Mestre reverenciado, Andrei Tarkovski (1932-1986) é autor dunha obra tan breve –sete longametraxes, tres curtas– como fascinante. Enfrontado a constantes dificultades que o levan a un amargo exilio final –Nostalghia (1983) e Sacrificio (1986) fílmanse en Italia e Suecia–, a súa escritura fílmica devén meticulosa, produto dunha insatisfacción permanente, ao tempo que suxeita a unha ampla hermeneútica.
Influído pola tradición espiritual populista rusa, alleo a termos como experimental ou vangarda, sempre cheo de proxectos –polo camiño quedan adaptacións de Dostoievski, Mann, Camus, Tolstoi, Bulgakov ou a experiencia místico-perceptiva de Carlos Castaneda–, o cine de Tarkovski incorpora poesía e pensamento mentres a través dunha simbiose de elementos naturais e sólida construción iconográfica, con tempos e espazos sobredimensionados, adquire a condición de itinerario existencial.
Nos últimos anos a publicación de moitos dos seus escritos (guións, conferencias, diarios) e a presenza de numerosos filmes e estudos sobre a súa figura, revitalizan a dimensión do seu legado.
Carlos Tejeda erixe en Andrei Tarkovski (Cátedra, 2010) unha peculiar crónica de viaxes, un concienciudo achegamento á obra do autor de Andrei Rublev (1966) e Stalker (1979) que subvirte, como Andrei Tarkovski, la imagen total (2008) da galega Pilar Carrera, toda a impostura relixiosa de interpretación de tantos textos previos. Tarkovski aparece como un observador da conciencia humana na procura dunha mirada verdadeira onde o romantismo da expresión artística vertebra tonalidades, cromatismos, perspectivas filosóficas ou concepción fílmica, facendo imprescindible acompañar a lectura dun completo visionado da súa obra.
José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 29 de xaneiro de 2011.
Ningún comentario:
Publicar un comentario