xoves, 2 de xuño de 2011

O poeta con retranca



O Festival de Cine Documental de Marsella (FIDMarseille) premia na súa historia –a tal hora, 21 edicións– a cineastas da importancia de Frederick Wiseman, Patricio Guzmán, Eduardo Coutinho, Péter Forgács, Jia Zhang Ke, Wang Bing ou Raya Martin. Detectando á perfección as tendencias creativas da mellor non ficción contemporánea, unha peza singular como Vikingland (2011), “idea e manipulación” de Xurxo Chirro, atopa lugar idóneo para a súa estrea mundial. De novo unha inmersión moderna e a subversión do (suposto) retraso estético audiovisual galego a cargo dun autor precedido de notables –e coherentes– pezas, desde a desternillante Os señores do vento ás sabiamente contemplativas 13 pozas e 36/75.

Pletórica e inzada de humor, Vikingland, transposición máis ca libre do Moby Dick de Herman Melville, provén do material acumulado produto das gravacións persoais atopadas ao mariñeiro Luis Lomba O Haia e realizadas entre outubro de 1993 e marzo de 1994. Chirro engarza coa mellor tradición da remontaxe, procurándolles un novo sentido ás (sorprendentes) imaxes e fundindo con sagacidade diario, epístola, ensaio e apropiacionismo, ao tempo que artella un fresco discurso sobre a condición da mirada, o efecto de representación e as consecuencias do metarrelato.

Sostida sobre un dispositivo narrativo equilibrado –camiño cara á saudable abstracción-, o colosal demiurgo que é O Haia, auténtico ladrón de miradas, obtén momentos de antoloxía –vid. o zapeo karaoke do camarote ou a cea de Noiteboa– e unha impresión de autenticidade non exenta de reflexión que sortea hiperbólicos marcos teorizantes para acadar un goce multidimensional.

José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o 2 de xuño de 2011

Ningún comentario:

Publicar un comentario