venres, 26 de outubro de 2012

Así que pasen vinte anos: El sol del membrillo (de 1992 a 2012)

por Fernando Redondo Neira

“¿Me ayudas a trazar una horizontal?” O espectador que volva hoxe a El sol del membrillo experimentará emocións análogas ás de Antonio López cando, anos despois, volvía á terraza de Lucio, a onde acudía na procura dunha nova representación que rexistrara as pegadas do paso do tempo. Nun momento dado do filme de 1992, o pintor falaba de que o problema cos seus zapatos novos podía arranxarse “llevándolos a la horma” (¿hai un procedemento máis anticuado?). Despois, a radio informaba dun conflito internacional que nos situaba nunhas exactas coordenadas da Historia. Pola metade, os amigos contemplan unha reprodución do Xuízo final de Miguel Anxo mentres agardan a que lles traian unha Coca-Cola. Antes, o que está de visita dicía que a paixón pola música “la seguimos teniendo pero de otra manera”. E en todo momento, do que se trataba era de aprender a mirar. Unha aprendizaxe que consiste en fixarse no percorrido do sol, na pel escintilante dos brillos e fulgores que arranca da pel dos froitos, no paso das nubes e nas sombras que proxectan sobre a árbore.

Todo leva a marca do tempo, mesmo ese demorarse da cámara no espazo aberto contiguo á casa do pintor, alí onde o chío do tren puntúa tamén o transcorrer das horas. E o paso do tempo non deixa de agrandar esta marca. Como unha xeometría da memoria, o pintor pregunta ao amigo se lle axuda a trazar unha liña que lle facilite a representación da árbore, a penas un trazo sobre a superficie en branco do lenzo sobre o que vai gravitar o intento de capturar o tempo e o espazo, que ven sendo, neste caso, o intento de capturar unha forma de plenitude

Xa que tamén as matemáticas son un sistema de representación, nesa horizontal podemos dispoñer un roteiro de imaxes que remiten ao efémero da plenitude e ao devir dun tempo estendido. Vinte anos despois, determinadas secuencias acadan significados novos e outras lecturas emerxen do coñecemento de determinados acontecementos por parte do espectador. Sabedores da morte do amigo que ía de visita á casa de Antonio López, o tamén pintor Enrique Gran, que finou nove anos despois vítima dun incendio na súa casa, a súa presenza fílmica accede a un territorio habitado pola intemporalidade, por un alento de transcendencia da que se invisten as palabra que alí escoitamos e onde os xestos cotiáns (miradas, sorrisos, acenos, coplas cantadas a dúo…), sen perder esta condición, deveñen nunha sorte de universalidade, de verdade e de recoñecemento do real. Ao xeito dunha secuencia que recollera o esencial do filme, aquela conversa ao pé da árbore vira agora, necesariamente, cara direccións dunha emotividade nova e radical. Alí, xunto ao amigo, Enrique Gran comenta o estado febril no que agora traballa, sabendo que “el tiempo real no puede ser largo, aunque todavía hay unos años”. Intuíndo que a súa vida traza unha horizontal que o curso do tempo vai dobrando en espiral (a que permite avanzar sen deixar de volver, doutra maneira, sobre o pasado), lémbrase dos anos de formación na escola de Belas Artes, da complicidade cos compañeiros, do respecto polo mestres e das súas ensinanzas. Tratándose de aprendices de pintores, aquel era un maxisterio sobre as maneiras de ollar o mundo e de representalo, por iso entenden agora, como non puideron entender daquela, a súa lección: “más cuerpo, más cuerpo”.

Situándose nesa liña que parece representar o tempo ido, o tempo por vir e o propio presente efémero, o amigo do pintor, xunto co recordo dos anos de mocidade, fala con entusiasmo da beleza do modelo que trata de plasmar no seu traballo dese momento. E un tema ocupa a parte esencial da conversa, que é o da foto que fixera unha amiga, Conchita, na que ambos aparecían: “Estábamos en la puerta de la escuela (…) la recuerdo y me impresionó mucho porque el gesto de ambos era el mismo, o sea, de la pasión, valga la frase, por el arte”. É unha foto que non puido atopar, como tampouco o pintor puido representar a árbore. Dúas renuncias. A foto perdida, como a memoria que está a esvaecerse, xunto coa imposibilidade de captar o sol no marmelo, como outro intre chamado a desaparecer.

Vinte anos despois, emerxe esta reflexión sobre o efémero e sobre a memoria, cando a memoria devén como precaria posesión do suxeito, coa que a imaxe no tanto que rexistro contribúe a manter en pé. Á altura de 2012, a reflexión que provoca El sol del membrillo preséntase tinguida da emoción que emerxe do situarse naquela liña horizontal. Nalgún punto desta liña está a foto perdida, están os dous amigos conversando e cantando unha copla que di “Cariño mío, cariño mío, ramito de mejorana” e está a noticia do xornal, atopada de casualidade nunha navegación pola rede, onde se refire o pasamento de Enrique Gran. Igualmente poderiamos ter atopado a necrolóxica de Lucio Múñoz. Por esa liña, transcorre tamén a visita que estoutro pintor realiza no filme a Antonio López, coma este acudira á terraza madrileña daquel en, polo menos, dúas ocasións distintas para representar a paisaxe que se vía dende alí. Ao final, El sol del membrillo debuxa un xeito de itinerario que ben se podería comparar cos que trazan as personaxes de Abbas Kiarostami (con que sabemos agora que Erice se cartea) deseñando tamén formas semellantes á espiral, indo e volvendo polo mesmo sitio, indo, tamén, nalgunhas ocasións, na busca do amigo.

“Allá al fondo está la muerte, pero no tenga miedo”, advertía Cortázar ao inicio das súas instrucións para dar corda a un reloxo. Se tratamos do tempo tamén tratamos -é inevitable- da morte, como unha pulsión que aniña no cerne deste filme. Estás os froitos podrecidos do chan, os cadros instalados na escuridade do sótano, o xuízo final, a bola que cae rodando, o soño no que imos ao encontro dos que morreron; pero tamén o lenzo ‘resucitado’ por María Moreno. No ciclo da vida, como tamén o filme se ocupa de destacar, sempre emerxe unha nova primavera. Falar da sombra que proxecta, vinte anos despois, aquela árbore do patio de Antonio López lévanos a El cielo gira, ou ben, e non parece casual o nome, ao grupo fílmico Los Hijos. Nada máis que dúas mostras da fértil herdanza deste título esencial.

2 comentarios:

  1. Unhas reflexións de moito interese, este filme de Erice dá para moito. Señor Pawley, siga achegándonos artigos coma este.

    ResponderEliminar