sábado, 8 de xaneiro de 2011
O home que sabía demasiado
Estimable director de cine estadounidense, Sidney Lumet (Philadelphia, 1924) pertence á chamada xeración da televisión, un grupo de autores que teñen o seu agromar na década dos 50 con profesionais como John Frankenheimer, Robert Mulligan, Franklin J. Schaffner, Arthur Penn ou Martin Ritt.
Caracterizados polos seus filmes abertamente políticos –enténdase no contexto–, filmes de denuncia desde unha óptica liberal benintencionada, Lumet debuta co drama xudicial Doce hombres sin piedad (1957), marcando a tendencia de analista de institucións, narrador do engano, a complexidade e ambivalencia dos homes, as súas (in)moralidades.
Director de actores e guións sólidos, de lonxeva e irregular traxectoria, a brutalidade e a corrupción policial, temas centrales de El príncipe de la ciudad, son tratadas en algúns dos seus mellores títulos: La ofensa (1972), Serpico (1973) e Distrito 34: corrupción total (1990).
Un guión escrito con Jay Presson Allen baseado na narración dun policía de narcóticos, Robert Daley, un proxecto que comeza nas mans de Brian de Palma –con Robert de Niro de protagonista– e remata por ubicar no mapa o actor revelación de Hair (1979), Treat Williams, aparente berce dunha proveitosa carreira que non foi, ofrece ao espectador un dos últimos grandes títulos da etapa de efervescencia do thriller estadounidense, cheo de esplendorosos títulos na década saínte. Unha traxedia coral e minuciosa que rastrexa as dualidades e mesmo a odisea daqueles que poñen valores ou instinto de supervivencia por enriba doutras consideracións. Un documental sobre a rodaxe e un libreto extra completan o laborioso rescate deste filme.
José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 8 de xaneiro de 2011
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario