradas na lógica da presença de filmes e a colaboração de investigadores, especialistas, profisionais, alunos e profesores a través de uma privilegiada partilha de conhecimento do meio cinematográfico, particularmente centrado no cinema documental.” (Pedro Sena Nunes, Programador e Coordinador de Olhares Frontais).
Edgar Pèra co seu filme O espectador espantado, André Gil Mata con Como me apaixonei por Eva Ras, Cláudia Varejão con Ama-San, e Luciana Fina con Terceiro Andar, foron nesta ocasión os cineastas convidados deste espazo, dentro do que así mesmo tivo lugar a demostración comercial Cinema e Televisão… porquê digital?, que levou a cabo Carlos Alberto Henriques, e dúas espléndidas “masterclass”, Cinema Império. Propaganda colonial e censura no Estado Novo, impartida pola investigadora Maria do Carmo Piçarra, e Outros fazedores de cinema, a cargo da historiadora brasileira Alice Fátima Martíns, cos adecuados complementos a seguir das proxeccións dos filmes Streets of early sorrow / Caminhos para a angustia, de Manuel Faria de Almeida, e Monangambé, de Sarah Maldoror, e de Zagati, de Edu Felistoque, respectivamente.

Clausura, de Mariana França e Gildo António, alumnos do Centro de Audiovisual de São Bernardo do Campo, de São Paulo (Brasil) é o documental vencedor absoluto dos premios PrimeirOlhar desta edición, á que concorreron 19 títulos. Este galardón concédese ao mellor filme documental realizado por alumnos de escolas de Cine, Audiovisual e Comunicación da área lusófona (Portugal, Galicia e países de fala portuguesa) e está dotado en cada unha das súas modalidades con 1.000 euros. A curtametraxe dobremente gañadora aborda, a través das declaracións de diversos implicados entre os que está a propia realizadora, o tema da bipolaridade, a esquizofrenia e os estados depresivos e a súa influencia na creación artística. Tanto o xurado do premio oficial, integrado por Alice Fátima Martins, da Universidade Federal de Goiás (Brasil), Carlos Alberto Henriques, da empresa Colorize, e Carlos Campos Coelho, da Escola Superior de Tecnologia de Abrantes, como o do xurado de Cineclubes (que conceden conxuntamente a Federación Portuguesa de Cineclubes e a Federación de Cineclubes de Galicia), nesta ocasión formado por Rodrigo Francisco, do Cineclube de Viseu, Javier Rodríguez, do Cineclube Dzine e Fernando López Pérez, do Cineclube Ádega, das localidades pontevedresas de Lalín e Vilagarcía de Arousa, respectivamente, deron en coincidir na importancia da relación próxima e solidaria establecida polos realizadores cos seus entrevistados.

O Concerto Live Cinema, coa proxección do filme How to become nothing, de Pedro Maia, con música en directo a cargo de The Legendary Tigerman (Pablo Furtado) e manipulación de imaxe polo propio realizador, e a performance audiovisual Nan Collider, de António Rafael e João Martinho Moura, constituíron a parte máis experimental dos Encontros, aos que se lle puxo o punto final co derradeiro filme convidado, Um sonho soberano, de Gonçalo Guerra, un bocadinho máis próximo da reportaxe de televisión que do xénero documental.

venres, 10 de xuño de 2016

Na procura de públicos novos e novos realizadores

XVI Encontros Cinematográficos de Viana do Castelo 

Na procura de públicos novos e novos realizadores 

Por décimo sexta vez os Encontros Cinematográficos de Viana do Castelo volveron poñer en funcionamento a súa maquinaria co primordial obxectivo de dinamizar cinematograficamente o norte portugués. A esta causa dinamizadora, con esta e outras iniciativas, leva entregada AO NORTE, Associação de Produção e Animação Audiovisual, vinte e dous anos.
Os apartados estritamente cinematográficos que integran o programa dos Encontros están orientados ao alumnado de escolas de cine e de centros de ensino en xeral con interese no quefacer cinematográfico, no obxectivo de fomentar a aparición e desenvolvemento de novos realizadores e a formación de novos públicos, quen de se enfrontar ao cada vez máis desaforado torrente de estímulos audiovisuais de procedencia indiscriminada.

Olhares frontais
Olhares Frontais é a sección cinematográfica nuclear dos Encontros de Viana. Vinte e catro filmes -11 portugueses e 13 brasileiros- pertencentes a escolas de cine de Portugal e Brasil  -a Galiza non compareceu este ano á convocatoria- optaron dentro desta sección ao Prémio Primeiro Olhar (dotado con 1000 €), que o xuri integrado por Raquel Pacheco (docente e investigadora), Luis Duarte Ferro (arquitecto) e Tiago Porteiro (doutor en estudos teatrais) decidiu conceder a Becco do Cotovelo, de Eduardo Cunha e Pedro Cela (alumnos do curso de Comunicação Social, da Fundação Edson Queiroz, da Universidade de Fortaleza), retrato -se cadra unha miga exhaustivo- do bairro do mesmo nome, da cidade de Sobral, no estado de Ceará, ao nordés do Brasil. Este filme recibiu tamén o galardón do xuri de Cine-Clubes, composto por Elsa Cerqueira (docente e investigadora), Raquel Moreira (organizadora free-lance vinculada ao Festival de Vila do Conde) e Brais Moure (estudante de Comunicación Audiovisual na UDC, vinculado á Semana de Cine de Chantada). O primeiro dos xuris decidíu conceder tamén unha Menção Honrosa a Para lá do marão, de Jose Fernándes (alumno do mestrado en Realização Documental da Universidade Lusófona de Humanidades e Tecnologias, Docnomads), olhada elexíaca sobre a despoboación do rural.

Ensino básico e secundario
Alumnado de 1º e 2º Ciclo de Ensino Básico concorreu ao Prémio Acção 02!, nas modalidades de Animação e Ficção. Para a primeira superaron a selección cinco centros: Coimbra, Loures, Arouca, e Vila do Conde con dous. E catro fixérono na segunda: Paredes de Coura, Vila Nova de Famalição, e Madeira con dous.
Alumnado do 3º ciclo de Secundário optou ao Prémio Acção 02!. Á modalidade de Animação inscribíronse quince centros: Caldas da Rainha, Porto, Aveiro, Setúbal, Esposende, e Santa Maria da Feira, Vila do Conde e Coimbra, con dous, tres e cinco centros, respectivamente. O mesmo número participou na modalidade de Ficção, do seguinte modo: Vilanova de Gaia, Ponte de Barca, Arcos de Valdevez, Ponta Delgada, Instituto das Artes e da Imagem, Porto, e Albergaria-a-Velha, con dous, e Viana do Castelo e Faro, con tres.  
O xuri destes apartados estivo conformado por Alexandre Martíns (formador e realizador), Luzia Monteiro (docente) e Sérgio Nogueira (dinamizador e realizador), que decidiu conceder os galardóns do seguinte modo:
Prémio Ação02! (1º e 2º ciclo de Ensino Básico) para o Melhor Filme de Fição a O menino especial, realizado por alumnos da clase 3 DC, baixo a orientación da profesora Ivone Lima Machado, do Centro Escolar de Antas, do Agrupamento Escolas Camilo Castelo Branco, de Vila Nova de Famalicão.
Prémio Ação02! (1º e 2º ciclo) de Ensino Básico para o Melhor Filme de Animação a Remédio Marinho, realizado no ámbito dunha Oficina Animar, com alumnos de 4º ano, baixo a orientación da profesora Alice Eça, da Escola Básica de Areia, Árbore, de Vila do Conde.
Prémio Ação02! (3º ciclo de Ensino Básico) para o Melhor Filme de Animação a Abraço ecológico, realizado por alumnos do Clube MOVIMAGEM, da Escola Básica de Argoncilhe, do Agrupamento de Escolas de Argoncilhe, de Santa Maria da Feira.
Prémio Açao02! (Ensino Secundario) para o Melhor Filme de Animação a Os bravos do Mindelo, realizado no ámbito dunha Oficina Animar, con alumnos do Curso Vocacional de Expressões, Fotografia, Cinema de Animação e Vídeo da Escola EB 2, 3 D. Pedro IV - Mindelo de Vila do Conde.
Prémio Ação02! (Ensino Secundario) para o Melhor Filme de Ficção, a Estripas, realizado por alumnos do 2º ano, da clase D, do Curso de Comunicação Audiovisual da Escola Artística de Soares dos Reis, de Porto.

Histórias na Praza
Trabalhos de Casa 1, Histórias na Praza, apartado dedicado á análise e comentario das prácticas fílmicas realizadas na edición anterior, do que se encarga o realizador e profesor Pedro Sena Nunes, contou con cinco escolas participantes.
O Projecto Cinema Docnomads, Residência em Viana do Castelo, mestrado internacional de documentario, realizado coa colaboración das Universidades de Portugal, Hungria e Bélxica, contou nesta edición coa presenza de sete títulos.
Por segunda vez, os encontros vianenses levaron o cinema aos reclusos do cárcere municipal: Cinema dentro, así se chama este apartado, incluíu este ano o filme Terra Firme, de Emanuel Crialese. Logo da proxección, levouse a cabo un debate orientado por un membro da Amnistia Internacional.

Obradoiros e leccións maxistrais
Diferentes Workshops completaron este conxunto de proxeccións diversas.  Do filme documentario ao projecto teatral, do que se ocuparon Manuela Ferreira e Tiago Porteiro; "Stopmotion com Smartphone", "Introdução ás técnicas de animação em volumes", dedicado a alumnado de Ensino Secundario e impartido por Sérgio Nogueira; "Escolas Animadas", para alumnado de 1º a 3º ciclo de Ensino Básico, a cargo dos profesores Graça Gomes e Rodrigo Francisco. Pola súa parte, "Ação de Formação, Por dentro do filme. Como ler um filme em sala de aula", a cargo das profesoras Graça Lobo e Isa Catarina Mateus, contou coa presenza de arredor dunha vintena de asistentes, na súa maioría mulleres, profesoras de Ensino Básico e Secundario. As mesmas formadoras orientaron tamén un curso co o mesmo nome, destinado a educadores de infancia e a profesores do ensino básico e secundario, cunha duración de 25 horas, que contou coa presenza de 44 participantes.
Breves, pero intensas e estimulantes, resultaron as tres masterclass que fixeron parte desta edición: "Dialéctica entre a arquitectura e o cinema", "Memória das vítimas do Holocausto" e "Documentario interactivo", pronunciadas por Luis Duarte, Patricia Carvalho e Patricia Nogueira, respectivamente.

Filmes convidados
En sesión nocturna, no espazo Filmes convidados, os Encontros ofreceron a posibilidade de ver tres interesantes títulos: Rio Corgo, fascinante mestura entre documental e ficción a propósito da singular figura dun personaxe rural, de Maya Kosa e Sérgio Da Costa, Vigília, contundente retrato sobre a dúbida da vocación relixiosa, da autoría de Ana Mariz, e Entre cenas, agudo seguimento da rodaxe de Os Maias, filme de João Botelho, a cargo do veterano Rui Simões.  

V Conferencia Internacional
Como vén sendo habitual desde hai cinco anos, os Encontros Cinematográficos de Viana do Castelo, acollen no seu marco a celebración da Conferencia Internacional de Cinema. "Cinema e Escola" e "Cinema: Arte, Ciência e Cultura" foron os dous grandes apartados nos que se moveron as trinta e dúas comunicacións participantes -dezaseis en cada un-, procedentes na súa maioría de Brasil e Portugal. Tres comunicadores oriúndos do outra banda da ponte internacional, constituíron a excepción, se ben dous investigan actualmente no seo de universidades portuguesas.
A mesa redonda sobre Cinema e Educação, na que participaron unha boa parte dos palestrantes puxo o colofón a esta actividade, a parte máis erudita e académica dos Encontros.

Miguel Castelo

sábado, 16 de xaneiro de 2016

Diálogo e debate na V Conferencia Internacional de Cinema de Viana do Castelo

por Miguel Castelo

Os Encontros de Cinema de Viana do Castelo, que entre o 10 e o 15 de maio celebran a súa décimo sexta edición, inclúen por quinta vez dentro da súa programación a Conferencia Internacional de Cinema. Nada como espazo de diálogo, discusión e debate das principais cuestións que atinxen ao cinema, A Conferencia Internacional de Cinema de Viana ten como principais obxectivos:
-Promover o confronto de olhares entre estudos e experiencias vividas em projetos que envolvam o cinema e as suas múltiplas formas de manifestaçao.

-Apreender o complexo processo de mudanza na linguagem do cinema, nas tecnologías, na economia, nos objetos que aborda, nas histórias que conta, nos varios géneros que apresenta.

-Problematizar os temas da sociedade, da cultura e da interculturalidade a partir do estudo e análise das obras cinematográficas.

-Refletir sobre as posibilidades educativas do cinema na escola e na sociedade a partir da sua apropiação / fruição, análise e produção em contextos de formação ou de animação (social, cultural e artística).
E na súa quinta edición establece a súa área de traballo en duas temáticas centrais do cinema: Cinema e escola e Cinema, arte, ciência e cultura. O seu desenvolvemento levarase a cabo no decurso das xornadas do 12 e o 13 do mes citado, nas que terá lugar a presentación de comunicacións diversas, principalmente de Portugal, Brasil e España, que se alongarán nun tempo de coloquio e debate. Os seus organizadores, a Associação de Produção e Animação Audiovisual, Ao Norte, en cooperación coa Escola Superior de Educação do Instituto Politécnico de Viana do Castelo, o CEMRI-Laboratório de Antropologia da Universidade Aberta e a Câmara Municipal de Viana do Castelo, agardan unha notable participación e anuncian que as persoas interesadas poden formalizar a inscrición a través do seguinte enlace, antes do 31 deste mes.