Claude Lanzmann (París, 1925), titánico autor do monumento fílmico Shoah (1985), doce anos de investigación, filmación e montaxe, analisase a sí mesmo á maneira dun heroe clásico. Se a película traza unha revisión extrema do exterminio xudeu polos nazis a través dos que sobreviviron –o tema é a morte, non a supervivencia- coa renuncia a calquera material de arquivo, Lanzmann ofrecenos agora un pertinente libro de memorias, clave para orientarse no seu universo.
Libro trepidante e envolvente, crónica dunha vida intensa, describe o compromiso da fundación de Les Temps Modernes, as viaxes por Israel e a condición de singular xudeu, a presenza na resistencia francesa, Arxelia, as (des)ilusións de Corea e China, a sucesión de amizades e encontros (o dúo Beauvoir-Sartre en primeiro plano, os sinais de Deleuze, Lazareff, Marker, Cousteau, Mitterrand, Beguin,…), todo marcado pola incursión na topografía do terror, o horror derivado do ser humano.
Con algo de xenio vitalista e rabudo, de saberes eclécticos, Lanzmann resulta un solitario perfeccionista, creador dunha épica propia de resistencia. Home do seu tempo, condenado á responsabilidade prematura, deixa asomar inocencia, integridade e curiosidade.
Unha intelixente estrutura narrativa deixa as peripecias fílmicas para o tramo final, mentres a sagaz escritura formúlase nun insólito tempo presente –faise e desfaise- grazas ao procedemento: memorias ditadas antes que escritas, inflexións de concienciudo contacontos que nos devolven a Shoah: “Os recordos prodúcenme espanto: son febles. A película é a abolición de toda distancia entre o pasado e o presente; revivín toda a historia en presente”.
José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 26 de febreiro de 2011
Ningún comentario:
Publicar un comentario