![]() |
| José Luis Losa na rolda de prensa de presentación do festival. Imaxe: Javi Sobrado / Cineuropa. |
A orixe de Cineuropa remóntase a outubro de 1987 cando, no marco
dunha iniciativa máis ambiciosa como eran os “Encontros Europeos do Camiño de Santiago” que abranguían diferentes artes, xurdiu a posibilidade de celebrar unha semana de cinema na capital do país. O Teatro Principal, daquela en obras de remodelación, non se reinauguraría até uns meses despois, así que as proxeccións tiveron lugar no desaparecido Multicines Valle Inclán. Sinalou a apertura unha sesión con música
en directo dun filme mudo agora centenario, Carmiña, flor de Galicia do italiano Rino Lupo, e a semana completouse con títulos como En busca do lume de Jean-Jacques Annaud, Galilei Galilei de Liliana Cavani ou Dantón do polaco Andrzej Wajda. A boa acollida do público aconsellaba repetir a experiencia e así, en 1988, a programación estendíase a 45 títulos de, entre outros autores, Lars von Trier, Claude Chabrol, Ettore Scola e Peter Greenaway.
Probabelmente ninguén coma este cineasta inglés exemplifica tan ben as variacións nas modas cinéfilas. A súa obra, iniciada nos anos sesenta, experimentou un salto fulgurante coa estrea en 1982 d’O contrato do debuxante, que fixo del un nome reverenciado nos ambientes artísticos, e o seu recoñecemento non fixo máis que medrar ao sucederse de maneira consecutiva O ventre dun arquitecto (1987), Conspiración de mulleres (1988) e O cociñeiro, o ladrón, a muller e o seu amante (1989). O seu tan desmesurado coma fascinante manierismo atopaba feliz comuñón co labor fotográfico dunha lenda do cinema europeo, Sacha Vierny (colaborador de Alain Resnais, Marguerite Duras, Luis Buñuel ou Raúl Ruiz), e co músico (non sempre) minimalista Michael Nyman (coa excepción d’O ventre, en que a música a puxo Wim Mertens). Proseguiu o seu reinado con Prospero’s books, adaptación d’A Tempestade de Shakespeare onde Sir John Guielgud puña todas as voces e a tecnoloxía de manipulación dixital permitía sobrecargar aínda máis as imaxes; e aínda despois con O neno de Macon (1993) e The Pillow Book (1996), con Ralph Fiennes e Ewan MacGregor, respectivamente, prestando os seus corpos aos arrebatos visuais de Greenaway. “Non houbo unha autoría máis cool nas raíces de Cineuropa”, escribe José Luis Losa, mais aquela vangarda cunha lexión de admiradores acabou por esvaecer e non recobrou brío nin sequera coa efémera resurrección con Eisenstein en Guanajuato (2015), logo da cal se anunciaron algúns proxectos que, polo momento, non chegaron ás pantallas. Greenaway é o epítome da nostalxia cultureta, a perfecta encarnación dun pasado no que eramos novos e modernos, e por iso o seu nome se repite até catro veces na retrospectiva que celebra a memoria destes corenta anos nun ciclo que omite escollas máis obvias para outorgarlle prioridade a obras que son fillas inequívocas das décadas finais do século XX e as primeiras deste (...)
Martin Pawley. Reportaxe publicada no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario do sábado 7 de novembro de 2026. As persoas subscritoras poden lela completa nesta ligazón.

Ningún comentario:
Publicar un comentario