Os excepcionais resultados de Francia que citei a semana pasada non son un exemplo illado. En Italia a venda de entradas mellorou un 11% en 2010, até acadar 110 millóns de espectadores e uns ingresos próximos aos 750 millóns de euros, a quinta parte deles para o cinema do país. Na Arxentina o número de espectadores medrou un 15% para situarse nos 38 millóns, e en Finlandia multiplicouse por dous respecto de 2009. No Brasil o filme Tropa de elite 2 converteuse no máis visto da historia ao rachar o récord que acadara en 1976 Dona Flor e seus dois maridos. Na India seguen a vender máis de tres mil millóns de billetes cada ano, o cal supón uns ingresos fabulosos para investir non só na exitosa produción local, senón tamén no estranxeiro; por non falar de China, cuxo potencial de crecemento no que atinxe ao consumo cinematográfico é difícil de predicir.
Nos EEUU caeu un 9% a cifra de espectadores; non tanto os ingresos polo auxe do 3D. Algúns informes empezan a dar sinais de alarma: o 3D non é a panacea e para moitos filmes empeza a revelarse inútil pois o alto custo das entradas desanima ás familias, que optan polas versións 2D ou directamente renuncian a velos. En Xapón a billeteira non vai mal pero queren que vaia mellor, e unha gran cadea de salas, a Toho, vén de anunciar importantes rebaixas no prezo das entradas para animar o negocio.
En España, mentres tanto, repítese a xeito de mantra que a industria está en crise e a culpa tena a piratería, “que tanto daño nos hace”. As cousas non son así de simples, e canto máis tempo perdamos ignorando os verdadeiros debates, menos oportunidades haberá de atopar solucións satisfactorias.
Publicado en Xornal de Galicia o venres 21 de xaneiro de 2011
Ningún comentario:
Publicar un comentario