sábado, 5 de maio de 2012

Tabu (Miguel Gomes, 2012)

Ana Moreira e Carloto Cotta en TABU (Miguel Gomes, 2012; O som e a fúria)

Tabu de Miguel Gomes: o que debera ser o cinema

A inmensa maioría dos cinéfilos tivemos noticia do Miguel Gomes a conta do éxito crítico no Festival de Cannes 2008 do Aquele querido mês de agosto, un intelixente obxecto híbrido que se desprazaba do documental cara á ficción e integraba con humor as non pequenas dificultades da súa rodaxe. A filmografía deste crítico reconvertido en director comezara realmente case dez anos antes e contiña xa naquela altura media ducia de curtametraxes e unha longa ben valiosa, A cara que mereces, que depuraba a atinada combinación de fonda cinefilia e afiada ironía (mesmo certa excentricidade) que son marca da casa. O entusiasta recibimento do Aquele... na Quinzaine des Réalisateurs, preludio dun longuísimo percorrido por importantes certames internacionais (e premios no BAFICI, a Viennale, Las Palmas ou Valdivia), supuxo un cambio de escala, o que transforma un autor emerxente nunha figura de referencia no cinema contemporáneo.

Era lóxico que houbera unha elevada expectación polo seu novo filme, Tabu, maior aínda tras a súa selección na competición oficial dun dos tres principais festivais do mundo, a Berlinale. A estrea en Berlín veu seguida dunha morea de comentarios eloxiosos, e o desprezo expreso manifestado polo enviado especial de El País non facía máis que confirmar o que xa intuïamos: que estabamos diante dunha obra superior, recoñecida finalmente polo xurado co premio Alfred Bauer e tamén, como non, co premio da federación de críticos, o FIPRESCI.

Dividido en dúas partes cuxos títulos citan -pero en orde inversa- as do Tabu de Murnau, cuxa pegada se evoca tamén no nome da protagonista, Aurora (tradución portuguesa do Sunrise, outro dos cumes do cinema silente), o filme do Miguel Gomes adopta formas clásicas -un coidado branco e negro e o formato académico 1,37:1- para vestir unha obra consciente de que o cinema non morreu nos anos 70 e en consecuencia intimamente ligada ao momento e o lugar no que foi feita. Non ten pois nada de “homenaxe”, eufemismo que moitas veces empregamos para non falar de copia, nin é un pastiche -caso de The artist- que apela á memoria sentimental do espectador invocando unha imaxe falsa doutros tempos. O Tabu de Gomes é fillo dunha historia nobre coa que dialoga de forma natural; érguese sobre os ombros de xigantes para sinalar o camiño, ou, na acertada síntese de Sergio Wolf, explicar “que foi, que é, que será e que debera ser o cinema”.

Despois do exquisito prólogo do intrépido explorador, a dama decimonónica e o crocodilo melancólico, de esaxerado -até a parodia- espírito romántico, arranca o primeiro segmento do filme, Paraíso perdido, un relato de soidade e saudade con tres mulleres ligadas pola veciñanza: a anciá Aurora (Laura Soveral), moi lonxe xa dos seus días de gloria; a súa lacónica empregada caboverdiana (Isabel Cardoso) e Pilar (Teresa Madruga), entregada ás causas sociais. Episodios cotiás tan pouco novelescos coma emocionalmente eficaces, matizados por apuntamentos de humor, que acaban por desvelar unha gran historia de amor e crime acontecida moitos anos atrás na África colonial portuguesa.

“Aurora tinha uma fazenda em África, no sopé do monte Tabu” son as palabras que dan paso ao segundo bloque, Paraíso, o romance adúltero de Aurora (nesta etapa, Ana Moreira) e Ventura (Carloto Cotta) narrado por este último na actualidade (Henrique Espírito Santo). Un bloque sonoro mais sen diálogos que se encamiña á traxedia e recupera o desesperado romanticismo do inicio, agora cun ton completamente diferente, sen retranca que alixeire o peso dos tempos idos, os amores imposíbeis e as amizades perdidas. O peso do pasado e da memoria, tamén a colectiva, a do período colonial introducido con delicadeza nun guión modélico, obra de Miguel Gomes e Mariana Ricardo, transformado en imaxes arrebatadoras polo sobrenatural traballo fotográfico de Rui Poças. Tabu é un mito instantáneo: o cinema fíxose grande grazas a filmes coma este.

Martin Pawley. Artigo escrito para o número de abril da revista Tempos Novos.

5 comentarios:

  1. Cine para gozar, certamente. Unha primeira parte onde se xuntan as soedades de tres mulleres en distintas etapas da súa vida. Significativa a escea do cine onde Pilar se emociona, mentres o seu acompañante permanece á marxe durmindo. Da segunda parte destacaría a orixinalidade no desenvolvemento, mesturando varios xéneros narrativos. O mellor que teño visto desde hai tempo.

    ResponderEliminar
  2. Convén insistir na excelencia do elenco do filme. Aos xa citados no texto debo engadir o nome de Manuel Mesquita no papel de Mário.

    ResponderEliminar
  3. TABU é un soño maravilloso para compartir con todos os que amamos o cinema. Un soño, si, como o que Aurora lle conta a súa amiga Pilar despois da derradeira visita ao casino. TABU é o relato urxente da memoria agotada e confusa dunha dama de outros tempos, que precisa ser mostrado (dreams don't say things, they show things) para dicirnos que ainda estamos vivos e, que ainda somos quen de vivir e crear historias.
    Para min, TABU é basicamente ritmo, mais un ritmo cósmico, semellante as fases da Lúa que plano a plano nos vai suxerindo o tempo emocional dos personaxes. No prólogo a voz de Miguel Gomes é como a batuta dun director de orquestra que conduce ao intrépido explorador ata as augas pantanosas onde un crocodilo espera... Pero o explorador é un home metódico e antes de arroxarse as augas, despídese con unha reverencia xenial.
    No Paraiso Perdido Aurora precisa da axuda de Pilar para pechar o seu pasado. Pilar semella non ter outra cousa que xestionar máis que a súa soedade. E logo está Santa, presenza de absoluta plenitud como actriz, que marca o punto de equilibrio no conflicto competitivo que se dá en torno ao coidado da señora. Pero a imaxe definitiva desta primeira parte é esa bágoa soiña que esvara lentamente polo rostro ainda fermoso de Ventura, despois do enterro de Aurora. Será esta a verdadeira cara do crocodilo triste e melancólico?.
    Ela tiña unha facenda en Africa.....son as palabras que nos levan ao Paraiso. Ventura pon as palabras nesta historia de amor que non as precisa. Africa é a única luz que Aurora coñece, o único territorio que domina e onde é feliz casada cun home que a ama. Pero hai en Aurora algo máxico que nos atrapa; ese xeito de danzar arredor da mesa mentras as criadas limpan, a súa forma de camiñar pola sabana cando vai de caza. Aurora está xunguida á terra e ao seu ritmo e así é como xurde a verdadeira historia de amor, protexida pola maxia da natureza e ameazada polas leis dos homes.

    ResponderEliminar
  4. Mario é o meu heroe. Personaxe marabilloso que pasa de ser aprendiz de crego en Lisboa a alma máter dun conxunto pop en Africa. Mario é dono do suficiente "charme" para engaiolar a parte femenina dos dous mundos e faino asumindo as propias contradicións coas que carga ata o final, o mesmo que carga coa cruz regalo do seu avó, peso simbólico da súa vida.
    A festa que se celebra na casa da piscina é a perfecta representación da fantasía dos ocupantes, donde todo é posible por máis que semelle irreal. Música de brancos nun territorio negro; un mozo que espanta os fantasmas golpeando o aire e o anfitrión que remata a festa con un disparo. Dá a sensación de que é algo máis profundo o que está a piques de rematar en Africa.
    Mario respira liberdade viaxando co seu fillo e outros cativos compartindo risas e ledicias; sen responsabilidades paternas regresa ao tempo máis feliz, a infancia. Pero o tempo da felicidade sempre é demasiado curto e o meu heroe será a primeira víctima da traxedia que intenta evitar. O seu compromiso coa lealdade dos amigos lévao a esquencer que a única saida que ven os escravos é fuxir (e ás veces o amor deriva en escravitude).
    Ollamos a secuencia final da súa morte con dolorosa sorpresa. O seu corpo morto viaxa na parte traseira do coche, espazo reservado para animais e negros... convertido en cadaleito de honra para Mario.

    ResponderEliminar
  5. e aquí estou de atrevida cinéfila diletante para dicir, malia os 38º de febre, os recordos que me deixou esta inmensa película. Inmensa porque non me cedeu espazo para o respiro mentres a a devoraba (ou ao revés, mentres ela me engulía con sabia voracidade) e inmensa porque había tempo que unhas imaxes e unha historia, en perfecta harmonía blanquinegra, non batían o corazón e o cerebro con tanta sensibilidade.
    Entusiasmoume, entusiasmoume toda ela. Cada aparición animal, o crocodilo nas augas, o can na xanela, o tucán nas follas, cada aparición animal, digo, era un acto de celebración do único, un indicio de que algo grande estaba a pasar. E o que pasaba era unha historia tan cotián que se convertía, por obra e graza de non sei que técnicas da arte, en aventura extraordinaria. O amor, a paixón por riba de todos os preconceptos e convencións convertido en personaxe omnipresente.
    Non coñecía absolutamente nada deste Miguel Gomes, a miña formación cinéfila é bastante reducida, pero se este autor non está na nómina dos selectos, o meu asombro levaríame a dubidar dos criterios de valoración d*s que se adican a divulgar a sabedoría en fotogramas.
    Teño gañas de máis, como cando degusto unha boa onza de chocolate belga e os xugos gástricos rebélanse se non os satisfago con outra ración. O pouso que me deixou medra en entusiasmo cos días e asáltanme secuencias e frases en situacións do máis cotián. E a mensaxe que me envían sempre empeza un 28 de dezembro.
    Saúde e benvidas películas coma esta porque o soño de ter unha granxa en África xa é patrimonio da humanidade.
    Apertas

    ResponderEliminar