luns, 11 de febreiro de 2013

The Last Stand (Kim Jee-woon, 2013)



Película de acción dirixida polo coreano Kim Jee-woon -o autor de estimables relatos de xénero como Dos hermanas e Encontré al diablo no seu primeiro título para a industria estadounidense, marcado polo fracaso en taquilla-, o filme representa o regreso da figura icónica de Arnold Schwarzenegger aos papeis protagonistas, carreira política mediante, desde o 2003, coa terceira parte de Terminator.

Un policía retirado, Ray Owens (Schwarzenegger) é agora sheriff do seu condado, unha localidade de Estados Unidos fronteiriza con México. A súa vida tranquila vese interrompida por unha perigosa operación co FBI como epicentro, a captura dun xefe narco mexicano, un prófugo condenado a morte ao tempo que ex piloto de carreiras profesional, Cortés (Eduardo Noriega).

A falta de pretensións, o sentido do humor ou o tratamento da violencia facilitan unha aposta pola (auto)parodia, un divertimento carente da sofisticación esaxerada, da dependencia tecnolóxica consustancial ao xénero nos últimos anos, que bebe do cine de acción dos 80-90, así como de elementos procedentes do spaghetti-western, proporcionando unha narración travesa, lúdica e entretida sobre a que gravita un tema eterno, o do crepúsculo dos heroes.

A acentuada división nos inicios do relato entre os dous focos argumentais, a cidade coa sede do FBI, episodio do capo prófugo, e o pobo co singular refrito da maxistral Río Bravo, non terminan de atopar a desexada fusión, presa de desaxustes de ton, incidindo en dúas vertentes, unha solemne, a outra suficientemente cachonda, que terminan por debuxar os límites mesmos da película. Nota: 6/10.

José Manuel Sande

Ningún comentario:

Publicar un comentario