Botei a tarde do domingo enteira no vello cárcere da Coruña, espazo que acolleu por segundo ano a
Mostra de Cinema Periférico, S8 para abreviar, e tan entretido estiven alí dentro que nin me enterei da chuvia. Vin dous traballos de María Ruido, unha actuación de danza contemporánea de Ángela Blanco,
Fume, e revisei por enésima vez as obras mestras de
Peque Varela,
1977 e
Gato encerrado. Perdín o venres a performance de
Guy Sherwin e Lynn Loo, mais tiven o pracer de coñecelos (a eles e aos seus pequenos). Asistín ás dúas sesións de
Zoe Beloff; a da tarde pareceume mala e a da noite aínda peor, mais agradezo ben a oportunidade de ter visto a súa obra. Porque para poder descanteirar contra os filmes de Zoe Beloff é imprescindíbel velos, e o certo é que até onte eu non coñecía nada desta autora.
Marcelino Fernández Mallo achegouse ao S8 pola mañá e
contouno no seu blog. Na mesma anotación apunta a súa incomprensión ante a boa recepción crítica de
Todos vós sodes capitáns, que non parece terlle interesado moito, igual que os cadros de
Rothko. Estou demasiado perto do filme e do seu director (a quen teño, e con orgullo, por amigo) como para poñerme a dar argumentos contra esa parte do seu post; limitareime, iso si, a precisar que nin no sitio web dos
Cines Filmax nin no da produtora,
Zeitun Films, se anunciou nunca que a película estivera “en galego”: está falada principalmente en árabe darija e subtitulada en castelán. E en caso de ter dúbidas e querer saír delas o mellor é preguntar, como fixo hoxe comigo
Carlos Callón.
Co S8 non teño unha relación tan directa, máis alá da que me corresponde como usuario do festival e por coñecer, dende hai uns cantos anos, aos pais da criatura, Ángel Rueda e Ana Domínguez. Podo ser menos subxectivo na súa defensa, en suma. Vexo con maior distancia as súas virtudes e os seus defectos. Esa distancia non evita que o texto de Marcelino me resulte ofensivo. Para o escritor o S8 e máis nada é todo un: “todo canto hai é prisión”, o cal equivale a desprezar todos, absolutamente todos, os contidos do certame, feito ben curioso tendo en conta que pasou polo cárcere unha única mañá, a do domingo, que non era precisamente o momento de maior actividade. El mesmo o di, “non tiven paciencia para ver ningunha das pezas”. Que foi o que viu, entón? Tan só reparou nas “televisións dos presidiarios”, unha frase que revela ben o seu alto nivel de despiste carcerario.
“Cabreoume comprobar que nunha instalación de vangarda galega, unicamente escoitara falar castelán e francés”, di. A miña experiencia dominical é ben distinta: eu só escoitei falar galego e inglés, no caso de que iso importe (persoalmente, o único que me preocupa das linguas que fala a xente é se son capaz de entendelas ou non). En canto ás obras exhibidas no marco do festival, hai de todo, incluso -pásmense- obras que non teñen idioma, que están máis alá de calquera intento de categorización lingüística. As do mestre
Nathaniel Dorsky, por exemplo, nas que a lingua inglesa ás veces non aparece nin no título, caso de
Arbor vitae (pregúntome se haberá alguén que a considere por iso unha película latina). Quizais Marcelino non o saiba, mais así como a literatura é unha arte que traballa con palabras, o cinema débese esencialmente ás imaxes. A lingua ten pouco peso, e ás veces ningún, e non falo só dos adorados Dorsky,
Hutton,
Benning ou
Lockhart; penso tamén en Murnau, sen ir máis lonxe. A súa calidade como director varía en función de que fixera filmes
con intertítulos en alemán ou
con intertítulos en inglés (ou sen intertítulos, caso d'
O último)?
Ben sei que para moitos intelectuais, sexa cal for o significado desa palabra, o cinema é unha arte menor, apenas un xoguete de feira para entreter o populacho. Para algúns deles o cinema só é respectábel cando deixa de selo para imitar os modos da literatura, nomeadamente da novela clásica. A esas mentes privilexiadas só lles interesa o cinema que non o é, ese que presta atención unicamente “ao relato” e deixa as imaxes reducidas á condición de mero acompañamento redundante. É importante facerlles notar o equivocados que están e que a ignorancia ten solución (cúrase aprendendo). E que o cinema de verdade é outra cousa, e no contexto do S8 tivemos unhas cantas oportunidades para comprobalo.