sábado, 14 de novembro de 2026

Felipe Lage, a pedra basilar

Desde o seu nacemento en 2009, a produtora Zeitun Films ocupou un espazo central na cultura galega a través de filmes capitais para a internacionalización da creación de noso como Todos vós sodes capitáns de Oliver Laxe ou Costa da morte de Lois Patiño. O seu fundador e máximo responsábel Felipe Lage Coro (París, 1979) recibe o próximo sábado 21 no Teatro Principal de Santiago de Compostela o Premio Cineuropa, xusto recoñecemento para un incansábel promotor do cinema como excepcional embaixada cultural e artística ante o mundo.

Apertura da reportaxe no Sermos Galiza do sábado 14 de novembro

Oliver Laxe xa acadara unha pequena atención críticaen festivais coas curtas Grrr! nº 7: ... y las chimeneas decidieron escapar, Grrr! nº 8 Suena la trompeta, ahora veo otra cara e París #1 cando en 2009 asumiu a realización, con recursos ínfimos e en película, da longametraxe Todos vós sodes capitáns. Daquela el vivía en Tánxer, Marrocos, e o seu irmán Felipe traballaba nos Estados Unidos de América. "Xa antes de finalizar os meus estudos de enxeñaría informática na Universidade da Coruña empezara a traballar nese campo, un campo que nunca me gustou, mais tamén nunca pensei que abandonaría, polo menos naquela altura", explica Felipe en conversa con Sermos Galiza. "Eu levaba uns anos de non saber que facer coa miña vida e, completamente perdido, tomei a decisión de non facer nada. Chegara aos EUA na procura de alicientes, atopei algúns mais non os que buscaba -realmente non sei o que buscaba- e finalmente deixei o meu traballo, o cal me facía perder o visado. Tiña algúns aforros, mais o máis lóxico e intelixente era regresar ao niño familiar. Cando cheguei á casa, Oliver díxome que me ía ensinar unha versión de montaxe de Todos vós..., púxenme a vela no meu cuarto pola noite e foi un momento para min moi emocionante, de moito impacto. Por dúas razóns, por un lado o filme per se, o que retrataba, a maneira en que o facía, e por outra banda o orgullo que sentía de que iso o fixera o meu irmán". Oliver propúxolle que o axudara no proceso de finalizar a película –"fíxome un comentario con retranca que recordarei toda a vida, algo tipo xa que non fas nada, bótame unha man"– e díxolle que si, mais coa advertencia de que non tiña coñecemento ningún daqueles temas (...)

Martin Pawley. Reportaxe publicada no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario do sábado 14 de novembro de 2026. As persoas subscritoras poden lela completa nesta ligazón.

Ningún comentario:

Publicar un comentario