Este filme estreouse a semana pasada con dúas copias en España malia vir arroupada por unha distribuidora como Avalon e conseguir un importante eco mediático. Un cinema “do outro lado” que se intenta coar polas fendas dun sistema industrial rochoso e impermeable. Mapa é a primeira longametraxe de León Siminiani despois de iniciarse no mundo da televisión e do cinema a través de diversas curtas. Nel produciuse unha deriva que o fixo situarse teoricamente nos límites do sistema; esta procura dunha nova concepción cinematográfica aconteceu paralelamente a unha serie de vicisitudes persoais que son as que enchen, a modo de diario, a narrativa de Mapa. Asistimos pois a unha proposta onde se fai unha exaltación do “Eu”, onde se entretecen dous fíos principais: o diario persoal entendido á maneira de Rose McElwee e a narración consciente e abrumadora dos conflitos sentimentais ao estilo Woody Allen.
Se analizamos Mapa caemos na conta de que moitas das novas propostas cinematográficas insisten nunha produción individual e íntima para evidenciar unha mirada persoal e intransferible, mais corren o risco de caer en certo grao de narcisismo. O filme vólvese demasiado condutivista, emprega a coartada da reflexión metalingüística para manipular a mirada do espectador xa que os comentarios redundan sobre os contidos das imaxes. Este exceso de mediación fai achar de menos outras propostas de cinema diario (Godard, Marker, Vardá) que entran no terreo do complementario, da metáfora e do suxestivo. Mapa é unha singular road-movie que pasea polo mundo tendo este coma un mero pano de fondo a pesar dalgúns intentos por poñerse en contexto, meritorios si, mais fallidos. Moverse dentro dunha baldosa non é inconveniente para divisar o mundo. Nota: 4/10
Xurxo González
Ningún comentario:
Publicar un comentario