A finais de xaneiro proxectouse no Fórum Metropolitano da Coruña o filme de Abbas Kiarostami Copia certificada, na miña opinión o mellor dos estreados en 2010. As cinco sesións sumaron un total de 364 espectadores, que equivale ao 93% da capacidade dese espazo. Só coa audiencia do Fórum Copia certificada entraría esa fin de semana na listaxe das cincuenta películas máis vistas en todo o estado, empatando con títulos comerciais coma Burlesque, unha cousa con Cher e Christina Aguilera que non parece que debamos tomar en serio e que nesa altura circulaba aínda por doce salas España adiante.
Se falan con distribuídores e exhibidores escoitaranlles dicir que non hai público para o cinema de autor nin para a versión orixinal, e menos en Galicia. Teñen razón. Os 364 cidadáns que vimos no Fórum a alfaia de Kiarostami non existimos: somos seres invisíbeis, quizais fantasmas. Tampouco existimos os once mil espectadores que tivo o CGAI en 2010, máis de trinta de media por sesión. Trinta! A última vez que fun a un centro comercial para ver unha película na sala había catro persoas, pero pesan máis que os trinta espectros que acudimos acotío á filmoteca galega. En novembro Cineuropa vendeu trinta e dúas mil entradas, pero esa xente tampouco conta: han ser anxos do ceo, que por algo Santiago é cidade santa. Público, o que se di público, só é o de Angelina Jolie; os seareiros de Apichatpong como moito somos culturetas, individuos de pouco fiar que non collemos nas estatísticas.
En calquera caso, e supoñendo que estivesen no certo... a que esperan entón para crear ese público que lles falta? E se coma Bartleby “prefiren non facelo”, de que se queixan logo?
Martin Pawley. Publicado en Xornal de Galicia o venres 11 de febreiro de 2011
Ningún comentario:
Publicar un comentario