venres, 18 de febreiro de 2011

Rumbo a peor


O primeiro ano do século XXI foi excepcional para o cinema español: xuntou 26 millóns de espectadores con dous filmes á cabeza, Los otros de Alejandro Amenábar e Torrente 2 de Santiago Segura, que recolleron por si sós o 44% do total. O cinema de produción estranxeira mantívose á altura e os resultados globais foron de fábula: 146 millóns de entradas vendidas, unha cifra que hoxe nos parece irrepetíbel. A década cerrouse cuns datos inquietantes: 97 millóns de espectadores, apenas doce para o cinema español. Entre eses dous anos extremos, 2001 e 2010, perdemos case cincuenta millóns de entradas. Máis alá do rechamante (e aterrador) que resulta este dato o interesante é a tendencia, que apunta á baixa: a gráfica que debuxa a asistencia ás salas ao longo dese período ten pendente negativa e nada indica que as cousas vaian cambiar, máis alá de pequenas correccións puntuais.

Este 2011, por exemplo, vai ser un ano satisfactorio para a produción estatal: esa é a vantaxe de vir detrás dunha tempada desastrosa. En termos comerciais, que non artísticos, comezou ben con También la lluvia de Iciar Bollain e mellor aínda con Primos, de Daniel Sánchez Arévalo, e esta liña continuará coa estrea dentro dunhas semanas de Torrente 4 (un éxito seguro, falta só determinar a súa magnitude) e en setembro co novo traballo de Pedro Almodóvar, La piel que habito, que a pouco que non sexa un horror arrastrará a un millón de persoas a ver a Antonio Banderas e Elena Anaya. Con eses bois tirando do carro moi probabelmente en xaneiro de 2012 respiraremos aliviados falando dunha certa recuperación, mais a corrente de fondo seguirá a ser a mesma. É mellor estarmos avisados.

Martin Pawley. Publicado en Xornal de Galicia o venres 18 de febreiro de 2011

Ningún comentario:

Publicar un comentario