Sendo o de Pamplona un festival que leva por nome Punto de Vista resulta especialmente atinada a elección do filme inaugural da súa sétima edición: Nénette, obra mestra do director francés Nicolas Philibert que ten coma protagonista á orangutana do título, recluída durante corenta anos nun zoo de París. A proposta de Philibert é tan sinxela e diáfana como provocadora e eficaz: a cámara filma con detalle o seu encerro mentres en off escoitamos as voces doutros primates, estes da especie Homo sapiens, ben sexan científicos que falan dela ou os propios visitantes do zoo. Un terceiro grupo de primates é o que formamos os espectadores do filme, os que miramos para Nénette e caímos seducidos -perdoen o tópico- pola poderosa humanidade dos seus ollos. Nénette fítanos dende a pantalla e no seu xesto identificamos sentimentos iguais aos nosos (a tristura, o tedio, a dor) nun xenuíno e desarmante exercicio de re-coñecemento.
Un excelente comezo para un festival que pasea polo mellor da non ficción contemporánea, cunha competición oficial que inclúe documentais da calidade de Foreign parts de John Paul Sniadecki e Verena Paravel ou 48 de Susana de Sousa. Nostalgia de la luz do chileno Patricio Guzmán, que conecta a exploración do universo dende os telescopios de Atacama coa busca dos corpos das persoas asasinadas pola ditadura de Pinochet, e a vídeo-correspondencia entre Jonas Mekas e José Luis Guerín destacan nunha programación que ten o seu principal atractivo na sección La Región Central, con filmes de John Gianvito, Sharon Lockhart ou Lucien Castaing-Taylor e tres máis que se poderán ver a semana próxima no CGAI: The Last Buffalo Hunt, The Indian Boundarie Line e Get out of the car.
Martin Pawley. Publicado en Xornal de Galicia o venres 25 de febreiro de 2011.
Ningún comentario:
Publicar un comentario