martes, 17 de novembro de 2026

Premio Cineuropa 2026: Felipe Lage

No poema que escribiu para ser himno, ese que comeza identificando o noso país a través da paisaxe das árbores, o mar e o firmamento nocturno, Eduardo Pondal presenta unha dicotomía entre “os bos e xenerosos”, os que comprenden e comparten con ledicia a mensaxe de esperanza e liberación, de redención do pobo, fronte aos “ignorantes e férridos e duros”, os imbéciles e escuros que non entenden porque non queren entender. Porque son caciques e bestas, porque non saben doutra forma de relación humana que non consista en poñer a bota sobre a cabeza de alguén, de maneira literal ou metafórica. A chamada pondaliana á redenzón da boa / nazón de Breogán mantense hoxe igual de vixente e viva que cando foi escrita, alá en 1890. Segue sendo preciso rachar moitas cadeas, algunhas herdadas daquela e outras moitas que foron aparecendo, incluídas esas virtuais que nos illan en burbullas que dan ao esquecemento o mundo real. Ou será que as cadeas son sempre as mesmas, reencarnadas en diferentes avatares? Talvez na raíz do mal estivo sempre unha mesma e única cousa, un cóctel de falta de empatía polas outras persoas adubado cunha presada de desprezo pola ciencia, a cultura e a arte, o orgullo ignaro e fatal do “que inventen outros”. De aí veñen a cobiza, a crueldade, o odio, o gusto case luxurioso polo castigo, a incapacidade para o perdón.

Nun tempo no que o “prime time” premia os discursos banais golsados con odio é cada vez máis doado recoñecer quen son os bos e xenerosos e quen os imbéciles e escuros. A única verdadeira polarización consiste niso, en escoller entre a decencia e a barbarie, e digámolo claro, non é nada difícil. De cando en cando podemos equivocarnos, mais as máis das veces os monstros vense vir dende lonxe porque van deixando ao seu paso o regueiro de sangue da motoserra. Porén, a xente digna fai pouco ruído, móvese con discreción e entrégase sen pedir aplausos. A este valoroso clan pertence o produtor Felipe Lage, bo e xeneroso. Fai o que cre e cre no que fai e con esa actitude como guía participou na maiorías das cousas importantes que aconteceron aquí no cinema nos últimos dezasete anos, dende que en 2009 naceu Zeitun Films para apadriñar un milagre chamado Todos vós sodes capitáns. O “novo cinema galego” medrou con el atrás como motor e compás, como práctico que fai que as embarcacións cheguen a bo porto. Do seu peito colgan fabulosas medallas: Arraianos, Costa da Morte, O quinto evanxeo de Gaspar Hauser, Mimosas, A estrela errante, Lúa Vermella, mais tamén Tshweesh, Sen ti ou A guerra de Miguel. Ou o que é o mesmo, Oliver Laxe, Eloy Enciso, Lois Patiño, Alberto Gracia, Feyrouz Serhal e Eliane Raheb, máis agora Adrián Canoura e Eloy Domínguez Serén e todas as e os cineastas que han de vir. O soño dun cinema de noso capaz de medirse en igualdade de condicións coa mellor creación de autor do planeta ten en Galiza un nome e apelido, Felipe Lage. Mais, para alén diso, Felipe foi e é o faro vixía que alumea os camiños de todos os demais, o amigo sempre disposto a regalar o seu tempo e o seu coñecemento para evitarlles a outros as liñas torcidas, o negociador paciente e rigoroso afeito a lidar coas bur(r)ocracias. Un activo militante do máis valioso patriotismo, un que non pode confinarse a unha pulseira: o mesmo patriotismo dos que, de Martín Sarmiento en adiante, pensaron e traballaron para espertarmos dun sono de séculos.

Martin Pawley. Artigo escrito para o catálogo de Cineuropa 2026. Felipe Lage recibirá un dos Premios Cineuropa o sábado 21 de novembro durante a gala de clausura, ás 20:30, no Teatro Principal.

sábado, 14 de novembro de 2026

Felipe Lage, a pedra basilar

Desde o seu nacemento en 2009, a produtora Zeitun Films ocupou un espazo central na cultura galega a través de filmes capitais para a internacionalización da creación de noso como Todos vós sodes capitáns de Oliver Laxe ou Costa da morte de Lois Patiño. O seu fundador e máximo responsábel Felipe Lage Coro (París, 1979) recibe o próximo sábado 21 no Teatro Principal de Santiago de Compostela o Premio Cineuropa, xusto recoñecemento para un incansábel promotor do cinema como excepcional embaixada cultural e artística ante o mundo.

Apertura da reportaxe no Sermos Galiza do sábado 14 de novembro

Oliver Laxe xa acadara unha pequena atención críticaen festivais coas curtas Grrr! nº 7: ... y las chimeneas decidieron escapar, Grrr! nº 8 Suena la trompeta, ahora veo otra cara e París #1 cando en 2009 asumiu a realización, con recursos ínfimos e en película, da longametraxe Todos vós sodes capitáns. Daquela el vivía en Tánxer, Marrocos, e o seu irmán Felipe traballaba nos Estados Unidos de América. "Xa antes de finalizar os meus estudos de enxeñaría informática na Universidade da Coruña empezara a traballar nese campo, un campo que nunca me gustou, mais tamén nunca pensei que abandonaría, polo menos naquela altura", explica Felipe en conversa con Sermos Galiza. "Eu levaba uns anos de non saber que facer coa miña vida e, completamente perdido, tomei a decisión de non facer nada. Chegara aos EUA na procura de alicientes, atopei algúns mais non os que buscaba -realmente non sei o que buscaba- e finalmente deixei o meu traballo, o cal me facía perder o visado. Tiña algúns aforros, mais o máis lóxico e intelixente era regresar ao niño familiar. Cando cheguei á casa, Oliver díxome que me ía ensinar unha versión de montaxe de Todos vós..., púxenme a vela no meu cuarto pola noite e foi un momento para min moi emocionante, de moito impacto. Por dúas razóns, por un lado o filme per se, o que retrataba, a maneira en que o facía, e por outra banda o orgullo que sentía de que iso o fixera o meu irmán". Oliver propúxolle que o axudara no proceso de finalizar a película –"fíxome un comentario con retranca que recordarei toda a vida, algo tipo xa que non fas nada, bótame unha man"– e díxolle que si, mais coa advertencia de que non tiña coñecemento ningún daqueles temas (...)

Martin Pawley. Reportaxe publicada no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario do sábado 14 de novembro de 2026. As persoas subscritoras poden lela completa nesta ligazón.

martes, 10 de novembro de 2026

Felicidade sen complexos

Jasmine Trinca e Louis Garrel en Sucederá esta noite (Nanni Moretti, 2026). Imaxe: BTeam Pictures

Na miña primeira tarde de Cineuropa vin con gusto Fatherland de Pawel Pawlikowski, premio á mellor dirección no Festival de Cannes ex-aequo con La bola negra. O premio compartido foi unha decisión rara do xurado por tratarse de dúas películas antitéticas: fronte á banalización histórica e o ton grandilocuente e enfático de Los Javis, Fatherland é un exercicio extremo de contención narrativa até o punto de resolverse en 75 minutos, unha bendición nun tempo en que a as longametraxes adoitan estirarse sen necesidade. Como en Ida e Cold War, das que herda unha coidada estética de composicións hiperprecisas en formato 4:3 e fotografía en branco e negro, Pawlikowski achégase a unha Europa tronzada pola guerra, aquí sublimada polo peso da figura central que retrata, Thomas Mann, no que conviven a ferida familiar, representada polo suicidio do seu fillo Klaus, e a ferida histórica do seu país, Alemaña, dividido en dous despois de provocar o maior horror do século. O guión, a posta en escena, o elenco comandado pola infalíbel Sandra Hüller: todo en Fatherland é sutilmente virtuoso, unha obra perfecta ideal para amantes das obras perfectas, mais a rixidez da fórmula conduce tamén a certa frialdade.

Saín moito máis satisfeito coa sinuosa imperfección de Sucederá esta noite, a máis almodovariana das películas de Nanni Moretti (...)

Martin Pawley. Artigo publicado no Nós Diario o 10 de novembro de 2026, terza feira. As persoas subscritoras poden ler o artigo completo nesta ligazón.

sábado, 7 de novembro de 2026

Cineuropa, os filmes de moitas vidas

O festival internacional Cineuropa chega á súa edición número 40 como a cita máis importante do cinema en Galiza, unha traxectoria longa na que a organización soubo evolucionar para transformar a pequena mostra dos inicios no completo certame que é hoxe e que inclúe dende hai uns anos a estimulante sección competitiva “Cineastas do presente”. Nestas catro décadas producíronse, ademais, inmensas mutacións na creación, distribución e exhibición das películas, un fenómeno ao que o equipo organizador prestou sempre necesaria (e obrigada) atención.

José Luis Losa na rolda de prensa de presentación do festival. Imaxe: Javi Sobrado / Cineuropa.

A orixe de Cineuropa remóntase a outubro de 1987 cando, no marco dunha iniciativa máis ambiciosa como eran os “Encontros Europeos do Camiño de Santiago” que abranguían diferentes artes, xurdiu a posibilidade de celebrar unha semana de cinema na capital do país. O Teatro Principal, daquela en obras de remodelación, non se reinauguraría até uns meses despois, así que as proxeccións tiveron lugar no desaparecido Multicines Valle Inclán. Sinalou a apertura unha sesión con música en directo dun filme mudo agora centenario, Carmiña, flor de Galicia do italiano Rino Lupo, e a semana completouse con títulos como En busca do lume de Jean-Jacques Annaud, Galilei Galilei de Liliana Cavani ou Dantón do polaco Andrzej Wajda. A boa acollida do público aconsellaba repetir a experiencia e así, en 1988, a programación estendíase a 45 títulos de, entre outros autores, Lars von Trier, Claude Chabrol, Ettore Scola e Peter Greenaway. 

Probabelmente ninguén coma este cineasta inglés exemplifica tan ben as variacións nas modas cinéfilas. A súa obra, iniciada nos anos sesenta, experimentou un salto fulgurante coa estrea en 1982 d’O contrato do debuxante, que fixo del un nome reverenciado nos ambientes artísticos, e o seu recoñecemento non fixo máis que medrar ao sucederse de maneira consecutiva O ventre dun arquitecto (1987), Conspiración de mulleres (1988) e O cociñeiro, o ladrón, a muller e o seu amante (1989). O seu tan desmesurado coma fascinante manierismo atopaba feliz comuñón co labor fotográfico dunha lenda do cinema europeo, Sacha Vierny (colaborador de Alain Resnais, Marguerite Duras, Luis Buñuel ou Raúl Ruiz), e co músico (non sempre) minimalista Michael Nyman (coa excepción d’O ventre, en que a música a puxo Wim Mertens). Proseguiu o seu reinado con Prospero’s books, adaptación d’A Tempestade de Shakespeare onde Sir John Guielgud puña todas as voces e a tecnoloxía de manipulación dixital permitía sobrecargar aínda máis as imaxes; e aínda despois con O neno de Macon (1993) e The Pillow Book (1996), con Ralph Fiennes e Ewan MacGregor, respectivamente, prestando os seus corpos aos arrebatos visuais de Greenaway. “Non houbo unha autoría máis cool nas raíces de Cineuropa”, escribe José Luis Losa, mais aquela vangarda cunha lexión de admiradores acabou por esvaecer e non recobrou brío nin sequera coa efémera resurrección con Eisenstein en Guanajuato (2015), logo da cal se anunciaron algúns proxectos que, polo momento, non chegaron ás pantallas. Greenaway é o epítome da nostalxia cultureta, a perfecta encarnación dun pasado no que eramos novos e modernos, e por iso o seu nome se repite até catro veces na retrospectiva que celebra a memoria destes corenta anos nun ciclo que omite escollas máis obvias para outorgarlle prioridade a obras que son fillas inequívocas das décadas finais do século XX e as primeiras deste (...)

Martin Pawley. Reportaxe publicada no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario do sábado 7 de novembro de 2026. As persoas subscritoras poden lela completa nesta ligazón.

domingo, 1 de novembro de 2026

¿Paz en la Tierra?

La confirmación del gobierno Trump de que tienen armas en órbita extiende al espacio el matonismo como eje estratégico de su política imperialista.

* * *

Fotograma de Werckmeister Harmóniák (Béla Tarr, Agnes Hranitzky, 2000)

En enero de 1967, en plena Guerra Fría, la Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas y los Estados Unidos de América se pusieron de acuerdo para firmar el «Tratado sobre los principios que deben regir las actividades de los estados en la exploración y utilización del espacio exterior, incluida la Luna y otros cuerpos celestes». Negociado y redactado bajo el auspicio de las Naciones Unidas y ratificado hasta el momento por cerca de 120 países, el «Tratado sobre el Espacio Exterior» marcaba un uso pacífico del espacio «en beneficio y en interés de todos los países» y el rechazo a su «apropiación nacional por reivindicación de soberanía» así como a la colocación de «armas nucleares u otras armas de destrucción masiva en órbita o en cuerpos celestes».

Por más que podamos tener serias dudas sobre el estricto cumplimiento de sus artículos por parte de las potencias con mayores capacidades astronáuticas, y no digamos ya sobre la sinceridad de sus intenciones, lo cierto es que durante décadas unos y otros mantuvieron, con mayor o menor hipocresía, las formas. Desde hace unos años y en medio del creciente desprecio por el orden mundial y la indisimulada voluntad de saquear cualquier recurso que les parezca apetecible, algunos dirigentes sádicos han decidido ignorar aquellos buenos propósitos. Diría que cualquier buen propósito, en general, empezando por los más elementales derechos humanos pisoteados día tras día allá pero también aquí. A mediados de septiembre el subsecretario de la Fuerza Aérea de los EUA, Troy Meink, declaró públicamente que para seguir garantizando su pre- paración para afrontar «los desafíos de las amenazas en evolución, dondequiera que estas surjan», su país disponía ahora «de armas de control espacial en órbita» con intención defensiva y ofensiva (...) 

Martin Pawley. O artigo completo pode lerse na sección "La noche es necesaria" da Revista Astronomía, número 329, novembro de 2026. As persoas subscritoras poden acceder á revista no seu sitio web.