venres, 7 de xaneiro de 2011
Todas las canciones hablan de mí
Houbo un tempo no que un filme como Todas las canciones hablan de mí sería un máis que probábel éxito comercial, a clase de obra que se ve favorecida polo boca-orella e xera simpatías ao seu paso. Os hábitos de consumo están a cambiar velozmente e un produto modesto como a ópera prima de Jonás Trueba corre o risco de pasar inadvertido, de ficar nese limbo difícil dos títulos que contan o número de espectadores por decenas de miles, non por centos de miles nin por millóns. E o certo é que merecía un trato moito máis xeneroso, tamén por parte da crítica, desta volta un tanto rácana.
Diáfana nas súas intencións e os seus referentes (François Truffaut, Woody Allen, Eric Rohmer), voluntariamente pequena e sinxela, e polo tanto nada pretenciosa (nin sequera o son as citas que aparecen na película, por máis que non me parezan pertinentes), a película beneficiase do excelente traballo de todo o reparto, en especial o protagonista Oriol Vila, un enorme acerto de casting. Jonás Trueba enreda o espectador nun relato clásico de amor e case-desamor entre trintañeiros de hoxe en día; personaxes que sentimos próximos, a anos luz de distancia do retrato hiper-hormonado, vergoñento, machista e reaccionario que da mocidade fai o cinema español de máis éxito en disparates que nalgún caso mesmo levan a autoría intelectual da nefasta ministra de cultura. Para redondear as boas sensacións que transmite ao longo da súa metraxe, Todas las canciones... remata cunha longa e estupenda secuencia, a declaración de Oriol a Barbara Lennie, coa música a trepar sobre a voz -confusa, caótica, en resumo, namorada- do actor. Un filme simpático, no mellor sentido da palabra.
Martin Pawley. Publicado en Xornal de Galicia o venres 7 de xaneiro de 2011
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario