No paseo que aínda agardamos triunfal para The Social Network apareceu un obstáculo importante. Ou dous. O primeiro, The King’s Speech, cuxo recente triunfo nos premios da asociación de produtores fíxonos entender que a contenda tería algo de emoción. É a película con máis candidaturas, doce, da 83ª edición dos Oscars, mais con isto contabamos: varias delas véñenlle de serie a un filme de época coma este, marcado pola corrección british e cun reparto cuxa brillantez resulta case molesta. Detrás do proxecto están os irmáns Weinstein, o cal nos recorda que xa lles saíu ben a xogada hai doce anos con Shakespeare in Love. O sempre espléndido Colin Firth levará o Oscar pola súa equilibrada interpretación do rei George VI, un papel bombón que reúne características polas que tolea a Academia: figura histórica, vencellada á monarquía e cunha lixeira discapacidade (a tartamudez) nun relato de superación persoal. Ademais, o seu contrincante James Franco xa ten o resto da noite para brillar no escenario, pois presenta a gala na compaña de Anne Hathaway.
O outro competidor serio é True grit, que acumula dez mencións e se apoia no seu gran éxito de público e de crítica, rendida aos pés deste western crepuscular resolto con habilidade por Joel e Ethan Coen. Destaca o traballo da novísima Hailee Steinfeld, que opta absurdamente ao premio como actriz de reparto cando é a protagonista indiscutíbel, moito máis que Jeff Bridges no mesmo personaxe que lle deu o Oscar ao lendario John Wayne por un filme que se chamaba igual e era bastante máis interesante. O director de fotografía Roger Deakins acada a súa novena candidatura aos premios, até agora sen éxito.
Menos pegada ten The Fighter, con Christian Bale como principal valor, e non tanto Amy Adams e Melissa Leo, unha dobre presenza que pode provocar a división do voto. Premio seguro é o de Natalie Portman por saír airosa dun personaxe tan retorcido coma o da bailarina de Black Swan, nun apartado que revela un cambio xeracional coa sensacional Michelle Williams, cuxo talento merece un destino mellor que a estomagante Blue Valentine, e Jennifer Lawrence, que con vinte anos carga sobre as súas costas case todo o peso de Winter’s Bone. Enfronte, dúas veteranas: Nicole Kidman por un esquecíbel dramón, Rabbit Hole, e Annette Bening, protagonista da simpática The Kids Are All Right.
Como película en lingua non inglesa non entrou Iciar Bollain, mais si Biutiful (e Javier Bardem), nun premio que apunta a Dinamarca ou Canadá. Sorpresa agradábel é a presenza da francesa L’Illusioniste na categoría de animación na que vencerá Toy Story 3, que tamén opta ao mellor filme. A solución, o domingo 27 de febreiro. Contarémolo (e tuitearémolo) en Xornal.
Martin Pawley. Publicado en Xornal de Galicia o mércores 26 de xaneiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario