mércores, 13 de febreiro de 2019

Unha conversa con Nadav Lapid

Nadav Lapid e Martin Pawley. Imaxe: Marta Cortacans e Paula Cortacans.
Non quero que isto pareza unha entrevista, senón unha conversa sobre cinema e o xeito en que fas cinema. Ti es o escritor e director dos teus filmes e tes unha relación estreita coa súa montaxe. Estás moi presente en todas as fases creativas. Como é o proceso para faceres un filme, como pensas a escrita, a rodaxe, en termos xerais?
Estaba intentando pensar se hai algo en común na maneira en que nacen os meus filmes. Algunha vez escoitei que para David Lynch os filmes nacían dunha imaxe ou un soño ou algo así. Eu non podo dicir tal cousa. Para min hai algo de improvisación sobre a realidade. Por exemplo, temos algo que podía acontecer, mais de golpe eu fago un cambio lixeiro, veña, imaxina que en vez de pasar isto sucede estoutra cousa... Ese é o momento en que a cerna da película comeza a existir, a cerna reside nesa diferenza entre a película e o feito real que a inflúe. Recordo ler aquilo de Jean Eustache de que el non estaba inventando nada, senón que só estaba expoñendo algo, revelando algo, revelando cousas que pasan. E el insistía en filmar a maior parte do tempo exactamente nos lugares onde esas cousas pasaban. Eu diría que eu expoño cousas, mais mentres as expoño tamén as cambio e este cambio é o primeiro paso importante.

Mais ese momento de cambio sucede cando empezas a filmar, ou xa na escrita?
Moi ao principio. Penso que ese é o momento en que o acontecemento se converte en cinematograficamente aproveitábel para min. Cando te desvías da realidade cara ás imaxes. Moi a miúdo este desvío, este cambio, está conectado cunha imaxe chave.

Neses estadios iniciais traballas con varias ideas?
Non, só unha, o cal non é moi intelixente desde un punto de vista práctico. E logo é curioso, mais sempre tres ou catro semanas antes de empezar a rodar xa penso noutra próxima película e entón arrepíntome totalmente de empezar este filme máis inmediato, non entendo por que lle vou dedicar tanto esforzo cando a outra idea que me xurdiu é marabillosa. É unha sorte de crise permanente.

É importante para ti ter unha idea moi rematada, un guión completo, antes de filmar?
Sei que está moi de moda dicir que o guión é só unha guía e tal, e verdadeiramente creo niso, mais en xeral sinto que debo saber todos os detalles por completo para poder improvisar, para ser creativo. Debo ter un guión moi pechado para ser capaz de cambialo de súpeto. Para min é mellor así. Penso que o principal obxectivo dun cineasta é comprender o seu desexo inicial, ese desexo inicial que te empuxa a facer un filme. Moitos directores entenden iso un ano despois de rematar o filme e xa é demasiado tarde. Canto antes o entendas, terás máis oportunidades de recuperar esa liberdade inicial, ese entusiasmo, ese desenfreo. A idea naceu libremente e ti logo a vas encadeando, mais para rachar esas cadeas debes ser capaz de redescubrir o teu impulso inicial, primitivo.

Mais nun filme como The Kindergarten Teacher, onde traballas con nenos, a idea de ter un guión pechado e un filme claro na cabeza vai chocar contra a realidade...
Neste momento da miña vida profesional, o que máis me fascina e preocupa é o choque entre os conceptos iniciais e a liberdade. Por iso, por exemplo, me encanta filmar formigas. Poder ser tan controlador como queiras, mais ti non podes dirixir as formigas.

Penso que era Marcel Hanoun o que falaba das bolboretas brancas que se coaban na rodaxe...
Exacto. Gústanme as formigas porque che recordan iso. Elementos que creen certo caos dentro da orde. Constrúes a orde e logo buscas causas externas de caos, porque ás veces non tes a fortaleza de carácter para arruinar a túa propia orde, necesitas axuda externa, así que os nenos poden ser unha boa axuda, por exemplo. Ese choque é fascinante. O director que se empecina na súa propia idea... non, non é así! É importante esa contradición entre o plano e o personaxe, entre a rodaxe e o guión.

Durante a preparación do filme, traballas moito na produción, na elección de todas as cousas relacionadas co filme?
Traballo moito, si, porque é moi difícil facer un filme, mais ao final o máis importante dese traballo é convencerme a min mesmo. Canto máis traballo, máis me lanzo. Podo estar superpreparado, ou non estalo en absoluto, podo ter todo o orzamento ou non ter case nada, mais para min o momento verdadeiramente decisivo é cando eu comprendo e sinto o filme. E até que chega ese momento estou moi ansioso, porque non teño as ferramentas para saber onde terá que estar a cámara, como se fará o plano... hai sempre dez mil formas de facer as cousas. Só me relaxo no momento en que interiorizo o filme en min.

Entón, as decisións finais de planificación chegan xa durante a rodaxe?
Non, non, antes. A rodaxe para min é o que máis se parece á escrita dun poema, non a escrita do guión. A miúdo é case unha cousa física. Ese é o momento en que empezas a ver o teu filme; antes estabas contándoo, mais aí é cando empezas a velo. Para min é o momento máis puro en todo este proceso.

E a montaxe? Moitos dos teus filmes foron montados pola túa nai, o cal é unha relación curiosa, probabelmente un caso único na historia.
Alguén me dixo unha vez que se un festival quixera facer un ciclo de películas montadas por persoas relacionadas familiarmente co director, o resultado sería unha retrospectiva miña, porque non hai outro caso. A miña nai faleceu hai mes e medio, durante a montaxe da nova película.

Estás presente na montaxe, de forma diaria, ou mantés certa distancia?
Si, si, estou alí todo o tempo.

Gústache a montaxe?
Non demasiado. Cando montas vives unha especie de loito: enterras a túa omnipotencia. Caes desde o Sol para volverte unha formiga, e despois quizais podes resucitar, recuperarte desa caída. A montaxe vólvese un exercicio de humildade.

Nadav Lapid. Imaxe: Marta Cortacans e Paula Cortacans.
Gústache amosar os teus filmes e discutilos? Outro tópico entre os cineastas é iso de desprenderse dos filmes unha vez feitos, iso de “xa o fixen, agora estou noutros proxectos”.
Eu descubrín o cinema cando estaba vivindo en París. Despois de facer o servizo militar empecei a escribir novelas, para min daquela a literatura era moi superior ao cinema, o cinema era algo para a xente sen imaxinación. Un ano despois marchei a París e alí descubrín o cinema, e isto sucedeu así de dúas formas diferentes. Eu non tiña cartos, realmente era moi moi moi pobre, e estaba obsesionado co idioma francés, porque non quería volver nunca máis a Israel, así que parei de falar en hebreo e a miña única lingua era o francés. Mercaba Cahiers du Cinema. Eu apenas falaba francés, non entendía ben o que dicía a revista e inventaba as críticas. Eu era moi raro. Imaxina: as miñas primeiras frases estaban tiradas de críticas de Cahiers. Iso dunha banda. En segundo lugar, nunha certa altura fixen un bo amigo -ao principio estaba moi só- e foi el quen me expuxo ao cinema. Recordo que na casa dos seus pais vin por primeira vez un póster dun filme de Abbas Kiarostami. El falábame de cinema. Eu non sabía nada, non sabía o que era un plano, o que era unha secuencia. El falábame diso e eu adorábao, encantábame oílo falar das películas. Cando vía un filme estaba desexando que rematase para escoitalo falando del. Así que para min debater sobre o filme é parte da beleza do propio filme. É algo que tamén penso da crítica: é parte desta marabillosa danza que é o cinema.

É algo infrecuente entre os cineastas, dicir que unha parte importante dos filmes é falar deles.
Si, totalmente, totalmente. Penso que non só é importante, é fermoso. Con filmes fermosos estás compartindo a beleza dos filmes.

Tiveches algún filme que fose unha revelación en París?
Teorema. Teorema de Pasolini foi unha inmensa revelación para min. Lembro cando o vin por primeira vez, fiquei tan conmocionado que despois de 30 ou 40 minutos eu atopeime a min mesmo nunha estación de metro nalgures en París, mirando un mapa de París, nin sequera estaba de camiño a casa, estaba nunha especie de éxtase... Tamén foi unha revelación descubrir os filmes de Kiarostami, Tsai Ming-Liang, o Godard de Vivre sa vie e À bout de souffle... En París comprendín que o cinema era unha cousa moi importante.

Foi nese momento que descubriches que querías ser cineasta ou  iso veu despois?
Foi máis ou menos paralelo. Ao principio de todo pensei que o cinema sería soamente un hobby, mais iso co tempo foi cambiando.

Decides ser cineasta, estudas cinema e todo iso. Que clase de filmes querías facer cando estás de volta en Israel?
Logo de pasar dous anos en París e ver filmes e ler moitos textos sobre cinema cada día, regresei a Israel. Eu en París estaba totalmente desconectado do mundo, pensaba que a xente realmente debatía sobre a posta en escena, que iso era o día a día da xente, que se erguía polas mañás e se dicía “ah, esta secuencia foi filmada de tal maneira e blablabla”.

Non todo o mundo lía Cahiers du Cinema.
Si, eu pensaba que esas eran as principais cuestións da humanidade [ri], xa sabes, que todos preguntaban “oh, ti como analizas a Tsai Ming-Liang?” e cousas así. E entón volvo a Israel e todo era súperdiferente. Para min foi estraño porque eu nacín como ser humano en Israel, en certo sentido eu descubrín en París que eu era israelí e o que iso significa, mais como cineasta eu nacín en París. Quizais por iso os meus filmes en Israel vense como europeos e en Francia din que non me parezo a ningún director francés, que son diferente. Quizais teña que ver con esta xénese. Nesta retrospectiva do Curtas, aínda que non me sento no teatro para ver os meus filmes, simplemente ao facer as probas de proxección de golpe vexo de novo planos que non vía en anos e anos, e recoñezo neles que non cambiei demasiado, o cal está ben para min. Quizais agora son moito máis consciente, mais xa era máis ou menos o mesmo naquela altura.

Que opinión tes do cinema en Israel, no pasado e no presente?
Depende. En Israel en xeral están moi satisfeitos consigo mesmos. É o único país que coñezo onde o debate pode ser “por que o cinema israelí é tan bo?”. Séntanse e fanse eloxios a si mesmos: “por que o cinema israelí ten tanto éxito?” [ri]. Eu adoitaba tomar a posición contraria.
En Israel estamos totalmente desconectados da nosa historia. Por exemplo, calquera cineasta en Francia dun xeito ou doutro carga sobre os seus ombros cunha vasta tradición, Renoir, Godard etc. Porén, cada director israelí sente que está a facer cada vez o primeiro filme israelí da historia.

O primeiro e o de máis éxito [con retranca].
E o de máis éxito, por suposto! Por iso é un cinema tan triunfador, porque cada un dos filmes é o de máis éxito. Mais non hai un diálogo real entre cineastas. Ao final claro que podes detectar tendencias na xente que crea nun mesmo ambiente, mais non hai un diálogo real. Penso que hai unha obsesión coas historias. Cando hai encontros internacionais con produtores alemáns ou franceses en Israel, o produtor europeo sempre che vai dicir “en Israel tedes tantas cousas que contar, tantos mortos, guerras etc”, e algunha xente sorrí como orgullosa de que nos pasen tantas cousas horríbeis. En Israel están convencidos de que teñen moitas historias que contar, mais non pensan tanto na forma, e iso trae moita debilidade. É estraño, porque a tradición xudía dálle moita importancia ao texto, algo de seu moi formalista, mais en Israel logo non se pensa a forma, é un lugar moi práctico. Desprezan os intelectuais e por iso non hai pensamento teórico e formal.

A miña pregunta tiña que ver coa idea de facer filmes seguindo unha certa tradición ou contra unha certa tradición. Digo isto porque cando che coñecín en Buenos Aires ti presentaches tamén un filme de Uri Zohar nunha retrospectiva del no BAFICI, e hai certos elementos nos seus filmes que están moi presentes nos teus: esa idea da masculinidade, do “macho”.
Absolutamente, si.

Hai unha certa continuidade entre Big Eyes e Policeman, supoño que é unha cuestión nacional...
Si, é unha cuestión nacional mais tamén é certo que non sempre. Nos filmes de Uri Zohar hai unha lucidez que eu desexaría que tamén existise nas miñas películas. E esa ambigüidade entre “condenar” e “abrazar”. O protagonista está sempre ao mesmo tempo condenado e abrazado polo filme. É como se o filme nos estivese dicindo permanentemente “mira que fermoso é el cando é horríbel”. Un filme pode ser unha canción de amor ao vilán.
Cando escribes textos a miúdo reduces a xente ás súas ideas, por exemplo, dis “eu non concordo con X por isto e aquilo”, mais non dis “eu non concordo con esta frase dita polos fermosos beizos de X mentres o Sol estaba elevándose blablabla e entón dixo esa cousa horríbel”. En certo sentido o cinema trata de corpos humanos que din palabras, e a relación entre eses corpos e esas palabras é complexa e fascinante. Iso é a existencia, corpos humanos que falan.

E todos eses corpos son produto dun tempo, un lugar, unha historia.
Si, claro.

Ti es israelí, así que supoño que en calquera lugar do mundo ao que vaias a política, o pasado e o presente do teu país formarán parte da conversa e te preguntarán a túa opinión sobre certos episodios. Non che vou pedir opinións concretas, mais si quero que me digas que relación tes co momento presente do teu país, se te sentes ás veces obrigado a dar explicacións.
Politicamente eu síntome próximo á esquerda, mais os meus filmes non son de esquerda, porque hai neles certa ambivalencia, certa ambigüidade. Cando son radicais, son moi radicais, mais ao mesmo tempo expoñen ideas opostas. E así a miúdo pasa que cando os meus filmes se ven nun país calquera e os embaixadores israelís van á proxección, ás veces desaparecen xusto despois da proxección, o cal é estupendo, mais outras veces dinche “identifiqueime totalmente co policía", por exemplo, e entón eu sinto que “non estou pagando as miñas débedas”. Eu son como outros compañeiros cineastas que fan filmes máis fáciles de interpretar e son atacados directamente polo goberno de dereitas; mais como os meus filmes son máis ambiguos non os acaban de entender. Ás veces sinto que debería facer máis clara a miña voz [ri].

Para evitar confusións.
Si, exactamente.

Como é a recepción dos teus filmes en Israel?
É boa. Son moi polémicos. Por exemplo, recordo que Ha-shoter (Policía en Israel) foi censurado e houbo un grande escándalo.

Por que foi censurado?
Porque dixeron que podía dar malas ideas á mocidade.

A mala idea de facerse policía ou a mala idea de facerse revolucionario? [risas]
Si, a de facerse revolucionario. Estaba absolutamente admirado de que esa xente crese que un filme de autor complicado podía influír a xuventude. Nunca vin xente que tivese tanta fe no poder do cinema!
Máis ou menos unha semana despois de que Ha-shoter pasase por primeira vez en Israel no festival de cinema de Xerusalén, houbo unha enorme vaga de protestas políticas no meu país. A xente dixo que o filme anticipaba a realidade. Eu coñecía algúns líderes dese movemento, que foi moi grande, e pedíronme que fixera unha proxección especial do filme nunha especie de azotea, unha premiere subversiva para os líderes da revolución, como a si mesmos se chamaban, na parte alta dun edificio nacionalizado. Polo que leran debían estar convencidos de que era a clase de filme que cando rematan os créditos a xente sairía correndo ás barricadas. Eu aceptei, si, veña, non hai problema. Montaron un grande evento cos autodenominados líderes da revolución sentados na primeira fila, como se fose unha proxección para Brezhnev. E ao final do filme estaban tan, tan furiosos... pensei que ían tirarme da azotea. Seguramente fixen algo bo co filme, porque non convenceu nin aos censores nin aos líderes desta revolución.

En The Kindergarten Teacher e From the Diary of a Wedding Photographer os personaxes máis fortes son mulleres. É fácil para ti escribir eses personaxes?
Non é unha cousa consciente, mais noto a miúdo que nas miñas películas son as mulleres as que subverten a orde, a orde social e a orde fílmica. O caos é dirixido por mulleres. Non me gusta moito caer neste debate de xénero, mais en certo sentido se a orde tradicional foi feita por homes, é bo que sexan as mulleres as que a desfagan.

Como atopaches a Sarit Larry? Ela non era actriz nesa altura, teño entendido que era profesora.
Atopeina totalmente por casualidade. Nese momento era profesora de filosofía na universidade de Boston, deixara a actuación 16 anos antes. Estaba escribindo unha tese sobre violencia política e empregara como exemplo Policía en Israel, mais eu iso daquela non o sabía. Eu fixera audicións con moitas actrices en Israel mais non estaba satisfeito. Faltaba algo. Falando con alguén contoume que anos atrás había unha tal Sarit Larry que era moi interesante e desaparecera por completo. Eu dixen que xa non viviamos no século XIX, que hoxe a xente non desaparecía así como así porque estaba Facebook. Busquei en Facebook e atopei un perfil cunha foto dun can. Non sabía se era ela ou non, mais escribinlle e resultou ser ela en efecto. Díxome que era profesora de filosofía, que levaba anos sen interpretar, blablabla. Ben por ti, díxenlle, non vou convencerte de volver a esta horríbel profesión, así que boa sorte, quizais non atopemos algunha vez. E unha semana despois escribiume dicindo que o pensara moito e prestouse a facer unha audición. Foi interesante porque a audición que me mandou converteuse nunha das ideas visuais do filme. Ela non entendía nada de cámaras, non era unha actriz convencional, tiña 26 anos cando deixou de selo e levaba 16 anos fóra. Filmouse a si mesma para a audición moi perto da cámara e o plano estaba completamente desequilibrado. Parecía como se houbera unha necesidade desesperada de tocar a pantalla. Como se a pantalla fose algo que houbera que rachar, que non houbera que respectar. Esa falta de respecto pola pantalla é algo que collín dela.

A idea de empregar no filme moi primeiros planos dos rostros dos nenos, estaba xa no guión ou vén desa audición?
A audición axudoume. Outra cousa que axudou foi traballar cos nenos... eu non podía controlalos totalmente e de aí nace unha tensión natural coa cámara. É un filme sobre a poesía, pregúntase que é a poesía e que papel ocupa nun mundo que non se interesa pola poesía. E a poesía é algo tremendamente poderoso, unha frase dun poema pode cambiarche a vida, mais tamén é á vez moi vulnerábel e fráxil. Mesmo tecnicamente, podes dicir unha frase mais unha moto pasa perto de ti xa non a escoitas. As palabras son moi fráxiles. Para atraer a atención da xente tes que sacudilos e dicirlles, vale, escoita isto. É un intento de abalar xente que sabes que non pode ser abalada. Pasa igual co cinema. O cinema está nunha posición permanente e simultánea de fortaleza e debilidade.

Como sabes eu amo especialmente ese filme e sobre todo o personaxe de Nira e a interpretación de Sarit Larry. Na miña opinión este personaxe representa moi ben a túa idea do cinema. Ela é un monstro e unha heroína ao mesmo tempo. Podes amala e podes odiala, ten ideas moi elevadas mais a maneira en que as manexa está completamente equivocada; mais aínda así ela “debe” facelo. A maior rebelde e revolucionaria do teu cinema é Nira.
Si, si. Nela está o sentimento de que nada é máis importante no mundo que un verso de verdadeira poesía. E se ti pensas o mundo así, se ti segues de verdade de verdade esta ideoloxía como un verdadeiro xihadista, un xihadista da poesía, chegas a lugares aterradores mais tamén a lugares sagrados.

O teu novo filme trata da linguaxe.
O novo, si. Estou bastante feliz polo de agora, mais aínda temos que finalizalo. Trata da linguaxe, si. Parafraseando algo que dicía antes, eu diría que esta é a última película israelí, non a primeira, senón a última [risas]. Por suposto, estou de brincadeira, espero que non sexa a miña última película e con certeza non será a última israelí; mais digo isto porque vai dunha persoa que decide deixar de ser israelí e facerse francés. Todo sucede a través do idioma. Así que si, é un filme sobre as palabras. Palabras en francés.

Outra cousa infrecuente que sucede na túa carreira é que fas longas, dúas, agora tres, mais tamén fas curtas e mediometraxes. Queres seguir facendo filmes de toda clase de duracións?
Si, en efecto. As curtas permítenme examinar e en certo sentido até contraatacar as miñas propias ideas. Por exemplo, creo que hai algo conscientemente ríxido na posta en escena de Policía en Israel, e eu nas miñas curtas investiguei unha maior flexibilidade que logo pasou a formar parte d'A profesora de parvulario. En Synonymes hai elementos de From the Diary... As curtas permítenche probar unha máscara diferente, e se esa máscara funciona pode pasar a ser, en certa forma, a túa nova cara. Xa teño unha idea para unha curta.

Entón o teu próximo proxecto será unha curta?
Si.

Podes contar algo ou aínda é moi cedo?
Mmm... non, xa verás.

Podemos deixalo aquí. Levamos xa 52 minutos, moito máis do esperado. Moitísimas grazas! Teño un agasallo para ti. Conteiche que un grande amigo meu morreu hai unhas semanas; era escritor, escribiu libros infantís e xuvenís. Este libro consta de catro contos, contos de horror. Está traducido ao inglés, así que podes lelo sen problema. O mellor do libro, na miña opinión, é o texto final, unha listaxe de cousas das que sentir medo.
Oh, que bo! Lereino. Moitas grazas, Martin.

* * * * * 

Conversa celebrada no Hotel Santana na tarde do venres 20 de xullo durante o Curtas de Vila do Conde, que contou na súa 26ª edición con Nadav Lapid como xurado e como obxecto dunha retrospectiva. Grazas sempre á organización do festival pola súa xenerosidade e colaboración. E grazas tamén a Marta Cortacas e Paula Cortacans polas fotografías.

sábado, 9 de febreiro de 2019

Proxecto NIMBOS: Coma ventos fuxidos (Ramón Lluis Bande, 2016)

Curtametraxe de Ramón Lluis Bande para o Proxecto NIMBOS, serie de filmes inspirados nos poemas do libro Nimbos de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014.


Coma ventos fuxidos

Estes non son poemas, nin cimentos
de poemas siquera. Son fragmentos
de min mesmo perdidos,
coma ventos fuxidos,
por antigos camiños esquencidos:
Díaz Castro perdido no traxeito
dun recordo moi longo, recolleito
por un anxo e salvado
nalgún intre de amor desesperado!

Nimbos, Xosé María Díaz Castro.
Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor.

sábado, 12 de xaneiro de 2019

Necesitamos a interrupción da noite

Deixádeme empezar contando unha historia sobre un mozo e un telescopio.

O escenario desta historia é Lawrence, Massachussets, Estados Unidos. O ano é 1889. O mozo chámase Robert e é orfo de pai; ten quince anos e le con avidez unha revista nesa altura xa veterana, Youth's Companion. Unha publicación que nacera en 1827 dirixida ao público máis novo co ánimo de promover “a virtude e a piedade e servir de aviso contra toda forma de transgresión”. Co paso dos anos a orientación cambiou sensibelmente e cara ao final do século a revista abríase a un público máis diverso: as súas páxinas acolleron textos de autores lendarios como Mark Twain, Jack London ou Emily Dickinson.

Youth Companion destacou tamén polas súas estratexias de promoción. Convidaba os lectores a buscar subscritores e a cambio ofrecíalles agasallos, entre os que non eran infrecuentes os kits científicos. Naquel 1889 a recompensa para os xoves máis dilixentes era un telescopio. Coa axuda da súa nai na procura de novos compradores da revista, Robert fíxose merecedor do prometido telescopio refractor e fixo dun dos cuartos da súa casa o seu primeiro observatorio. Para familiarizarse co ceo devorou os libros dispoñíbeis na Biblioteca Pública de Lawrence. Leu e releu os atlas astronómicos e namorouse en especial dun libro, Our Place among the Infinities, escrito polo astrónomo Richard Anthony Proctor, autor dalgúns dos primeiros mapas de Marte e fundador dunha revista de divulgación, Knowledge. No desenvolvemento desta publicación contou, por certo, coa axuda da súa filla Mary Proctor, que logo tería unha celebrada carreira como comunicadora científica: escribiu infinidade de artigos e deu centos e centos de charlas en diversos países.

A marabilla do ceo chocaba coa pesada inercia da vida escolar. En decembro de 1891 o noso Robert escribía, con inconfundíbel frustración adolescente, estas frases no xornal do instituto de Lawrence:
“A rutina da vida escolar que se nutre enteiramente de libros é incribelmente monótona, tan monótona, de feito, que nos deprime non ter a certeza de se un día saberemos ou non o que aprendemos onte; un pouco de observación real sobresairía entre todo este negror igual que a Lúa sobresae na escuridade cando a miramos a través dun telescopio; fai que a escuridade pareza agradábel”.
Acabou o instituto, desempeñou diversos oficios, casou, foi á universidade de Harvard, deixouno e, finalmente, grazas ao seu avó, fíxose cunha granxa en Derry, New Hampshire. Alí viviu coa súa muller Elinor durante varios anos. Pola mañá cedo, antes de ocuparse dos labores do campo, erguíase para escribir poesía. A lenda literaria do noso Robert abrolla de verdade nesta altura. Porque o noso Robert é Robert Frost, un dos grandes nomes da poesía estadounidense, catro veces gañador do Pulitzer, cifra récord para ese premio.

Robert Frost amaba o ceo nocturno. Observou o ceo na súa mocidade, observouno mentres viviu no campo, observouno con seguridade durante os anos, case vinte, que deu aulas de inglés no Amherst College de Massachussets, onde había un observatorio que tiña, cando el chegou en 1917, un telescopio de 18 polgadas. Amaba o firmamento e o firmamento asoma en poemas seus como The Star-Splitter, Canis Major ou Fireflies in the Garden. Na súa poesía tamén está presente a desaparición da noite. Ao longo da súa vida Robert Frost asistiu á electrificación do seu país, á domesticación incandescente de terras que antes eran salvaxes. A luz artificial ameaza a noite, como apunta con retranca o poema The Literate Farmer and the Planet Venus:
The idea is no doubt to make one job
Of lighting the whole night with one big blob
Of electricity in bulk the way
The sun sets the example in the day [1].
No mesmo poema un verso posterior reclama: “we need the interruption of the night” [2]. Necesitamos a interrupción da noite.

Un dos mellores poetas galegos, Xosé María Díaz Castro, escribiu no único libro que publicou en vida, Nimbos (1961):
A noite é necesaria
pra que ti poidas ver
sobre o medo e o mal
as estrelas arder.
Necesitamos a interrupción da noite. A noite é necesaria.

Hoxe sabemos que ademais dunha verdade poética, estes dous versos son tamén unha verdade científica. Hoxe coñecemos o impacto da contaminación luminosa en ámbitos moi diferentes. Comprendemos como a exposición á luz artificial pola noite agride a natureza e a nosa saúde, dilapida diñeiro e acaba co patrimonio cultural do ceo nocturno.

Desde que xurdiron as primeiras formas de vida na Terra hai uns catro mil millóns de anos o noso planeta xirou sobre si mesmo un billón de veces. É unha cifra a vulto, mais válenos. Un billón de días co seu correspondente billón de noites. A vida, en todas as súas formas, evolucionou afacéndose a esa alternancia de luz e escuridade, de horas baixo o dominio do Sol e horas ao relento da noite. Unha alternancia que ademais é variábel, a consecuencia do efecto combinado dos movementos de rotación e translación do noso planeta. A todas as especies resúltalles útil prepararse para a chegada do día ou da noite, nas que desenvolverán os hábitos que correspondan a cada período, desde a alimentación e o apareamento até o necesario descanso. Élles igualmente útil anticiparse aos cambios estacionais, adiviñando a proximidade do verán ou do inverno polo incremento ou diminución de horas diarias de luz. Mais para iso é imprescindíbel recoñecer ben o día e a noite e iso, na actualidade, non resulta doado. A luz artificial, que se estende por centos de quilómetros das cidades, desfigura de xeito decisivo as condicións ambientais nocturnas: fai desaparecer a escuridade e iso deixa indefensas a todas as especies que teñen nela o seu hábitat de vida. Niveis de luz cos cales os humanos non nos atrevemos a dar un paso poden ter un impacto gravísimo en moitos seres vivos.

Paxaros mortos por colisións nas cidades. Fonte: FLAP.
Non hai semana que non apareza un novo estudo sobre os efectos negativos da luz artificial pola noite sobre o medio ambiente. Hai exemplos clásicos, como o das tartarugas mariñas que desovan nas praias. Cando se produce a eclosión dos ovos as crías deben saír correndo cara ao mar, que de maneira natural deberían recoñecer por reflectir a luz do firmamento, mais o probábel agora é que se desvíen cara a territorio urbano, que é o que máis brilla. Fascinante é o caso das aves que se orientan polas estrelas, para as cales un ceo borrado supón quedar sen mapa. Moitas especies de aves quedan atrapadas polas manchas de luz das cidades e a miúdo chocan fatalmente contra os edificios (só na América do Norte poden morrer por esa causa até mil millóns de exemplares cada ano [3]) ou esgotan os limitados recursos cos que afrontan as migracións. O impacto da luz sobre as poboacións de insectos é tamén moi coñecido e iso pon en perigo o seu decisivo papel como polinizadores [4]. A contaminación luminosa afecta mesmo mar adentro, como proban estudos feitos con corais da Gran Barreira de Arrecife en Australia [5]: os seus ciclos reprodutivos vense alterados cando a luz artificial compite coa luz da Lúa como marcador do seu ritmo biolóxico. E non só á fauna, tamén lles afecta ás árbores e plantas. A luz artificial pode favorecer o adianto ou atraso dalgúns procesos vitais, co efecto consecuente para todo o ecosistema. Nas cidades é moi fácil comprobalo. Reparen nas árbores de folla caduca que están preto dun farol: é frecuente que as ramas que teñen luz máis perto sigan verdes mesmo despois do solsticio de inverno.

Fotografía tomada na Coruña o 29 de decembro de 2016. Imaxe: Martin Pawley
Os seres humanos non quedamos á marxe. Sabemos que ao longo do día varían moitas das nosas variábeis fisiolóxicas, como a tensión arterial ou a temperatura. Se nos poñemos o termómetro pola mañá ao levantarnos e despois á tardiña, podemos comprobar como en condicións normais o valor máis alto ímolo obter no segundo caso. O noso grao de lucidez tamén é variábel: non somos igual de capaces de resolver problemas complexos ás tres da mañá que ao mediodía. Tamén non somos igual de hábiles ao volante ou no manexo de maquinaria sofisticada (o excepcional libro Why We Sleep de Matthew Walker dá datos arrepiantes sobre o papel do sono como causa de accidentes ou erros fatais).

Hoxe coñecemos moito mellor que hai vinte anos -mais aínda estamos lonxe de coñecelos ben- os procesos que rexen esas variacións diarias. Ou máis ben case diarias, “circadianas”. O noso ritmo propio non se axusta exactamente ao patrón de 24 horas ditado pola rotación terrestre: o reloxo biolóxico central tende a desfasarse e por iso cada día hai que “poñelo en hora”, coma un reloxo ao que haxa que darlle corda. Entre os estímulos que facilitan ese axuste diario o máis importante é o ciclo natural de luz. Un equipo comandado por David Berson, neurocientífico da Universidade de Brown, publicou en 2002 [6] unha investigación fabulosa que desvelaba o papel fotorreceptor dunhas células específicas na retina. Ademais dos conos e bastóns, nos nosos ollos temos un terceiro tipo de células, as chamadas “células ganglionares da retina intrinsecamente fotosensitivas”, ipRGC, cuxa función non ten que ver coa visión senón coa detección do nivel de luz: indícanlle de forma directa a unha rexión do cerebro canta luz hai para desa forma saber se nos achegamos ao día ou á noite. Iso é fundamental para a nosa posta en hora e, en consecuencia, para lanzar os procesos fisiolóxicos que correspondan a cada momento. Por exemplo, subir ou baixar a presión arterial e a temperatura. Ter sono ou estar lúcido. Activar ou inhibir a produción de certas hormonas, como a melatonina.

A exposición case permanente á luz manda unha mensaxe confusa ao cerebro. Cae a noite, mais estamos rodeados de farois e anuncios luminosos que parecen dicirlle ao noso cerebro que é de día. Antes de durmir pasamos varias horas pegados a pantallas -televisións, computadores ou móbiles- que producen luz cunha compoñente azul que activa as células ganglionares. Non experimentamos o suficiente contraste entre o día e a noite, mellor dito, entre a luz intensa do día e a escuridade total da noite. E iso non lle sae gratis ao noso corpo. Hai unha longa colección de patoloxías, algunhas moi graves, asociadas a estas disrupcións do ritmo circadiano.

A contaminación luminosa custa cara. Non é só unha licenza poética referida ao seu efecto sobre a natureza e a saúde, é literal: custa centos de millóns de euros. O proxecto Cities at Night calculou en case mil millóns de euros anuais o gasto en enerxía para iluminar a noite en España. Entre un 30 e un 50% podería aforrarse sen demasiada dificultade simplemente aplicando criterios máis sensatos [7]. Bastaría asumir que a luz artificial é un axente contaminante e por tanto debe utilizarse só onde se necesita, ou sexa, cara ao chan, e non proxectada cara arriba ou cara á xanela dun veciño; só cando se necesita, non por igual a todas as horas en todos os lugares, senón tendo en conta o tráfico de persoas e vehículos; co nivel preciso, a intensidade requirida para realizar tarefas mais nunca máis da necesaria; e co espectro adecuado, optando sempre por fontes de cor cálidas para o horario nocturno (e descartando as lámpadas que producen moita luz azul, como sucede cos LED branco-azulados que se instalaron masivamente nos últimos anos e que no canto de corrixir o problema o multiplicaron).

A Noite Estrelada de Vincent Van Gogh. Fonte: Museum of Modern Art, Nova York
Vincent van Gogh pintou este cadro en xuño de 1889 durante o seu internamento, voluntario, no asilo de lunáticos de Saint-Paul, en Saint-Remy-de-Provence, Francia. Titúlase A noite estrelada. Ao seu irmán Theo escribiulle uns meses antes desde Arles “Preciso unha noite estrelada con cipreses, ou quizais sobre un campo de trigo maduro. Hai noites realmente fermosas aquí”. Xa desde o psiquiátrico, en xuño, contáballe: “Esta mañá vin o campo desde a miña xanela moito tempo antes do amencer, sen máis nada que o luceiro da alba, que parecía moi grande”. Venus é, en efecto, o punto gordo á carón do ciprés. Obviamente distinguimos a Lúa, mais o ceo de Van Gogh é un ceo elaborado desde a memoria, unha reconstrución alucinada da noite, como nos lembra Paul Bogard no seu imprescindíbel The End of Night.

Na Noite estrelada sobre o Ródano recoñecemos o Carro da Osa Maior e fascínanos a idea dun ceo estrelado á vez que se reflicten as luces dos farois de gas sobre o río. Fascínanos a idea de que cohabite a luz artificial coa luz natural das estrelas, que as luces dos farois non supriman as luces da noite. Unha noite que marabillaba a Van Gogh e que xa non poden ver os millóns de admiradores que peregrinan cada ano a diferentes museos para ver os seus cadros. Vese ben isto noutra célebre pintura, Terraza de café pola noite, que pintou en efecto de noite e nese café. Sobre o café iluminado e sobre a cidade toda esténdese a noite estrelada. O local agora chámase “Café La Nuit” e preserva a súa imaxe exterior para gozo dos turistas. O que xa non preserva é o ceo nocturno. Faltan as estrelas do pintor do sombreiro de malvas.

Os humanos actuais somos descendentes dos primeiros Homo Sapiens que pisaron a Terra hai douscentos mil anos e ao longo dese tempo nunca faltou unha noite ao final de cada día e un día ao final de cada noite, e o mesmo sucedeu con todos os homínidos que os precederon. A noite fíxonos sentir medo porque nela somos máis vulnerábeis, máis aínda mentres durmimos, mais tamén foi o noso compás, a nosa guía para movernos polo tempo e polo espazo. Comprender as regras da noite serviu para que puidésemos orientarnos, para localizar o punto no norte (ou no sur) ao redor do cal dá voltas o ceo, para saber onde nace e onde se pon o Sol (e con el a Lúa, os planetas, as estrelas todas). Así aprendemos a desprazarnos polo mundo para descubrir como eran outras terras. Comprender o ceo serviu tamén para coñecer o paso do tempo, para identificar os feitos que se repiten e ser capaces de predicir fenómenos. O rigor do inverno, a resurrección da natureza na primavera, a calor do verán, o recollemento do outono. Se existe a agricultura é porque aprendemos a identificar os ritmos naturais e a facelos nosos e para iso tivemos que recoñecer o firmamento como espello deses ritmos. Foi preciso contar o tempo por lúas, ou pola saída ou a posta do Sol en certas posicións, e logo, con máis detalle, pola aparición ou non de certas estrelas. Elaboramos calendarios grazas ao noso coñecemento do ceo. Aprendemos a calcular as horas do día pola posición do Sol e as da noite polo movemento das estrelas.

Nas cidades chamamos noite a ese momento en que non pasan coches e non hai tanto barullo nas rúas, mais a noite de verdade é outra cousa. A noite é escuridade e perder a escuridade é perder a noite. Encher de luz artificial a noite, facer da noite día, é perder a noite. E perder a noite é perder a Van Gogh, a Robert Frost e a Díaz Castro, a Walt Whitman ou García Lorca. A música, a literatura, as artes plásticas e o cinema que encontraron no ceo nocturno a súa inspiración. Un coñecemento milenario, un patrimonio cultural transmitido xeración tras xeración. É perder, tamén, a ciencia que emana da noite, da observación astronómica, a que nos fixo entender o noso lugar no universo. A observación que nos descubriu, de Galileo en diante, que alá onde poñamos un telescopio as estrelas se multiplican e onde parecía haber unha realmente hai miles, logo millóns.

As "calculadoras" de Harvard. Fonte: Universidade de Harvard.
Esta mítica fotografía lémbranos un grupo de mulleres fascinante, as calculadoras de Harvard, cuxo traballo laborioso axudou a sentar as bases da astrofísica e a cosmoloxía do século XX. De pé, a admirábel Williamina Fleming, cuxo marido a abandonou, embarazada, ao pouco de chegar aos Estados Unidos desde a súa Escocia natal. Para sobrevivir buscou traballo do que fora e atopouno como criada nunha casa singular, a de Edward Pickering, director do observatorio de Harvard. Pickering tivo a habilidade de recoñecer o talento de Mina e non tardou en propoñerlle cambiar a súa casa polo observatorio. Acabou sendo a xefa das calculadoras e a primeira muller que ostentou un cargo no centro, como responsábel da colección de placas fotográficas. Descubriu varias novas, ducias de nebulosas -incluída a nebulosa da Cabeza de Cabalo, unha das xoias do ceo profundo- e centos de estrelas variábeis. Mais antes de todo iso foi unha inmigrante en terra estraña, entregada á súa sorte, e iso sempre me fai pensar en cantas Williaminas debe haber hoxe no mundo a piques de botarse ao mar ou de cruzar continentes enteiros en busca dun porvir menos inxusto.

Ao grupo das calculadoras incorporouse Henrietta Swan Leavitt, que nos deu as claves para calcular a distancia ás estrelas. Mentres estudaba estrelas variábeis cefeidas nas nubes de Magallanes decatouse dunha curiosa relación que fixo notar, en forma de frase inocente, nun boletín dos anais do observatorio: “It is worthy of notice that in table VI the brighter variables have the longer periods”. Chama a atención que as variábeis máis brillantes teñen os períodos máis longos. O brillo aparente dunha estrela depende tanto das características desa estrela como da distancia a que se atopa, e así unha estrela no noso ceo pode brillar moito porque en efecto é moi luminosa ou ben porque aínda non séndoo tanto está relativamente perto. Henrietta Leavitt entendeu que o período de pulsación tiña que ser unha característica propia da estrela, de maneira que atopar unha relación entre o brillo e o período de variación de brillo proporcionábanos unha información valiosa real e non aparente sobre ese astro. En canto tivésemos un valor fiábel da distancia a algunha desas variábeis cefeidas poderíamos comparar unhas con outras e extrapolar valores de distancia para todas as demais. Niso traballou Ejnar Hertzsprung. Con iso abriuse un mundo novo para o cálculo de distancias. Ou, literalmente, un universo novo. Hai cen anos todo o universo coñecido collía dentro da Vía Láctea. Foi en 1923 cando Edwin Hubble constatou no observatorio do Monte Wilson, en California, que a nebulosa de Andrómeda era de seu unha galaxia, diferente da nosa, cargada á súa vez de millóns de obxectos. Conseguiuno estudando variábeis cefeidas en Andrómeda ata chegar á conclusión de que estaban demasiado lonxe como para pertencer á Vía Láctea.

As últimas estimacións aseguran que no universo debe haber entre douscentos mil millóns e dous billóns de galaxias e entre tantas a nosa é só unha máis. O universo empezou a crecer naquel 1923, sobre os ombreiros de xigantes, no observatorio de Monte Wilson. Hoxe ese observatorio xa non serve para escrutar o espazo profundo. O ceo de Monte Wilson xa non vale para facer ciencia de vangarda porque non é suficientemente escuro. Como case todos os seus contemporáneos. Non é casual que fosen os profesionais dos observatorios os primeiros en lanzar a voz de alarma. Xa en 1973 Merle Walker, do observatorio Lick, analizou con tino o empeoramento notábel da calidade do ceo nos centros de investigación de California e Arizona e lanzou unha premonitoria advertencia final: “O futuro da astronomía óptica terrestre depende de con que nivel de éxito resolvamos os problemas paralelos de controlar a contaminación luminosa nos observatorios existentes e de adquirir e protexer axeitadamente os mellores sitios de ceos escuros que queden" [8]. 45 anos despois podemos dicir que, tristemente, non conseguimos ningunha das dúas cousas. Ir ao encontro da verdadeira escuridade é agora todo un desafío.

Fabio Falchi. Imaxe: Riccardo Furgoni.
Sobre estas liñas ven a Fabio Falchi, profesor do Istituto Statale di Istruzione Superiore “Galileo Galilei” en Mántova, Italia. No seu tempo libre investiga no Istituto di Scienza e Tecnologia dell’Inquinamento Luminoso. No seu tempo libre, repito. Fabio Falchi é un titán na loita polos ceos escuros. A súa investigación e o seu impulso achéganos unha fabulosa ferramenta para calibrar o estado real do desastre que é a contaminación luminosa. O Atlas Mundial do Brillo do Ceo, cuxa segunda edición se publicou en xuño de 2016, dinos que o 80% da poboación mundial vive baixo ceos afectados pola contaminación luminosa. En España, tres cuartas partes da poboación non vemos xa a Vía Láctea. A Vía Láctea que si vía Díaz Castro na súa mocidade na Terra Chá, en Galiza. Hoxe tería que esforzarse bastante.

Nun artigo para o semanario Sermos Galiza Marcos Pérez, director dos Museos Científicos Coruñeses, escribiu: “Do mesmo xeito que non hai mariñeiros sen mar ou naturalistas sen natureza, non pode haber astrónomos sen estrelas”. Quizais tampouco haxa poetas, cineastas, músicos, artistas plásticos, científicos e científicas doutras áreas cuxa curiosidade naceu unha noite mirando o ceo.

Martin Pawley. Artigo publicado no caderno "A Fondo" 203 publicado no semanario Sermos Galiza do 15 de novembro de 2018, nº 322. En versión española o artigo forma parte do nº 12 da revista "Astronomía Digital", especial 20º aniversario, que pode descargarse nesta ligazón.

* * * * *

Notas 

[1] En atrevida tradución galega: A idea, sen dúbida, é facer o traballo / de alumar a noite toda cun gran cachifallo / de electricidade a esgalla para que pareza / que o Sol, coma de día, está sobre a cabeza.

[2]  We need the interruption of the night / To ease attention off when overtight, / To break our logic in too long a flight, / And ask us if our premises are right.

[3] “Across North America, the estimated number of migrating birds killed annually in collisions with buildings ranges from 100 million to 1 billion birds” (FLAP, Fatal Light Awareness Program).

[4] "Insect declines and agroecosystems: does light pollution matter?", M. Grubisic, R.H.A. van Grunsven, C.C.M. Kyba, A. Manfrin, F. Hölker.

[5] "Signaling cascades and the importance of moonlight in coral broadcast mass spawning", Paulina Kaniewska, Shahar Alon, Sarit Karako-Lampert, Ove Hoegh-Guldberg, Oren Lev.

[6] "Phototransduction by retinal ganglion cells that set the circadian clock", Berson DM, Dunn FA, Takao M.

[7] O custo total dos quince anos da misión NASA New Horizons, que enviou unha sonda a Plutón, foi de 600 millóns de euros (fonte: Forbes). Iluminar ben España podería xerar cada dous anos (ou mesmo menos) o aforro preciso para pagar unha misión espacial dese nivel.

[8] “The future of ground-based optical astronomy hinges upon how successfully we are able to solve the twin problems of controlling light pollution at our existing observatories and of acquiring and adequately protecting the best remaining dark-sky sites”, en Light Pollution in California and Arizona, Merle Walker, Publications of the Astronomical Society of the Pacific, Volume 85, nº 507, outubro de 1973.

* * * * *

Lecturas recomendadas

-As referencias á paixón astronómica de Robert Frost proveñen dun artigo de Charles Laird Calia na revista Sky & Telescope, The Astronomy of Robert Frost, abril de 2005.

-Sobre contaminación luminosa e saúde é máis que recomendábel o libro Hicimos la luz... y perdimos la noche do catedrático de Fisioloxía da Universidade de Cantabria Emilio Sánchez Barceló, editado polo servizo de publicacións da propia universidade.

-Sobre contaminación luminosa e impacto ambiental hai abundantísima información dispoñíbel en Internet. Unha boa introdución é Artificial night lighting and protected lands: ecological effects and management approaches, escrito por Travis Longcore e Catherine Rich e dispoñíbel en liña. 

-Sobre as calculadoras de Harvard Dava Sobel escribiu un libro excelente, The Glass Universe, editado en España por Capitán Swing.

-Debo insistir na importancia do ensaio The End of Night de Paul Bogard, sumamente inspirador pola súa reflexión sobre a desaparición da noite.

-En galego o excelente libro de divulgación E fixemos a luz! de Salvador Bará, editado polo servizo de publicacións da Universidade de Santiago de Compostela, inclúe un conciso e á vez completo capítulo sobre contaminación luminosa.

-A IDA, International Dark-Sky Association, é a principal entidade mundial na loita contra a contaminación luminosa. O seu sitio web está cheo de moi boa información divulgativa. Para quen desexe saber (moito) máis, inclúen unha base de datos actualizada de artigos científicos. En España a asociación de referencia é Cel Fosc.

domingo, 6 de xaneiro de 2019

The 2018 Great Cinema Party

Una lista de cineastas que es, por supuesto, una lista de películas favoritas del año o, con más propiedad, de estrenos de 2018, inevitablemente con algunas películas de 2017. Un año con un buen Cannes suele ser un buen año, al menos para los que vemos muchas películas en/de festivales. Y hubo buenas películas en Cannes, en el Forum de Berlín, en el Bafici o en San Sebastián. En concreto, este 2018 fue el año de dos grandes películas, La flor, de Mariano Llinás, y Le livre d’image, de Jean-Luc Godard; también de la confirmación de que, con la recuperación de su versión extendida, The Tree of Life es una de las películas indiscutibles de la década. No todo son certezas, de algunas películas me fio de la primera impresión, aunque el paso del tiempo me haya generado algunas dudas; en otros casos (Climax), fue precisamente un segundo visionado el que me permitió apreciar unas virtudes que no tenía tan claras la primera vez. Y esto no siempre sucede. Seguramente faltan también esas películas que aún no he podido ver (Errol Morris, Frederick Wiseman, muchas experimentales) y que son las que más ganas tengo de ver en 2019, pero por el momento vamos con el año recién terminado.

ALCHÉ, María: Familia Sumergida
ANDERSON, Paul Thomas: Phantom Thread (2017)
BARAM, Gilad, KAPLAN, Adam: The Disappeared
BECKERMANN, Ruth: The Waldheim Waltz
BENNING, James: L. Cohen / Readers (2017)
BI Gan: Long Day’s Journey into Night
BILLIGHAM, Richard: Ray & Liz
BURNS, Ken, NOVICK, Lynn: The Vietnam War (2017)
CHAZELLE, Damien: First Man
CUARÓN, Alfonso: Roma
DENIS, Claire: High Life
DINÇEL, Nazli: Between Relating and Use [info]
DORNIEDEN, Anja, GONZÁLEZ MONROY, Juan David: Confort Stations [info]
DORSKY, Nathaniel: Arboretum Cycle (2017) [info]
DUMONT, Bruno: Coincoin et les z-inhumains
FARAUT, Julien: L’Empire de la perfection
FENDT, Ted: Classical Period
FISHER, Morgan: Another Movie [info]
FULVIO, Luis: ’77 No Commercial Use (2017)
GODARD, Jean-Luc: Le livre d'image
HAGHIGHI, Mani: Pig
HAMAGUCHI, Ryusuke: Asako I & II
HERNÁNDEZ CORDÓN, Julio: Cómprame un revólver
HILL, Jonah: Mid90s
HONG Sangsoo: Grass / Hotel by the River
HU Bo: An Elephant Sitting Still
JENKINS, Tamara: Private Life
JIA Zhangke: Ash Is the Purest White
KENNEDY, Chris: Watching the Detectives
KÖHLER, Ulrich: In My Room
LACUESTA, Isaki: Entre dos aguas
LEE Changdong: Burning
LINKLATER, Richard: Last Flag Flying (2017)
LLINÁS, Mariano: La flor
MADDIN, Guy, JOHNSON, Evan, JOHNSON, Galen: The Green Fog
MALICK, Terrence: The Tree of Life (versión extendida 2018)
MINERVINI, Roberto: What You Gonna Do When the World’s Is on Fire?
NOÉ, Gaspar: Climax
PAWLIKOWSKI, Pawel: Cold War
PERSICHETTI, Bob, RAMSEY, Peter, ROTHMAN, Rodney: Spiderman: Into the Spider-verse
PETZOLD, Christian: Transit
RILEY, Boots: Sorry to Bother You
ROHRWACHER, Alice: Lazzaro felice
SALAVIZA, João, NADER MESSORA, Renée: Chuva é cantoría na aldeia dos mortos
SCHRADER, Paul: First Reformed (2017)
WANG Bing: Dead Souls
WEERASETHAKUL, Apichatpong: Blue [ver en Youtube]
WELLES, Orson: The Other Side of the Wind
WITTMANN, Helena: Drift (2017)
WOLF, Sergio: Esto no es un golpe

Jaime Pena
6 de enero de 2019
* * *

luns, 31 de decembro de 2018

Entrevista a Anxos Fazáns: “A estación violenta é un filme dos corpos, os rostros e as feridas”

por Fernando Redondo

Nota: este entrevista publicouse en Tempos Novos, nº 253, xuño de 2018.

Anxos Fazáns. Imaxe: Zig Zag Diario, TVG
A estación violenta é a primeira longametraxe dirixida por Anxos Fazáns, quen partiu dunha novela de Manuel Jabois para pór en pé este relato que, segundo as propias palabras da directora, fala dunha xeración triste e frustrada antes de tempo, a de quen pensaron ser artistas sen consecuencias, a dos que se deron contra os muros que eles mesmos levantaron. O filme chega ás pantallas comerciais despois de ter sido exhibido en certames tan prestixiosos como o Festival de Cine Europeo de Sevilla, o Festival de Cinema D’Autor de Barceolona, ou o arxentino BAFICI. Fazáns salienta que buscou artellar unha proposta autoral, impondo a liberdade creativa por riba do texto de orixe. De aquí xorde esta historia de frustración e vitalidade melancólica interpretada nos seus papeis principais por Nerea Barros, Alberto Rolán e Xosé Barato, xunto coa participación, sempre impactante e convincente, de Antonio Durán “Morris”.

Como foi o traballo de guión en equipo, para argallar o relato fílmico d'A estación violenta, con esa compoñente xeracional da historia, as relacións de xente nova, ese sentimento de nostalxia e desorientación?
O traballo de guión realizouse en varias fases diferentes, nalgúns momentos en equipo e noutros en solitario. Daniel Froiz, o produtor, é o primeiro en interesarse pola novela de Manuel Jabois e el é quen propón realizar esta adaptación ao cine. A Daniel e Manuel úneos unha longa amizade dende a xuventude, por iso o seu nivel de implicación no proceso de creación vai moito máis alá do traballo dun produtor. El foi escolléndonos para poñernos a traballar na escritura do guión e estivo sempre presente de xeito activo en todo o proceso. A primeira fase de adaptación foi obra de Ángel Santos. El foi quen escribiu as primeiras versións de guión. Enseguida se incorporou ao traballo Xacobe Casas. El, máis Ángel Santos e Daniel Froiz continuaron traballando nas seguintes versións ata o verán de 2015. Aquí comeza unha nova fase, Ángel Santos ten que desvincularse do traballo de escritura por motivos laborais e persoais e eu incorpórome xa no papel de directora e guionista. Durante uns meses traballamos en equipo Xacobe, Daniel e máis eu.

Non obstante, logo o filme ten un marcado ton autoral que non parece doado de acadar traballando con outros guionistas?
Resulta que chega un momento no que sentimos que eu preciso facer meu o proxecto, levalo ao meu terreo e traballar dun xeito íntimo nas últimas reescrituras do guión. Desta maneira comeza a última fase de escritura, na que vou desenvolvendo cambios en solitario. Ao longo dun ano afondo na análise da novela e das versións de guión previas para transformalas, pasalas polo meu filtro, o meu punto de vista e os meus intereses como directora. Daniel, Ángel e Xacobe continúan atentos ao proceso, reciben as miñas novas versións e continuamos comentando os avances do guión puntualmente, intercambiamos impresións e compartimos ideas a través de reunións ao longo dese ano.

Sobre o tratamento que se fai dos corpos espidos, parece haber aquí unha referencia evidente a un espido emocional, ao acceso ao interior dos personaxes.
Este é un elemento que eu incorporei e que non figura deste xeito na novela de Jabois. Quería unha película filmada moi preto dos personaxes. Interésanme os corpos pola súa beleza, pola súa degradación, pola honestidade coa que un espido pode representar o interior dunha persoa. Os medos, as feridas: todo pode verse na pel, no rostro e nos ósos. Efectivamente, os corpos espidos son utilizados para mostrar o interior dos personaxes, nunha película na que son poucas as palabras que se utilizan, o aspecto físico cobra especial importancia.

Cal foi o traballo visual para trasladar á imaxe sensacións e sentimentos como os da fugacidade, o efémero, o reencontro, a revisión da felicidade do pasado?
Para responder a esta pregunta debería de analizar plano a plano a película, xa que para min toda ela está feita de imaxes que transmiten estas sensacións. A nostalxia, a fugacidade, a felicidade da xuventude, o fracaso, a frustración, están constantemente na pantalla. Aquí o máis importante é o que non se manifesta explicitamente e falar de algo que se perde é sempre complexo. Penso que xa hai algo disto nese corte que se produce entre a vitalidade inicial da primeira secuencia e o aspecto de derrota da segunda.

A textura visual que buscabas empregando un soporte tan singular como o Súper 16 mm. está entón en relación con esta idea?
Si, aquí xoga un papel fundamental a decisión de rodar en Super 16mm. Para min a textura que se consegue con este formato transmite moito destas sensacións, provoca unha vibración e uns matices capaces de falar das sensacións e dos sentimentos con moita máis honestidade que o dixital.

Hai aquí un traballo moi potente dos intérpretes. Como lograches transmitirlle aos actores a necesidade de expresar todo este ambiente de melancolía, desorientación, derrota...?
Cos actores, o máis importante do noso traballo xuntos foi falar, escoitar e entendernos. Para min era fundamental xerar confianza mutua para poder traballar todos nunha mesma dirección e comodamente. Así é como xorden propostas novas, e que o guión continúe transformándose nos ensaios e na rodaxe, sempre medrando. Máis que os ensaios de secuencias concretas creo que foi fundamental ir ás terrazas de Santiago de Compostela a tomar unhas cañas e falar do guión, dos personaxes, de libros e filmes de referencia, dos personaxes reais que nos recordaban á nosa historia e dos lugares nos que acontecía.

Como foi o proceso de elección dos tres intérpretes principais?
Antes de tomar calquera decisión definitiva con respecto ao elenco gústame coñecer a cada quen, falar do personaxe e da historia para comprobar que temos cousas en común e entendemos a película do mesmo xeito. Aínda así, para a elección sempre me baseo nunha primeira pulsión, intuitiva, que me indica que estou diante da personaxe que estou a escribir. No caso de Alberto Rolán sucedeu nunha proba de casting. Unha das escenas que probamos consistía simplemente en sentar, beber unha cervexa, liar un cigarro, escribir nun caderno e fumar mentres observa a xente pasar. Isto fixémolo nun interior, nunha sala branca, cun vaso de auga e sen poder acender o cigarro. Aínda así fascinoume a capacidade de Alberto para transmitir só coa súa mirada e os seus movementos, neses poucos xestos estaba o personaxe de Manuel, a súa melancolía, frustración e desexos. Despois desa proba fixemos moitas máis, con textos, con outros actores, en exterior... mais penso que a decisión para min xa estaba tomada dende ese primeiro momento. Cada caso foi diferente, pero diría que todos eles se basearon nun primeiro momento de intuición seguido dun longo proceso de confirmación de que estabamos a traballar na dirección correcta.

Tamén hai un tratamento moi especial da música, por exemplo daquela interpretada no propio contexto da acción. Como cres que se relaciona cos personaxes e os seus conflitos?
Hai moita música na miña vida, por iso hai moita música tamén na película. Non son melodías construídas por riba dos personaxes coa intención de remarcar, senón de trasladar a realidade e toda a música que respiramos a diario: dende os bares e concertos ata o mar e o vento.

Un dos guionistas, Ángel Santos, sinalou nun encontro con estudantes de Xornalismo que é moi importante traballar con espazos concretos, que axuda a imaxinarse a historia. De que maneira contribúen aquí as localizacións?
Compostela ten algo especial. É moi fermoso retratala, pero ademais a súa pedra, a súa humidade, as súas luces e sombras, xogan un papel moi importante para axudar a retratar as rutinas decadentes do personaxe protagonista. Hai algo de melancolía na fermosura da zona vella compostelá, nas calellas pequenas, estreitas e solitarias polas que se move o personaxe de Alberto Rolán ao comezo do filme. Do mesmo xeito o mar das Rías Baixas xoga un papel fundamental coma contrapunto coa frialdade de Compostela. O mar, neste caso da Ría de Pontevedra, funciona como vía de escape, como descanso ao que volver sempre na busca de paz.

Hai neste filme un traballo moi elaborado e  moi intenso de  montaxe. É neste momento do proceso onde te apropias finalmente da novela orixinal e fas túa a historia que estaba alí contida?
A montaxe é un dos procesos que máis gozo e, efectivamente, penso que é onde unha termina de atoparse coa súa historia. Facer unha película é un proceso moi longo, no que colaboran moitas persoas, moitas enerxías, xéranse moitos momentos clave que inflúen no resultado final. Unha película é a suma dunha cantidade inxente de decisións conscientes e inconscientes. Cando chegas á sala de montaxe é cando comprobas a onde te levaron todas esas pulsións e encontros e cando rematas de xuntar todas as pezas para armar finalmente a túa historia. A sala de edición é, para min, un pouco como unha sala de espellos, veste reflectida no material filmado e descobres cousas de ti e da túa historia que aínda non sabías. Tes que ter moita capacidade de autorreflexión para atopar os cabos que hai que atar. Pero se es quen de aceptarte é un dos procesos máis bonitos e construtivos que ten o cine.

Segundo a túa experiencia e a túa percepción do sector, consideras que hai bases en Galicia para crear unha industria audiovisual consolidada alén de fenómenos como o Novo Cinema Galego?
Todo depende de como se mire. Aínda hai moito por facer. Pero é certo que hai moito feito, o audiovisual galego non deixa de medrar, moitos filmes e creadores levan anos chegando moi lonxe e demostrando que hai un gran talento no noso país. Mais o que pasa é que o noso cine está a medrar grazas aos seus creadores, gracias aos equipos, grazas á xente que queremos crer en que isto é posible. Pero non é un crecemento que estea acompañado dun incremento na inversión institucional nin das grandes empresas. En Galicia hai moito talento para a escritura, para a dirección, para a interpretación, para a técnica... Pero precisamos apoio para poder desenvolver os nosos proxectos. O termo industria audiovisual consolidada non deixa de soarme irreal dada a situación precaria de moitos dos que nos dedicamos a isto. Aínda hai moito por facer e confío en que se pode facer moito, senón, non estaría aquí.

Anxos Fazáns. Perfil biográfico
Graduada en Comunicación pola Universidade de Vigo, Anxos Fazáns (Pontevedra, 1992), completou a súa formación cun Máster de dirección de cine na ESCAC de Cataluña. Despois de traballar de meritoria en Las altas presiones (Ángel Santos, 2013), de axudante en Castelao. De chumbo a verba (Miguel López, 2016) e de auxiliar de dirección en Matria (Álvaro Gago,2017 ), realiza a súa primeira longametraxe, A estación violenta, que viña precedida de experiencias anteriores na dirección de curtametraxes, como Area (2017), seleccionada para o ZINEBI, Festival de Cine Documental e Curtametraxe de Bilbao.

domingo, 30 de decembro de 2018

La Internacional Cinéfila 2018

Cinco películas de 2018

THE TREE OF LIFE, versión extendida de 189 minutos (Terrence Malick, 2011-2018). La mejor película que vi en 2011 es, también, la mejor que vi en 2018. El montaje alternativo con 50 minutos añadidos no altera ni traiciona la obra original pero sí la amplía en nuevas direcciones: el método narrativo -casi diría “científico”- de Malick se revela así más subyugante que nunca. ¡Esto sí que es explorar las posibilidades del relato!

Y ahora, en orden alfabético: 

PHANTOM THREAD (Paul Thomas Anderson, 2017). Menos incendiaria que THERE WILL BE BLOOD o THE MASTER, pero igual de brillante y traviesa. Ver y escuchar a Daniel Day-Lewis y Vicky Krieps es una fiesta para los ojos y oídos. En mi recuerdo quedará asociada a un admirado amigo que falleció este año, el escritor Xabier P. DoCampo: fue la última película vista en sala por la que compartimos fascinación. 

SOBRE TUDO SOBRE NADA (Dídio Pestana, 2018). Un film sobre el tiempo que pasa, sobre la necesidad de fijar las memorias, de recordar para comprender. Sobre descubrir y aceptar que somos la consecuencia de todo lo vivido, de las personas que siguen con nosotros y las que ya no están. Un debut hermoso y evocador, respetuoso y sereno.

★(Johann Lurf, 2017). La película más cinéfila del año, con permiso de Godard (que juega en otra liga), y también la más “astrófila”. Como amante del cine y astrónomo aficionado, es evidente que esta película está hecha para mí.

TRANSIT (Christian Petzold, 2018). Después de la sublime PHOENIX, una de las obras esenciales de lo que va de siglo, el alemán Christian Petzold vuelve a arriesgar y triunfar: otra vez el amor, las heridas del nazismo y los juegos de identidades pero ahora con una puesta en escena conceptual que liga pasado y presente. La presencia escénica de Franz Rogowski fortalece la audacísima propuesta.

Al margen de estas películas, una de las mejores experiencias fílmicas de 2018 fue visitar la exposición de Bill Viola “Vía Mística” en Cuenca, España. Es un espectáculo entrar en una iglesia desacralizada, la de San Miguel, y ver en una pantalla vertical de seis metros los cortos TRISTAN'S ASCENSION y FIRE WOMAN, y más allá EMERGENCE, inspirado en una Pietá del cuatrocentista Masolina, y luego el políptico de los mártires (EARTH, AIR, FIRE, WATER MARTYR). O THE MESSENGER, en otra iglesia, la de San Andrés. La acertada elección de los espacios expositivos dota de aún más potencia los vídeos del neoyorquino.

Ópera prima

Lo es SOBRE TUDO SOBRE NADA (Dídio Pestana, 2018), citada en mi lista general. Otro debut muy estimable: EL SILENCIO ES UN CUERPO QUE CAE de Agustina Comedi. 

Película de mi país

Al igual que en años anteriores, me someto a la lógica de Pessoa para reafirmarme en que mi única patria es la lengua galegoportuguesa. De acuerdo a ese criterio, la mejor película de mi país (sic) es la de Dídio Pestana. Podría decir también MARIPHASA de Sandro Aguilar, que en sentido estricto es una película de 2018, pero yo la vi -con levísima diferencia respecto del montaje final- el año anterior y ya la incluí en su momento en mi internacional cinéfila. Debo añadir dos cortos sumamente valiosos: SARA F. de Miguel Fonseca y la última joya de Eugène Green, COMO FERNANDO PESSOA SALVOU PORTUGAL.

Martin Pawley. Pode consultarse a votación completa e todas as listaxes e textos individuais no imprescindíbel sitio web do promotor da iniciativa, o crítico arxentino Roger Koza. 

* * * * *

Anteriores votacións para La Internacional Cinéfila: 2017 | 2016 | 2015 | 2014

martes, 25 de decembro de 2018

Estrela na noite

Un dos contos de Nadal máis fermosos do cinema americano é Star in the Night, unha alfaia de 21 minutos dirixida por Don Siegel e gañadora dun Oscar en 1945. Un conto laico sen máis milagres que a paz, a fraternidade e o amor. Que teñades unhas boas festas!


Subtítulos en galego: Martin Pawley

martes, 18 de decembro de 2018

Entrevista a Lucía C. Pan: “Para traballar coa luz, o máis importante é observar a realidade”

por Fernando Redondo 

Nota: unha versión reducida desta entrevista publicouse en Tempos Novos, nº 254, xullo 2018.

Lucía C. Pan. Imaxe: Zigzag Diario, TVG
Tense definido a arte cinematográfica como unha cuestión de distancia, tamaño e posición. Quen primeiro se ocupa de tales cousas nunha rodaxe é o director de fotografía. O último Mestre Mateo nesta categoría, polo filme Dhogs, foi para Lucía Catoira Pan, graduada en Belas Artes e titulada na Escola Superior de Cinema i Audiovisuals de Catalunya. Malia ser aínda moi nova, xa dispón dunha experiencia relevante en producións galegas que están acadando sona e premios en festivais de prestixio. Algo terá que que ver o seu traballo coa cámara, cos obxectivos e o diafragma, coa maneira de iluminar as escenas, coas luces principais e as luces de recheo. Todo un labor primordial, ás veces non suficientemente ben coñecido ou valorado por quen desfruta dunha boa película. Por iso imos pedirlle a Lucía C. Pan que nos fale do seu traballo, e por iso imos darlle un certo ton didáctico a esta conversa, co obxecto, tamén, de achegar un algo de reflexión sobre o que significa traballar con algo tan voluble, cambiante ou impreciso como a luz, a creación dunha determinada atmosfera ou a transmisión de determinadas emocións ao espectador a partir dun traballo visual. Coa fotografía cinematográfica búscase trasladar un texto escrito a unha linguaxe visual. Aquí faremos ao revés: levar á escrita o que aparenta estar só nas imaxes.

En que consiste o traballo de dirección de fotografía?
Pregunta complicada se non se coñece a base de como se fabrica unha película. O meu departamento en concreto ocúpase de dirixir e xestionar o que ten que ver coa imaxe da película. Claro, cando dis a imaxe moita xente pensa na fotografía exclusivamente como a cámara que rexistra algo, pero realmente abrangue moitas cousas. Principalmente, fotografía ten dous departamentos, que son cámara e iluminación, entón necesita un eixo que una eses dous departamentos, que os comunique e os faga funcionar en sintonía. Sempre co que o director quere, porque este é un traballo moi colectivo, pero a idea é que controlas os aspectos técnicos, sobre todo, tanto a nivel de coñecementos fotográficos como a nivel de maquinaria que necesitas para reproducir iso. E tamén controlas un pouco a nivel narrativo da imaxe, desde cores, composición, psicoloxía, movementos... Tes que saber un pouco sobre vestiario, sobre atrezzo, dirección de arte, maquillaxe... para que todos estes departamentos funcionen ben con respecto ao teu. Incluso, gústame moito ter unha relación co son porque ás veces esta colaboración pode facer que o teu traballo sexa mellor. Xa me teño atopado con ocasións nos que o son soluciona problemas de imaxe. O meu traballo consiste nunha conversación constante con outros departamentos e sobre todo co director.

Como fas para visualizar o que nun principio non existe máis que nun guión escrito?
Aquí un compoñente moi importante é a propia imaxinación e a bagaxe cultural e fílmica que tes. Eu, por exemplo, consumo cine, series e outros produtos visuais, pero sobre todo cine, dende moi, moi pequena. Entón, hai momentos en que les un libro e te transporta a unha imaxe en concreto, fórmase na túa cabeza unha imaxe, o que é un camiño natural para min. Entón, o que fago normalmente é ler o guión para ver as imaxes que me xorden a min en concreto. Logo, a seguinte fase xa é falar co director e ver que imaxes ten el. Hai directores que non son tan capaces de materializar directamente o que están escribindo. Ao mellor, controlan máis de dirección de actores ou a sonoridade da película, os movementos, os espazos, pero ás veces non son capaces de concretar nin o look, nin o ritmo visual que vai levar a súa peza. Entón, cando falas con eles, tamén sabes así a que tipo de director te estás enfrontando, porque, por outro lado, hai directores moi visuais, que teñen referentes moi potentes e que co que che contan xa sabes por onde tirar. Gústame, primeiramente, ter unha interiorización para ver que me está contando esa historia a min, a que me remite, e despois ver que quere contar o director. E logo mesturar esas cousas, porque finalmente, todo o que teña que ver coa arte, é interpretación do espectador.

Entendo que o teu oficio precisa dunha capacidade creativa que logo cómpre combinar cunha constante actualización nas innovacións tecnolóxicas que non paran de xurdir
Si, claro, a responsabilidade técnica sempre vai recaer no meu departamento. Para min, esa é a principal prioridade. Ver que medios económicos hai e ata onde podemos chegar para solucionar todas esas necesidades técnicas que require cada proxecto e logo entras no proceso de negociar con produción cales son as prioridades e que cousas poden ir caendo. E en función diso, negociar tamén con dirección ata o punto ás veces de modificar o guión. Agora estamos nunha época dun cambio moi interesante en iluminación porque a tecnoloxía está creando constantemente novos aparatos. Cando empecei a estudar, si que había algo feito con led, pero había unha tendencia a un maxenta, a un verde, e igualar un led a outro era moi complicado. Hoxe segue sendo complicado, pero conséguese bastante ben, e despois con cada cámara vas estudando que dominante de cor é a que prevalece. Non desaparecen todos os outros focos, pero si é verdade que moitos están sendo substituídos. Antes xurdían dificultades que, para solucionalas, tiñas que remover ceo e terra e agora hai un aparatiño en concreto que mide exactamente iso. E toda a aparataxe de iluminación está véndose reducida e de repente iluminas unha secuencia enteira con tres maletiñas e iso é un cambio moi radical. O outro día fixen un anuncio e levaba máis material de cámara que de iluminación cando normalmente é ao revés.

Ademais, estamos aínda nun momento de transición, non sei se xa superado, que é o do cambio do fotoquímico ao dixital. Como afecta isto ao teu traballo?
Oxalá se utilizara máis o celuloide. Eu traballo en dixital case sempre por unha infinidade de motivos, pero para min un mundo ideal sería aquel no que ti puideras escoller segundo o que o proxecto necesitase. Agora, en comparación con outros anos está un pouco máis complicado. Depende de a onde queiras chegar, pero claro, non hai laboratorios en España. Creo que sempre enfocamos mal este asunto, porque penso que non debería ser un cambio, senón unha convivencia. É coma na iluminación: agora saen os led, pero isto non supón que vaian desaparecer os HMI, nin a iluminación de fluorescencia nin o tungsteno. En cámara debería pasar o mesmo, que evolucione o dixital cara onde queira pero que non faga desaparecer o outro.

Entendo que a maioría dos teus traballos os fagas en dixital, aínda que é certo que no voso sector hai unha certa nostalxia cara o analóxico. Que é o que o dá o 35 mm., ou o 16 mm. que non o dá o dixital?
As texturas aquí son moi importantes. Se imos a cousas moi concretas, como é o grao, non é comparable o que hai en dixital ao que hai en analóxico, por moito traballo que haxa de imitar. Eu sempre digo que non me gusta nada a electrónica e, sen embargo, me encanta a mecánica, e claro cando había o fílmico todo era mecánica e química. Agora, que estamos no dixital todo é electrónica. O comportamento é moi distinto, porque a electrónica está interpretando mentres que o fílmico a min dáme a sensación de que arranca a realidade. Sabes? Son procesos químicos e mecánicos que están aí traballando un co outro e están fabricando unha cousa que vai do físico ao físico. En cambio, no dixital, imos a unha interpretación desa realidade. A miña sensación cando vexo unha película en 35 mm. é de que hai aire e se a vexo en dixital non hai ese aire. Sei que parece unha descrición moi romántica, pero é a sensación que transmite. Co dixital agora o que intentamos é perder definición porque chegamos a un tempo no que a definición é extrema, entón todo o tempo intentamos ir a óptica vintage para introducir algún tipo de aberración, para que a imaxe se volva... non quero dicir cálida porque se pode confundir coa temperatura de cor, pero si que se volve máis humana e menos máquina.

Traballar coa luz non parece nada doado. Falamos dun fenómeno físico en constante cambio e movemento. Hai algún segredo para chegar a dominar a luz?
É complicado pero para min é a parte que máis me emociona do meu traballo. Normalmente, a parte técnica, e sobre todo a cámara, absorbe demasiado, precisa de moitos recursos e dedicación. A iluminación ten un compoñente máis alto de creatividade. Secretos, ou trucos máis ben, hai un montón para dominar a luz, pero a lección máis importante que a min me deron foi a de observar a realidade, que parece algo moi sinxelo pero non observamos. Un profesor que tiñamos, Xabi Giménez, levounos a tomar un café na primeira clase que nos deu e de repente mandounos pechar os ollos e dixo “por onde entra a luz? Pola dereita ou pola esquerda? Está a tele acendida ou non? A máquina tal, emite luz? Empezou a facer unha serie de preguntas e descubrimos que nunca analizas a realidade na que estás. Entón un día camiñando pola rúa vin que a luz rebotaba sobre edificios acristalados que facían de espello e foi algo revelador para min.

É importante para ti que a luz estea xustificada nun plano, que se integre con naturalidade no espazo da acción?
A resposta a isto é moi galega: depende moito da historia. Para min, sempre que haxa unha posibilidade de xustificación, será mellor. Esteticamente, mesmo cando vexo películas sempre me gusta que haxa unha fonte de luz na propia imaxe, que non estea externa. Pero de repente este ano propuxéronme un proxecto no que a luz non tiña ningún tipo de xustificación e paseino moi ben. Non é algo que eu desfrute vendo pero que logo me gustou facer. De inicio, debería xustificarse, pero ás veces non fai falta, e tamén nos empeñamos niso, aínda que repito que para min é mellor e o espectador non se perde. Tamén é verdade que se estás empezando nisto ou se tes unha secuencia complicada, si que é un deses trucos que te poden salvar. Se non estás moi segura de como chegar a algo, con meter unha fonte de luz clara, que o espectador saiba que esa luz que lle entra de contra ou dun lateral está xustificada por unha ventá ou por unha lámpara, si que é certo que axuda bastante

Tes unha especial predilección por traballar nas chamadas horas bruxas? Que dificultade engadida ten o feito de rodar neses momentos de cambio que representan o amencer ou o anoitecer?
O problema é o tempo que dura iso. Se tes unha produción grande, podes chegar a alongalo un pouco. Se tes a posibilidade de ter palios ou reflectores grandes podes conseguir que eses vinte minutos escasos se convertan en algo máis. Tes que controlar moito o que vas facer antes de chegar a esa hora e ter moi claro o que queres facer para aproveitar eses vinte minutos, aínda que logo a secuencia dure dous minutos. En Dhogs hai unha posta de sol que foi unha carreira contra o reloxo porque había que gravar dúas secuencias nesa posta de sol, unha coa GoPro e outra coa cámara principal. E ao final, a primeira toma que se fixo é a que está montada, porque a segunda xa estaba subexposta, xa non tiña o sol tocando o ceo. Nestes caso tes que ter moi afinado todo o que vas facer, que para min sería o ideal en todo o que vas filmar. En Matria, case o conseguimos. En Dhogs houbo un compoñente de sorte moi importante, de non poder previsualizar o que iamos facer. Iamos cos tempos moi xustos e había que confiar, por exemplo, en que todos os esquemas de luz ían funcionar.

A creación de sombras e reflexos, que crees que poden engadir á historia e como crees que as percibe e interpreta o espectador?
Depende un pouco da composición do plano e sobre todo o foco, o foco físico, non o foco de atención. O foco físico da óptica diche que mires aquí ou mires alí. Dependendo de como queiras que entren eses reflexos ou esas sombras, o foco vai alí ou non vai alí porque a realidade está chea de cousas que reflicten ou sombras que se moven. Entón, dependendo moito do que queiras facer, se estás facendo unha peli de medo, o mellor é que as sombras estean sempre desenfocadas e que ao espectador non lle dea tempo a diferenciar exactamente que sombra é, que non saiba nin por onde entra. Néstor Almendros dicía sempre que o seu traballo era quitar luz, non poñela. Vai moito por aí. Tes que crear clarescuros e zonas de atención e de non atención para que o espectador teña a capacidade de sentir o que estás creando, porque se de repente iluminas todo tes un sentimento totalmente contrario a se che engaden sombras ou zonas escuras.

Como se ven as cousas a través do obxectivo?
A nivel técnico todo depende das ópticas. O look da película vai moito máis agarrado á lente que á cámara. Coa mesma cámara, as ópticas poden variar totalmente o tratamento visual. Por exemplo, Estereoscopía, de Xacio Baño, fixémolo todo practicamente en 50 mm. Matria está feita case con 40 mm., porque se busca esa visión humana, tan documental, tan de estar enriba da protagonista. Logo, tiñamos unha óptica zoom para poder facer un plano no que ela estaba moi lonxe, para tomar de repente esa distancia, pero segues con ela. Hai ópticas que teñen unha entrada de luz incontrolable e outras que teñen unha definición inmensa. Logo, segundo uses un tele ou un angular a deformación dos bordes dos obxectos é moi distinta. Eu aquí son moi fan das aberracións, para que algo sexa único ten que ter algún defecto. A min gústame moito que se note a tecnoloxía que usamos.

Que supón rodar unha toma tan especial como un primeiro plano, cando todo se fai depender do rostro do actor ou actriz, do seu xesto e da súa expresividade?
O maior desafío é para o actor ou a actriz, pero eu sempre teño un sentimento de responsabilidade de como se van ver. Pasa máis en documental porque estás tratando con non profesionais e que expoñen moito a súa vida, non están acostumados a verse e normalmente cando se ven, polo xeral non se gustan. Para min, si que é un momento delicado, pero darlles dignidade é a palabra máis axeitada. O que necesitas é que o seu traballo o rexistres de maneira correcta. Cada actor é distinto e eu trato tamén de axustarme ás súas necesidades. Eles preguntan bastante, entón iso a min dáme moita alegría, porque así sei que os podo interromper. Preguntan sobre todo ata onde se ve o plano. En Dhogs, por exemplo, tiñamos un problema coa iluminación e solucionouno Morris variando a súa posición. E nun primeiro plano de María Costas pasounos que se nubrou o ceo, alá en Almería, e de repente o cristal da gasolineira reflectía todos ese nubarróns. Díxenlle ao director que á secuencia podíalle vir ben isto. A personaxe de María está moi machacada, tanto pola súa interpretación como pola figuración que lle fixeron, e logo por esa iluminación fea, de buscar un look sinistro.

Sobre Eco (Xacio Baño, 2014), unha curtametraxe formalmente minimalista e que vai da idea da ausencia, a memoria contida nun diario e a frustración vital dunha nai. Como buscaches traducir todo isto visualmente?
A maneira estética de enfocalo recordábame moito a outra curta que fixemos antes, Anacos, onde os personaxes son o que pesa, porque se pesan os personaxes, pesa a ausencia da que realmente é a protagonista, pero que non aparece en ningún momento. Tivemos dúbidas de se mostrala nalgún momento nunha foto, pero o feito de que nin sequera lle poidamos poñer rostro fai que a ausencia sexa máis potente. Todas as secuencias se intentaban gravar incluso con un só encadre. Hai algún plano / contraplano, pero buscamos que todo fora o máis sinxelo posible ata o punto de nin sequera ter opcións de montaxe. A casa na que se ficcionou todo coñecíana moi ben os actores, e Xosé Barato falábame do momento de luz máis idóneo de cada habitación e contaba recordos deses lugares e deses momentos de luz. Había como unha aura, ese momento con esa luz estaba cargado dun montón de historias. A película ten un dispositivo moi sinxelo para gravalo e para mostralo todo, pero logo ten unha complexidade humana tremenda. Buscouse unha rodaxe coa que construír un entorno no que latise de verdade a historia e sobre todo un respecto pola persoa ausente.

Logo está, Matria (Álvaro Gago, 2017), que tamén vai dunha muller que se deixa a pel no seu día a día, con exteriores, nas Rías Baixas e os interiores, sobre todo, nesa conserveira na que se desenvolven duras xornadas de traballo
Foi unha produción moi planificada. Aínda así, algunhas decisións tomáronse o día antes de empezar a rodaxe. Por exemplo, o aspect ratio da película. Tiñamos a dúbida de se gravar en 1:33 ou en 16: 9. Sendo unha historia moi humana, requírese ter unha certa altura para que o entorno non ocupe moito máis que os personaxes. A protagonista tiña que ser sempre o centro de atención, ocupando unha parte moi importante do encadre. O 1:33 é un formato moi humano, feito para as persoas e que se esqueza un pouco o que hai ao redor, pero tiña algo que non nos convencía e que aínda non sei explicar moi ben. E o 16: 9 para min xa era demasiado panorámico. Ao final, recorremos a 1:66 porque o meu axudante dixo que era o formato con máis proporción áurea, o máis harmónico. E pareceunos perfecta esa descrición para o que realmente queriamos facer en Matria. Logo, a nivel visual a idea era non abandonar nunca á protagonista. Se hai flutuacións de luz que isto non expulse ao espectador da historia e que non o perciba como un artificio.

E finalmente, Dhogs (Andrés Goteira, 2017) coa dificultade de aplicar un determinado tratamento luminoso para rodar o día e a noite ou o norte e o sur da península. Ademais, un filme moi impactante dende o guión e tamén visualmente
Non faltou de nada, e hai nenos, hai cans... co que xa cumprimos con todas as expectativas. Era un proxecto complicado que intentamos simplificar sen renunciar ao seu espírito. Andrés Goteira traballa moito con referentes, o que creaba unha especie de sucidade no guión que a min parecíame fundamental. Intentamos trasladar esa sucidade á fotografía, polo que coa directora de arte pactei que, por exemplo, falariamos o menos posible de cores: ponme o que queiras que xa veremos como tratalo. Necesitabamos unha sucidade real, que non se visen moi controladas certas cousas. Pasou por exemplo coa cor do vestido de Melania Cruz. Queriamos algo que destacase na noite na Coruña e no deserto en Almería. O que se decidiu ao final foi perfecto porque empezaba moi limpo e acabou feito un cristo. Era como a camiseta de John McClane n'A xungla de cristal. Tamén os personaxes son sucios, están desfeitos, agás algo de calma ao principio. Hai unha idea de incomodarte constantemente e coa iluminación, sobre todo, e coa cámara tamén, buscabamos que molestase. Tense que notar que hai momentos raros, como cando pasan do corredor ao teatro. Aínda que o espectador de inicio non o saiba, ti realmente pensas: que pasa aquí? Porque estás pasando dunha iluminación bastante crible a unha iluminación que pensas “vaia hotel máis cutre”, ou non sabes moi ben a onde vai ese corredor. Este choque ao espectador xa llo das coa iluminación e coa textura. A idea de Dhogs era dar pistas e ao mesmo tempo ter coidado de non adiantar cousas, que era o risco que se corría no caso de manter un determinado tratamento visual, que parecía o adecuado ou o normal, pero ía en contra desa idea da sorpresa.

É posible aprender a mirar? Son necesarios os referentes?
É necesario aprender a analizar o que vemos. Consumimos demasiadas imaxes e se non sabemos diferenciar, se non aprendemos a pasar dunhas cousas e a quedarnos con outras, creo que viviriamos totalmente atolondrados con toda esta cantidade de imaxes e pantallas. Cando estudaba Belas Artes, xa empezara a decatarme de que necesitaba ter un baremo e logo o importante é saber que tipo de mirada tes e onde a concentras. A escultura, por exemplo, é un referente impresionante. Vale, que o cine é unha pantalla, pero a cámara móvese, co que estás cunha visión máis escultórica. E o cine non deberiamos concibilo como algo plano.

Hai en Galicia un ritmo de traballo continuado para unha directora de fotografía? En que poden contribuír fenómenos como o Novo Cinema Galego?
Agora eu non teño un ritmo continuado. Hainos que están moi consagrados e supoño, e espero, que teñan un ritmo bastante continuado, se non a miña esperanza viríase un pouco abaixo. En Galicia fanse bastantes cousas e bastante interesantes. Para min é case un luxo o feito de ter un idioma propio, ter unha cultura propia moi particular. Isto danos moitas máis esperanzas a todos os que vivimos dun sector cultural sempre e cando o resto da poboación lle dea a importancia que ten. Non sei se imos cara que se lle dea a isto a importancia que se merece ou imos na dirección contraria. Non estou moi segura. Son moi consciente de que unha boa parte do meu traballo existe porque teño un idioma propio. Sobre o Novo Cinema Galego, creo que xa está moi consolidado. Xa está dentro das posibilidades habituais que temos. Entón, creo que está ben que despunte algo ou alguén para deshabituarnos e levarnos cara terreos novos, ou vellos pero vistos doutra maneira.
Lucía C. Pan. Perfil biográfico
Naceu en Cambre en 1984. Graduouse en Belas Artes na Universidade de Vigo e especializouse en fotografía cinematográfica pola Escola Superior de Cine e Audiovisuais de Cataluña (ESCAC). Traballou na dirección de fotografía en tres das curtametraxes de Xacio Baño: Estereoscopía (2010), Anacos (2011) e Eco (2015), en Unary (Luis Avilés, 2014) e na premiada no festival de Sundance Matria (Álvaro Gago, 2017). No eido do documental traballou na produción hispano-polaca Dos islas (Adriana F. Castellanos, 2017). O seu labor coa cámara e a iluminación en Dhogs (Andrés Goteira, 2017) valeulle para ser galardoada co “Mestre Mateo” da categoría. A súa segunda longametraxe como directora de fotografía é Trote, de Xacio Baño.