martes, 9 de outubro de 2012

Palabras de auga

Palabras de auga de Marcos Calveiro, Premio Merlín de Literatura Infantil 2012, é un libro pegado ao territorio de Africa. A terra é o tema absoluto, que trascende máis alá da necesidade de supervivencia. É o berce do recén nacido, o leito da felicidade mais é tamén a cova da dor profunda pola ausencia do fillo. A terra é renuncia e esperanza. Acaso non é iso a vida?

O escritor mergúllase na vida emocional e emocionante de Amadou, neno espelido e xeneroso, que viaxa cos pais e demais membros da tribo na procura da auga. Chama a miña atención como toda a súa aprendizaxe está xunguida á natureza e ao respecto a toda criatura viva. Tamén está o desexo de rachar co fatalismo e o inmobilismo da tradición, a preguiza dos homes, a guerra, o silente traballo das mulleres... E que ninguén se alporice, mais non hai moitos anos en Galiza comían primeiro os homes, logo os animais e por último as mulleres.

Para rematar: as ilustracións de Ramón Trigo son como a voz en off do relato. Emoción no mesmo rexistro.

@andreaxalleira

* * *

Palabras de auga está editado por Edicións Xerais dentro da colección Merlín.

Ningún comentario:

Publicar un comentario