Os Premios Goya celebran por todo o alto o seu vinte e cinco aniversario e desprázanse a un escenario de luxo, o Teatro Real de Madrid, mais o certo é que non hai motivos para facermos festa. E non, non me refiro ao lamentábel espectáculo vivido a conta da (inútil) Lei Sinde, co presidente da Academia, Alex de la Iglesia, manifestándose en contra co entusiasmo dos conversos despois de que o convenceran os seus amigos en twitter, e a vicepresidenta, Iciar Bollain, amosando sen disimulo as súas ganas de ser califa en lugar do califa. A dos Goya será unha festa amarga porque as cifras do cinema en España en 2010 son obxectivamente nefastas e non hai marxe para tirar delas conclusións positivas.
Son datos frescos, presentados hai dous días no Festival de Berlín polo Observatorio Europeo Audiovisual como adianto dun informe máis completo que verá a luz en maio. No conxunto da Unión a asistencia ás salas baixou lixeiramente o ano pasado, arredor dun 2%, pero a maior parte dese recorte corresponde a dous países, Alemaña e España. Na Alemaña vendéronse vinte millóns de entradas menos; en España “só” trece, de maneira que o total queda en 97 millóns, por debaixo da cifra simbólica dos cen: perdeuse un de cada nove espectadores. O severo retroceso hispanoalemán fica compensado polo significativo aumento de público noutros países, caso de Rumanía, Finlandia, Bulgaria e sobre todo Italia, que sobe tanto como baixou España, un feito ao que non é alleo o fenómeno Avatar, que alí se estreou uns meses máis tarde. O principal referente segue a ser Francia, a gran locomotora do cinema europeo que obtivo en 2010 o mellor rexistro en corenta anos: 206 millóns de espectadores, máis do dobre que en España.
Os números son menos dramáticos no que atinxe ás recadacións, maquilladas polo feito de que o prezo medio das entradas non deixa de aumentar, nomeadamente polo alto custo das sesións 3D. En calquera caso son malos: en España o negocio do cinema perdeu corenta millóns de euros, un 5% dos seus ingresos. Peor aínda é o dato da cota de mercado, que no caso da produción propia española supera por pouco o 12%. Gáñannos os suecos, os alemáns, os checos, os dinamarqueses, os finlandeses, os holandeses e os polacos, e por suposto os italianos e os franceses. O cinema español arrastrou doce millóns de espectadores ás salas, tres menos que en 2009; e deses doce, un terzo corresponde unicamente a tres películas, Tres metros sobre el cielo, Los ojos de Julia e Que se mueran los feos, filmes con pretensións comerciais que levan o selo de Antena 3.
A alfombra que pisarán esta noite os convidados á gala dos Goya é vermella, coma os números da industria. Hoxe coñeceremos a decisión final dos académicos, descubriremos se castigan ou non ao autor de Balada triste da trompeta polo seu cambio de actitude ante o (falso) problema das descargas ou se caen seducidos polas leccións sociopolíticas de Paul Laverty e Iciar Bollain na discursiva También la lluvia. Saberemos se optan por recoñecer a vocación internacional da mediocre Buried, cuxos resultados foron máis modestos do que algunhas voces quixeron facernos crer, e constataremos se os votantes cataláns teñen forza abondo para colocar Pa negre na listaxe de triunfadoras. Esta edición dos Goya é a máis aberta dos últimos tempos, pero gañe quen gañe hai unha cousa que está ben clara: este ano perdeu o cinema. En todos os sentidos.
Martin Pawley. Publicado en Xornal de Galicia o domingo 13 de febreiro de 2011
Ningún comentario:
Publicar un comentario