martes, 17 de novembro de 2026

Premio Cineuropa 2026: Felipe Lage

No poema que escribiu para ser himno, ese que comeza identificando o noso país a través da paisaxe das árbores, o mar e o firmamento nocturno, Eduardo Pondal presenta unha dicotomía entre “os bos e xenerosos”, os que comprenden e comparten con ledicia a mensaxe de esperanza e liberación, de redención do pobo, fronte aos “ignorantes e férridos e duros”, os imbéciles e escuros que non entenden porque non queren entender. Porque son caciques e bestas, porque non saben doutra forma de relación humana que non consista en poñer a bota sobre a cabeza de alguén, de maneira literal ou metafórica. A chamada pondaliana á redenzón da boa / nazón de Breogán mantense hoxe igual de vixente e viva que cando foi escrita, alá en 1890. Segue sendo preciso rachar moitas cadeas, algunhas herdadas daquela e outras moitas que foron aparecendo, incluídas esas virtuais que nos illan en burbullas que dan ao esquecemento o mundo real. Ou será que as cadeas son sempre as mesmas, reencarnadas en diferentes avatares? Talvez na raíz do mal estivo sempre unha mesma e única cousa, un cóctel de falta de empatía polas outras persoas adubado cunha presada de desprezo pola ciencia, a cultura e a arte, o orgullo ignaro e fatal do “que inventen outros”. De aí veñen a cobiza, a crueldade, o odio, o gusto case luxurioso polo castigo, a incapacidade para o perdón.

Nun tempo no que o “prime time” premia os discursos banais golsados con odio é cada vez máis doado recoñecer quen son os bos e xenerosos e quen os imbéciles e escuros. A única verdadeira polarización consiste niso, en escoller entre a decencia e a barbarie, e digámolo claro, non é nada difícil. De cando en cando podemos equivocarnos, mais as máis das veces os monstros vense vir dende lonxe porque van deixando ao seu paso o regueiro de sangue da motoserra. Porén, a xente digna fai pouco ruído, móvese con discreción e entrégase sen pedir aplausos. A este valoroso clan pertence o produtor Felipe Lage, bo e xeneroso. Fai o que cre e cre no que fai e con esa actitude como guía participou na maiorías das cousas importantes que aconteceron aquí no cinema nos últimos dezasete anos, dende que en 2009 naceu Zeitun Films para apadriñar un milagre chamado Todos vós sodes capitáns. O “novo cinema galego” medrou con el atrás como motor e compás, como práctico que fai que as embarcacións cheguen a bo porto. Do seu peito colgan fabulosas medallas: Arraianos, Costa da Morte, O quinto evanxeo de Gaspar Hauser, Mimosas, A estrela errante, Lúa Vermella, mais tamén Tshweesh, Sen ti ou A guerra de Miguel. Ou o que é o mesmo, Oliver Laxe, Eloy Enciso, Lois Patiño, Alberto Gracia, Feyrouz Serhal e Eliane Raheb, máis agora Adrián Canoura e Eloy Domínguez Serén e todas as e os cineastas que han de vir. O soño dun cinema de noso capaz de medirse en igualdade de condicións coa mellor creación de autor do planeta ten en Galiza un nome e apelido, Felipe Lage. Mais, para alén diso, Felipe foi e é o faro vixía que alumea os camiños de todos os demais, o amigo sempre disposto a regalar o seu tempo e o seu coñecemento para evitarlles a outros as liñas torcidas, o negociador paciente e rigoroso afeito a lidar coas bur(r)ocracias. Un activo militante do máis valioso patriotismo, un que non pode confinarse a unha pulseira: o mesmo patriotismo dos que, de Martín Sarmiento en adiante, pensaron e traballaron para espertarmos dun sono de séculos.

Martin Pawley. Artigo escrito para o catálogo de Cineuropa 2026. Felipe Lage recibirá un dos Premios Cineuropa o sábado 21 de novembro durante a gala de clausura, ás 20:30, no Teatro Principal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario