Deixádeme empezar contando unha historia sobre un mozo e un telescopio.
O
escenario desta historia é Lawrence, Massachussets, Estados Unidos. O
ano é 1889. O mozo chámase Robert e é orfo de pai; ten quince anos e le
con avidez unha revista nesa altura xa veterana,
Youth's Companion. Unha
publicación que nacera en 1827 dirixida ao público máis novo co ánimo
de promover “a virtude e a piedade e servir de aviso contra toda forma
de transgresión”. Co paso dos anos a orientación cambiou sensibelmente e
cara ao final do século a revista abríase a un público máis diverso: as
súas páxinas acolleron textos de autores lendarios como Mark Twain,
Jack London ou Emily Dickinson.
Youth Companion destacou tamén
polas súas estratexias de promoción. Convidaba os lectores a buscar
subscritores e a cambio ofrecíalles agasallos, entre os que non eran
infrecuentes os
kits científicos. Naquel 1889 a recompensa para os xoves
máis dilixentes era un telescopio. Coa axuda da súa nai na procura de
novos compradores da revista, Robert fíxose merecedor do prometido
telescopio refractor e fixo dun dos cuartos da súa casa o seu primeiro
observatorio. Para familiarizarse co ceo devorou os libros dispoñíbeis
na Biblioteca Pública de Lawrence. Leu e releu os atlas astronómicos e
namorouse en especial dun libro,
Our Place among the Infinities, escrito
polo astrónomo
Richard Anthony Proctor, autor dalgúns dos primeiros mapas de
Marte e fundador dunha revista de divulgación,
Knowledge. No
desenvolvemento desta publicación contou, por certo, coa axuda da súa
filla
Mary Proctor, que logo tería unha celebrada carreira como
comunicadora científica: escribiu infinidade de artigos e deu centos e
centos de charlas en diversos países.
A marabilla do ceo chocaba
coa pesada inercia da vida escolar. En decembro de 1891 o noso Robert
escribía, con inconfundíbel frustración adolescente, estas frases no
xornal do instituto de Lawrence:
“A rutina da vida escolar que se
nutre enteiramente de libros é incribelmente monótona, tan monótona, de
feito, que nos deprime non ter a certeza de se un día saberemos ou non o
que aprendemos onte; un pouco de observación real sobresairía entre
todo este negror igual que a Lúa sobresae na escuridade cando a miramos a
través dun telescopio; fai que a escuridade pareza agradábel”.
Acabou
o instituto, desempeñou diversos oficios, casou, foi á universidade de
Harvard, deixouno e, finalmente, grazas ao seu avó, fíxose cunha granxa
en Derry, New Hampshire. Alí viviu coa súa muller Elinor durante varios
anos. Pola mañá cedo, antes de ocuparse dos labores do campo, erguíase
para escribir poesía. A lenda literaria do noso Robert abrolla de
verdade nesta altura. Porque o noso Robert é
Robert Frost, un dos
grandes nomes da poesía estadounidense, catro veces gañador do Pulitzer,
cifra récord para ese premio.
Robert Frost amaba o ceo nocturno.
Observou o ceo na súa mocidade, observouno mentres viviu no campo,
observouno con seguridade durante os anos, case vinte, que deu aulas de
inglés no Amherst College de Massachussets, onde había un observatorio
que tiña, cando el chegou en 1917, un telescopio de 18 polgadas. Amaba o
firmamento e o firmamento asoma en poemas seus como
The Star-Splitter,
Canis Major ou
Fireflies in the Garden. Na súa poesía tamén está
presente a desaparición da noite. Ao longo da súa vida Robert Frost
asistiu á electrificación do seu país, á domesticación incandescente de
terras que antes eran salvaxes. A luz artificial ameaza a noite, como
apunta con retranca o poema
The Literate Farmer and the Planet Venus:
The idea is no doubt to make one job
Of lighting the whole night with one big blob
Of electricity in bulk the way
The sun sets the example in the day [1].
No mesmo poema un verso posterior reclama: “we need the interruption of the night”
[2]. Necesitamos a interrupción da noite.
Un dos mellores poetas galegos, Xosé María Díaz Castro, escribiu no único libro que publicou en vida,
Nimbos (1961):
A noite é necesaria
pra que ti poidas ver
sobre o medo e o mal
as estrelas arder.
Necesitamos a interrupción da noite. A noite é necesaria.
Hoxe
sabemos que ademais dunha verdade poética, estes dous versos son tamén
unha verdade científica. Hoxe coñecemos o impacto da contaminación
luminosa en ámbitos moi diferentes. Comprendemos como a exposición á luz
artificial pola noite agride a natureza e a nosa saúde, dilapida
diñeiro e acaba co patrimonio cultural do ceo nocturno.
Desde que
xurdiron as primeiras formas de vida na Terra hai uns catro mil millóns
de anos o noso planeta xirou sobre si mesmo un billón de veces. É unha
cifra a vulto, mais válenos. Un billón de días co seu correspondente
billón de noites. A vida, en todas as súas formas, evolucionou
afacéndose a esa alternancia de luz e escuridade, de horas baixo o
dominio do Sol e horas ao relento da noite. Unha alternancia que ademais
é variábel, a consecuencia do efecto combinado dos movementos de
rotación e translación do noso planeta. A todas as especies resúltalles
útil prepararse para a chegada do día ou da noite, nas que desenvolverán
os hábitos que correspondan a cada período, desde a alimentación e o
apareamento até o necesario descanso. Élles igualmente útil anticiparse
aos cambios estacionais, adiviñando a proximidade do verán ou do inverno
polo incremento ou diminución de horas diarias de luz. Mais para iso é
imprescindíbel recoñecer ben o día e a noite e iso, na actualidade, non
resulta doado. A luz artificial, que se estende por centos de
quilómetros das cidades, desfigura de xeito decisivo as condicións
ambientais nocturnas: fai desaparecer a escuridade e iso deixa
indefensas a todas as especies que teñen nela o seu hábitat de vida.
Niveis de luz cos cales os humanos non nos atrevemos a dar un paso poden
ter un impacto gravísimo en moitos seres vivos.
 |
| Paxaros mortos por colisións nas cidades. Fonte: FLAP. |
Non hai semana que non
apareza un novo estudo sobre os efectos negativos da luz artificial pola
noite sobre o medio ambiente. Hai exemplos clásicos, como o das
tartarugas mariñas que desovan nas praias. Cando se produce a eclosión
dos ovos as crías deben saír correndo cara ao mar, que de maneira
natural deberían recoñecer por reflectir a luz do firmamento, mais o
probábel agora é que se desvíen cara a territorio urbano, que é o que
máis brilla. Fascinante é o caso das aves que se orientan polas
estrelas, para as cales un ceo borrado supón quedar sen mapa. Moitas
especies de aves quedan atrapadas polas manchas de luz das cidades e a
miúdo chocan fatalmente contra os edificios (só na América do Norte
poden morrer por esa causa até mil millóns de exemplares cada ano
[3]) ou
esgotan os limitados recursos cos que afrontan as migracións. O impacto
da luz sobre as poboacións de insectos é tamén moi coñecido e iso pon en
perigo o seu decisivo papel como polinizadores
[4]. A contaminación
luminosa afecta mesmo mar adentro, como proban estudos feitos con corais
da Gran Barreira de Arrecife en Australia
[5]: os seus ciclos reprodutivos
vense alterados cando a luz artificial compite coa luz da Lúa como
marcador do seu ritmo biolóxico. E non só á fauna, tamén lles afecta ás
árbores e plantas. A luz artificial pode favorecer o adianto ou atraso
dalgúns procesos vitais, co efecto consecuente para todo o ecosistema.
Nas cidades é moi fácil comprobalo. Reparen nas árbores de folla caduca
que están preto dun farol: é frecuente que as ramas que teñen luz máis
perto sigan verdes mesmo despois do solsticio de inverno.
 |
| Fotografía tomada na Coruña o 29 de decembro de 2016. Imaxe: Martin Pawley |
Os
seres humanos non quedamos á marxe. Sabemos que ao longo do día varían
moitas das nosas variábeis fisiolóxicas, como a tensión arterial ou a
temperatura. Se nos poñemos o termómetro pola mañá ao levantarnos e
despois á tardiña, podemos comprobar como en condicións normais o valor
máis alto ímolo obter no segundo caso. O noso grao de lucidez tamén é
variábel: non somos igual de capaces de resolver problemas complexos ás
tres da mañá que ao mediodía. Tamén non somos igual de hábiles ao
volante ou no manexo de maquinaria sofisticada (o excepcional libro
Why We Sleep de Matthew Walker dá datos arrepiantes sobre o papel do sono
como causa de accidentes ou erros fatais).
Hoxe coñecemos moito
mellor que hai vinte anos -mais aínda estamos lonxe de coñecelos ben- os
procesos que rexen esas variacións diarias. Ou máis ben case diarias,
“circadianas”. O noso ritmo propio non se axusta exactamente ao patrón
de 24 horas ditado pola rotación terrestre: o reloxo biolóxico central
tende a desfasarse e por iso cada día hai que “poñelo en hora”, coma un
reloxo ao que haxa que darlle corda. Entre os estímulos que facilitan
ese axuste diario o máis importante é o ciclo natural de luz. Un equipo
comandado por David Berson, neurocientífico da Universidade de Brown,
publicou en 2002
[6] unha investigación fabulosa que desvelaba o papel
fotorreceptor dunhas células específicas na retina. Ademais dos conos e
bastóns, nos nosos ollos temos un terceiro tipo de células, as chamadas
“células ganglionares da retina intrinsecamente fotosensitivas”, ipRGC,
cuxa función non ten que ver coa visión senón coa detección do nivel de
luz: indícanlle de forma directa a unha rexión do cerebro canta luz hai
para desa forma saber se nos achegamos ao día ou á noite. Iso é
fundamental para a nosa posta en hora e, en consecuencia, para lanzar os
procesos fisiolóxicos que correspondan a cada momento. Por exemplo,
subir ou baixar a presión arterial e a temperatura. Ter sono ou estar
lúcido. Activar ou inhibir a produción de certas hormonas, como a
melatonina.
A exposición case permanente á luz manda unha mensaxe
confusa ao cerebro. Cae a noite, mais estamos rodeados de farois e
anuncios luminosos que parecen dicirlle ao noso cerebro que é de día.
Antes de durmir pasamos varias horas pegados a pantallas -televisións,
computadores ou móbiles- que producen luz cunha compoñente azul que
activa as células ganglionares. Non experimentamos o suficiente
contraste entre o día e a noite, mellor dito, entre a luz intensa do día
e a escuridade total da noite. E iso non lle sae gratis ao noso corpo.
Hai unha longa colección de patoloxías, algunhas moi graves, asociadas a
estas disrupcións do ritmo circadiano.
A contaminación luminosa
custa cara. Non é só unha licenza poética referida ao seu efecto sobre a
natureza e a saúde, é literal: custa centos de millóns de euros. O
proxecto
Cities at Night calculou en case mil millóns de euros anuais o
gasto en enerxía para iluminar a noite en España. Entre un 30 e un 50%
podería aforrarse sen demasiada dificultade simplemente aplicando
criterios máis sensatos
[7]. Bastaría asumir que a luz artificial é un
axente contaminante e por tanto debe utilizarse
só onde se necesita, ou
sexa, cara ao chan, e non proxectada cara arriba ou cara á xanela dun
veciño;
só cando se necesita, non por igual a todas as horas en todos os
lugares, senón tendo en conta o tráfico de persoas e vehículos;
co
nivel preciso, a intensidade requirida para realizar tarefas mais nunca
máis da necesaria; e
co espectro adecuado, optando sempre por fontes de
cor cálidas para o horario nocturno (e descartando as lámpadas que
producen moita luz azul, como sucede cos LED branco-azulados que se
instalaron masivamente nos últimos anos e que no canto de corrixir o
problema o multiplicaron).
Vincent van Gogh
pintou este cadro en xuño de 1889 durante o seu internamento,
voluntario, no asilo de lunáticos de Saint-Paul, en
Saint-Remy-de-Provence, Francia. Titúlase
A noite estrelada. Ao seu
irmán Theo
escribiulle uns meses antes desde Arles “Preciso unha noite
estrelada con cipreses, ou quizais sobre un campo de trigo maduro. Hai
noites realmente fermosas aquí”.
Xa desde o psiquiátrico, en xuño, contáballe: “Esta mañá vin o campo desde a miña xanela moito tempo antes
do amencer, sen máis nada que o luceiro da alba, que parecía moi
grande”. Venus é, en efecto, o punto gordo á carón do ciprés.
Obviamente distinguimos a Lúa, mais o ceo de Van Gogh é un ceo elaborado
desde a memoria, unha reconstrución alucinada da noite, como nos lembra
Paul Bogard no seu imprescindíbel
The End of Night.
Na
Noite estrelada sobre o Ródano recoñecemos o Carro da Osa Maior e fascínanos
a idea dun ceo estrelado á vez que se reflicten as luces dos farois de
gas sobre o río. Fascínanos a idea de que cohabite a luz artificial coa
luz natural das estrelas, que as luces dos farois non supriman as luces
da noite. Unha noite que marabillaba a Van Gogh e que xa non poden ver
os millóns de admiradores que peregrinan cada ano a diferentes museos
para ver os seus cadros. Vese ben isto noutra célebre pintura,
Terraza de café pola noite, que pintou en efecto de noite e nese café. Sobre o
café iluminado e sobre a cidade toda esténdese a noite estrelada. O
local agora chámase “Café La Nuit” e preserva a súa imaxe exterior para
gozo dos turistas. O que xa non preserva é o ceo nocturno. Faltan as
estrelas do
pintor do sombreiro de malvas.
Os humanos actuais
somos descendentes dos primeiros Homo Sapiens que pisaron a Terra hai
douscentos mil anos e ao longo dese tempo nunca faltou unha noite ao
final de cada día e un día ao final de cada noite, e o mesmo sucedeu con
todos os homínidos que os precederon. A noite fíxonos sentir medo
porque nela somos máis vulnerábeis, máis aínda mentres durmimos, mais
tamén foi o noso compás, a nosa guía para movernos polo tempo e polo
espazo. Comprender as regras da noite serviu para que puidésemos
orientarnos, para localizar o punto no norte (ou no sur) ao redor do cal
dá voltas o ceo, para saber onde nace e onde se pon o Sol (e con el a
Lúa, os planetas, as estrelas todas). Así aprendemos a desprazarnos polo
mundo para descubrir como eran outras terras. Comprender o ceo serviu
tamén para coñecer o paso do tempo, para identificar os feitos que se
repiten e ser capaces de predicir fenómenos. O rigor do inverno, a
resurrección da natureza na primavera, a calor do verán, o recollemento
do outono. Se existe a agricultura é porque aprendemos a identificar os
ritmos naturais e a facelos nosos e para iso tivemos que recoñecer o
firmamento como espello deses ritmos. Foi preciso contar o tempo por lúas, ou pola saída ou a posta do Sol en certas posicións, e logo, con
máis detalle, pola aparición ou non de certas estrelas. Elaboramos
calendarios grazas ao noso coñecemento do ceo. Aprendemos a calcular as
horas do día pola posición do Sol e as da noite polo movemento das
estrelas.
Nas cidades chamamos noite a ese momento en que non
pasan coches e non hai tanto barullo nas rúas, mais a noite de verdade é
outra cousa. A noite é escuridade e perder a escuridade é perder a
noite. Encher de luz artificial a noite, facer da noite día, é perder a
noite. E perder a noite é perder a Van Gogh, a Robert Frost e a Díaz
Castro, a Walt Whitman ou García Lorca. A música, a literatura, as artes
plásticas e o cinema que encontraron no ceo nocturno a súa inspiración.
Un coñecemento milenario, un patrimonio cultural transmitido xeración
tras xeración. É perder, tamén, a ciencia que emana da noite, da
observación astronómica, a que nos fixo entender o noso lugar no
universo. A observación que nos descubriu, de Galileo en diante, que alá
onde poñamos un telescopio as estrelas se multiplican e onde parecía
haber unha realmente hai miles, logo millóns.
 |
| As "calculadoras" de Harvard. Fonte: Universidade de Harvard. |
Esta
mítica fotografía lémbranos un grupo de mulleres fascinante, as
calculadoras de Harvard, cuxo traballo laborioso axudou a sentar as
bases da astrofísica e a cosmoloxía do século XX. De pé, a admirábel
Williamina Fleming, cuxo marido a abandonou, embarazada, ao pouco de
chegar aos Estados Unidos desde a súa Escocia natal. Para sobrevivir
buscou traballo do que fora e atopouno como criada nunha casa singular, a
de Edward Pickering, director do observatorio de Harvard. Pickering
tivo a habilidade de recoñecer
o talento de Mina e non tardou en
propoñerlle cambiar a súa casa polo observatorio. Acabou sendo a xefa
das calculadoras e a primeira muller que ostentou un cargo no centro,
como responsábel da colección de placas fotográficas. Descubriu varias
novas, ducias de nebulosas -incluída a nebulosa da Cabeza de Cabalo,
unha das xoias do ceo profundo- e centos de estrelas variábeis. Mais
antes de todo iso foi unha inmigrante en terra estraña, entregada á súa
sorte, e iso sempre me fai pensar en cantas Williaminas debe haber hoxe
no mundo a piques de botarse ao mar ou de cruzar continentes enteiros en
busca dun porvir menos inxusto.
Ao grupo das calculadoras
incorporouse
Henrietta Swan Leavitt, que nos deu as claves para
calcular a distancia ás estrelas. Mentres
estudaba estrelas variábeis cefeidas nas nubes de Magallanes decatouse dunha curiosa relación que
fixo notar, en forma de frase inocente, nun boletín dos anais do
observatorio: “It is worthy of notice that in table VI the brighter
variables have the longer periods”. Chama a atención que as variábeis
máis brillantes teñen os períodos máis longos. O brillo aparente dunha
estrela depende tanto das características desa estrela como da distancia
a que se atopa, e así unha estrela no noso ceo pode brillar moito
porque en efecto é moi luminosa ou ben porque aínda non séndoo tanto
está relativamente perto. Henrietta Leavitt entendeu que o período de
pulsación tiña que ser unha característica propia da estrela, de maneira
que atopar unha relación entre o brillo e o período de variación de
brillo proporcionábanos unha información valiosa real e non aparente
sobre ese astro. En canto tivésemos un valor fiábel da distancia a
algunha desas variábeis cefeidas poderíamos comparar unhas con outras e
extrapolar valores de distancia para todas as demais. Niso traballou
Ejnar Hertzsprung. Con iso abriuse un mundo novo para o cálculo de
distancias. Ou, literalmente, un universo novo. Hai cen anos todo o
universo coñecido collía dentro da Vía Láctea. Foi en 1923 cando
Edwin Hubble constatou no observatorio do Monte Wilson, en California, que a
nebulosa de Andrómeda era de seu unha galaxia, diferente da nosa,
cargada á súa vez de millóns de obxectos. Conseguiuno estudando
variábeis cefeidas en Andrómeda ata chegar á conclusión de que estaban
demasiado lonxe como para pertencer á Vía Láctea.
As últimas
estimacións aseguran que no universo debe haber entre douscentos mil
millóns e dous billóns de galaxias e entre tantas a nosa é só unha máis.
O universo empezou a crecer naquel 1923, sobre os ombreiros de
xigantes, no observatorio de Monte Wilson. Hoxe ese observatorio xa non
serve para escrutar o espazo profundo. O ceo de Monte Wilson xa non vale
para facer ciencia de vangarda porque non é suficientemente escuro.
Como case todos os seus contemporáneos. Non é casual que fosen os
profesionais dos observatorios os primeiros en lanzar a voz de alarma.
Xa en 1973 Merle Walker, do observatorio Lick, analizou con tino o
empeoramento notábel da calidade do ceo nos centros de investigación de
California e Arizona e lanzou unha premonitoria advertencia final: “O
futuro da astronomía óptica terrestre depende de con que nivel de éxito
resolvamos os problemas paralelos de controlar a contaminación luminosa
nos observatorios existentes e de adquirir e protexer axeitadamente os
mellores sitios de ceos escuros que queden"
[8]. 45 anos despois podemos
dicir que, tristemente, non conseguimos ningunha das dúas cousas. Ir ao
encontro da verdadeira escuridade é agora todo un desafío.
 |
| Fabio Falchi. Imaxe: Riccardo Furgoni. |
Sobre
estas liñas ven a Fabio Falchi, profesor do Istituto Statale di
Istruzione Superiore “Galileo Galilei” en Mántova, Italia. No seu tempo
libre investiga no Istituto di Scienza e Tecnologia dell’Inquinamento
Luminoso. No seu tempo libre, repito. Fabio Falchi é
un titán na loita polos ceos escuros. A súa investigación e o seu impulso achéganos unha
fabulosa ferramenta para calibrar o estado real do desastre que é a
contaminación luminosa. O
Atlas Mundial do Brillo do Ceo, cuxa segunda
edición se publicou en xuño de 2016, dinos que o 80% da poboación
mundial vive baixo ceos afectados pola contaminación luminosa. En
España, tres cuartas partes da poboación non vemos xa a Vía Láctea. A
Vía Láctea que si vía Díaz Castro na súa mocidade na Terra Chá, en
Galiza. Hoxe tería que esforzarse bastante.
Nun
artigo para o semanario Sermos Galiza Marcos Pérez, director dos
Museos Científicos Coruñeses, escribiu: “Do mesmo xeito que non hai
mariñeiros sen mar ou naturalistas sen natureza, non pode haber
astrónomos sen estrelas”. Quizais tampouco haxa poetas, cineastas,
músicos, artistas plásticos, científicos e científicas doutras áreas
cuxa curiosidade naceu unha noite mirando o ceo.
Martin Pawley. Artigo publicado no caderno "A Fondo" 203 publicado no semanario Sermos Galiza do 15 de novembro de 2018, nº 322. En versión española o artigo forma parte do nº 12 da revista "Astronomía Digital", especial 20º aniversario, que pode descargarse nesta ligazón.
* * * * *
Notas
[1] En atrevida tradución galega:
A idea, sen dúbida, é facer o traballo /
de alumar a noite toda cun gran cachifallo /
de electricidade a esgalla
para que pareza /
que o Sol, coma de día, está sobre a cabeza.
[2] We
need the interruption of the night /
To ease attention off when
overtight, /
To break our logic in too long a flight, /
And ask us if
our premises are right.
[3] “Across North America, the estimated number of migrating birds killed
annually in collisions with buildings ranges from 100 million to 1
billion birds” (FLAP,
Fatal Light Awareness Program).
[4] "
Insect declines and agroecosystems: does light pollution matter?", M.
Grubisic, R.H.A. van Grunsven, C.C.M. Kyba, A. Manfrin, F. Hölker.
[5] "
Signaling cascades and the importance of moonlight in coral broadcast mass spawning", Paulina Kaniewska, Shahar Alon, Sarit Karako-Lampert,
Ove Hoegh-Guldberg, Oren Lev.
[6] "
Phototransduction by retinal ganglion cells that set the circadian clock", Berson DM,
Dunn FA, Takao M.
[7] O custo total dos quince anos da misión NASA New Horizons, que enviou
unha sonda a Plutón, foi de 600 millóns de euros (fonte:
Forbes).
Iluminar ben España podería xerar cada dous anos (ou mesmo menos) o
aforro preciso para pagar unha misión espacial dese nivel.
[8] “The future of ground-based optical astronomy hinges upon how
successfully we are able to solve the twin problems of controlling light
pollution at our existing observatories and of acquiring and adequately
protecting the best remaining dark-sky sites”, en
Light Pollution in California and Arizona, Merle Walker, Publications of the Astronomical Society of the Pacific, Volume
85, nº 507, outubro de 1973.
* * * * *