Unha das maiores virtudes desta curtametraxe está no equilibrio entre o que conta e o que se mostra. Nos seus escasos seis minutos de duración despréganse unha serie de recursos visuais, de postas en escena e de montaxes que subscriben e reafirman a escusa argumental coa que se constrúe o filme, o gran tema da contemporaneidade: a memoria. A preocupación por este concepto enmascárase na ilustración dunha enfermidade asociada á debilidade memorística. A presentación dos síntomas do Alzhéimer ten unha dupla consecuencia: fai que a curtametraxe se mova por altos rexistros dramáticos e introduce unha aguda reflexión sobre a propia natureza do medio, xa que a memoria forma parte esencial do dispositivo cinematográfico.
No que atinxe ao primeiro aspecto, a curtametraxe móvese con astucia e sobriedade polo inestábel terreo que define o xénero dramático. Mais o risco de meter o pé nun fondo lameiro Xacio Baño evítao con axilidade e sobriedade sen caer en efectismos. Para iso hai que destacar -e isto é interesante no ámbito galego- a extraordinaria dirección de actores na procura de evitar calquera exceso de condutismo, nun elenco no que destacan sobre todo Mabel Ribera, a protagonista do filme, e José Barato, quen incorpora a súa voz en off para enfiar o relato.
Mais Anacos onde é mais rico é na segunda parte: na reflexión ontolóxica do cinema. Xacio Baño xa viña de facer outros traballos sobre os sentidos. En Estereoscopía trataba o proceso da visión coa escusa dun transplante de córnea. A triste vida do paciente víase alterada pola nova “óptica” que lle fai revivir experiencias pasadas alleas, unha dualidade que o director solucionaba desdobrando a pantalla. En Anacos volve acontecer o mesmo: recorre a un achado visual, a división da pantalla panorámica en cinco rectángulos verticais, para ilustrar a fragmentación e a fraxilidade da memoria.
Grazas a este split screen Baño é capaz, cunha economía narrativa excepcional, de amosar como se vai minando a memoria da nai de quen conta a historia. Un repaso vital moi íntimo que se vale de fotografías, de elementos metafóricos e de recreacións puntuais na biografía da muller extremadamente significantes que lle dan ao conxunto unha gran delicadeza sen caer na sensiblería.
Mais Baño non se detén aquí. O seu respecto polo cinema faille explorar a condición espectral que este ten: cada proxección revive un momento pretérito ao se ordenaren as luces e as sombras arquivadas no pasado. E por outro lado temos o tempo. O cinema ten moito de efémero, de infraleve; o filme nas pantallas é unha analoxía da vida porque nos conta unha historia en presente, esquecendo o comezo no pasado e precipitándose cara a un final futuro. É aquí onde xorde a erosión imparábel do tempo, exercendo unha conexión coa nosa percepción e a nosa memoria como espectador.
Xurxo González
* * *
Anacos forma parte da competición internacional do festival de curtas de Clermont-Ferrand, do 1 ao 9 de febreiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario