A colección vinculada á revista Cahiers du Cinéma España, pertencente á editora Cameo, prolonga o seu catálogo cun título dirixido por un dos cineastas máis asombrosamente inquietos dos últimos trinta anos, o ancián portugués –nado en 1908!– Manoel de Oliveira. Singularidades de uma rapariga loira (2009) é un filme breve (62 minutos, versión DVD), baseado nunha historia de Eça de Queiroz e producido por unha das grandes figuras independentes de hoxe, o catalán Luis Miñarro (coa súa empresa Eddie Saeta), en colaboración con Portugal e Francia, que describe a odisea amorosa dun home, Macario, nunha Lisboa arrincada dun pasado tan pantasmal como literario.
Histórico supervivinte do cine mudo de errática traxectoria nos seus inicios, o centenario Oliveira segue activo, imperturbable, socarrón, con tendencias cada día máis acentuada (e perigosa)mente autoparódicas. Dende a afastada Acto de primavera (1963), hábil perspectiva múltiple sobre a Pasión de Cristo onde a representación e a palabra, a aproximación metafísica e atisbos de indagación moral, definían a súa idiosincrasia, un maduro Oliveira, defensor do cine como arte total, comezou a traballar con regularidade, deixando pegadas oscilantes entre a grandeza e o anecdótico.
Esta película, que en salas españolas foi proxectada coa curta de Pere Portabella (Figueres, 1927) Mudanza, garda aquí dous tesouros como complemento: a peza que revelou de xeito definitivo ao director galego Ángel Santos, O cazador, e un texto do literato-historiador Carlos Losilla (Pequeno exorcismo privado) que procura algunhas claves deste hiperactivo ser propio doutro mundo.
José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 22 de xaneiro de 2011
Ningún comentario:
Publicar un comentario