Unha vez máis a combinación de filmes realizados por estudantes de 1º, 2º e 3º ciclo de Ensino Básico e alumnado de Ensino Secundario, nas áreas de animación, ficción e documental, participantes no Festival de Vídeo Escolar, e a celebración de obradoiros audiovisuais coa proxección de filmes de temática escolar pertencentes a outras cinematografías, o foro de opinión e debate baixo o epígrafe da Conferência Internacional, as “masterclass” sobre as cuestións máis actuais que atinxen ao cinema, o Concurso Olhares Frontais, a sesión de cinema no cárcere e a presentación de libros e exposicións diversas constituíu o apretado feixe da oferta cultural e cinematográfica da décimo sétima edición dos Encontros Cinematográficos de Viana do Castelo que, organizados pola Ao Norte, Associação de Produção e Animação Audiovisual, co apoio da Câmara Municipal, tiveron lugar entre o 2 e o 7 do presente mes de maio nesta cidade do norte portugués.
O Festival de Vídeo Escolar, nas súas dúas modalidades de animación e ficción, axuntou un total de trinta pezas da autoría de estudantes de 1º e 2º de Ensino Básico e alumnado de Ensino Secundario, sendo máis numerosos nos primeiros as de animación (doce títulos), e as de ficción (dezaoito títulos) no segundo.
A sección Trabalhos da Casa ofreceu, dentro do apartado Histórias na Praça, seis títulos, e no apartado Olhares do Real + YEAD (Desenvolvemento Cultural para Público Xoven Europeo), cinco e catro títulos, respectivamente, filmes todos producidos e realizados no decurso da edición anterior. Ao tempo, levouse a cabo o workshop Escolas Animadas, impartido por Graça Gomes, do Cineclube de Viseu.
Dentro da sección Escola e Cinema ofrecéronse, destinados a alumnos/as de Ensino Secundario e Superior, os filmes My Escape, de Elke Sasse, Behemoth, de Zhao Liang, e I, Daniel Blake, de Ken Loach, título este último proxectado na xornada anterior, no marco do espazo Cinema Dentro, para os reclusos do Establecimento Prisional. E Brothers of the Wind, de Gerardo Olivares e Otmar Penker, e Wadjda, de Haifaa Al-Mansour, foron os títulos que dentro de Escola e Cinema se ofreceron ao alumnado de 2º e 3º ciclo, respectivamente.
Nas tribunas da sexta edición da Conferência Internacional de Cinema, no seus dous apartados, Cinema e Escola e Cinema: Arte, Ciencia e Cultura, que coordina o doutor José Ribeiro, da Universidade Federal de Goiás (Brasil) e do Centro de Estudos das Migrações e das Relações Institucionais (CEMRI)-Universidade Aberta (Portugal) presentáronse 13 e 26 comunicacións, respectivamente, e así mesmo tivo lugar unha mesa redonda sobre Cinema e Educação.
Olhares Frontais
“A programação dos Olhares Frontais dos XVII Encontros de Cinema de Viana procura promover articulações minuciosas centradas na lógica da presença de filmes e a colaboração de investigadores, especialistas, profisionais, alunos e profesores a través de uma privilegiada partilha de conhecimento do meio cinematográfico, particularmente centrado no cinema documental.” (Pedro Sena Nunes, Programador e Coordinador de Olhares Frontais).Edgar Pèra co seu filme O espectador espantado, André Gil Mata con Como me apaixonei por Eva Ras, Cláudia Varejão con Ama-San, e Luciana Fina con Terceiro Andar, foron nesta ocasión os cineastas convidados deste espazo, dentro do que así mesmo tivo lugar a demostración comercial Cinema e Televisão… porquê digital?, que levou a cabo Carlos Alberto Henriques, e dúas espléndidas “masterclass”, Cinema Império. Propaganda colonial e censura no Estado Novo, impartida pola investigadora Maria do Carmo Piçarra, e Outros fazedores de cinema, a cargo da historiadora brasileira Alice Fátima Martíns, cos adecuados complementos a seguir das proxeccións dos filmes Streets of early sorrow / Caminhos para a angustia, de Manuel Faria de Almeida, e Monangambé, de Sarah Maldoror, e de Zagati, de Edu Felistoque, respectivamente.
Clausura, de Mariana França e Gildo António, alumnos do Centro de Audiovisual de São Bernardo do Campo, de São Paulo (Brasil) é o documental vencedor absoluto dos premios PrimeirOlhar desta edición, á que concorreron 19 títulos. Este galardón concédese ao mellor filme documental realizado por alumnos de escolas de Cine, Audiovisual e Comunicación da área lusófona (Portugal, Galicia e países de fala portuguesa) e está dotado en cada unha das súas modalidades con 1.000 euros. A curtametraxe dobremente gañadora aborda, a través das declaracións de diversos implicados entre os que está a propia realizadora, o tema da bipolaridade, a esquizofrenia e os estados depresivos e a súa influencia na creación artística. Tanto o xurado do premio oficial, integrado por Alice Fátima Martins, da Universidade Federal de Goiás (Brasil), Carlos Alberto Henriques, da empresa Colorize, e Carlos Campos Coelho, da Escola Superior de Tecnologia de Abrantes, como o do xurado de Cineclubes (que conceden conxuntamente a Federación Portuguesa de Cineclubes e a Federación de Cineclubes de Galicia), nesta ocasión formado por Rodrigo Francisco, do Cineclube de Viseu, Javier Rodríguez, do Cineclube Dzine e Fernando López Pérez, do Cineclube Ádega, das localidades pontevedresas de Lalín e Vilagarcía de Arousa, respectivamente, deron en coincidir na importancia da relación próxima e solidaria establecida polos realizadores cos seus entrevistados.
O Concerto Live Cinema, coa proxección do filme How to become nothing, de Pedro Maia, con música en directo a cargo de The Legendary Tigerman (Pablo Furtado) e manipulación de imaxe polo propio realizador, e a performance audiovisual Nan Collider, de António Rafael e João Martinho Moura, constituíron a parte máis experimental dos Encontros, aos que se lle puxo o punto final co derradeiro filme convidado, Um sonho soberano, de Gonçalo Guerra, un bocadinho máis próximo da reportaxe de televisión que do xénero documental.
Ningún comentario:
Publicar un comentario