sábado, 5 de febreiro de 2011

Historias mínimas de Arxentina

Cineasta do silencio, a esencialidade e a concisión máis depuradas, o arxentino Lisandro Alonso (Buenos Aires, 1975) pertence á poderosa canteira do Novo Cine Arxentino, un grupo de directores simultaneamente sutiles, versátiles, talentosos e arriscados (Martel, Trapero, Llinás, Villegas, Murga, Rejtman ou Matías Piñeiro) que xorde no país no medio da hecatombe socioeconómica nos albores do século XXI.

Intermedio vén de reunir as tres primeiras longametraxes de Alonso, La libertad (2001), Los muertos (2004) e o particular encontro a modo de fusión entre os dous personaxes –Argentino Vargas e Misael Saavedra–, protagonistas das películas anteriores de Alonso, en Fantasma (2006). Caracterizadas polo seguimento dun solitario e insondable personaxe, a progresiva agregación de elementos ficcionais e a idea mesma de liberdade e itinerancia –tránsitos estoicos– como chaves da súa singular actitude, Alonso alcanza, entre parabéns críticos e premios –Viennale, Rotterdam, Karlovy Vary–, a súa madurez expresiva con Liverpool (2008). Tenro relato localizado na Terra do Fogo, gañador no Festival de Xixón, é un punto e seguido no seu cine que, pese a preludiar palabras maiores –aumento de narratividade, fisicidade e seguridade visual–, vese por agora inmerso nunha mudez tan elocuente como o das súas criaturas fílmicas.

O material deste cofre desvela con maxín a pureza –baziniana, para o crítico Quintín– deste cineasta, a través dun documental sobre a rodaxe de Los muertos, unha gravación musical, planos descartados, entrevistas fundamentais, a curtametraxe novel Dos en la vereda e un penetrante ensaio con textos de Francisco Algarín e Virginia e Santiago Fillol.

José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 5 de febreiro de 2011

Ningún comentario:

Publicar un comentario