sábado, 11 de xuño de 2011

Dende Galicia para o Mundo

Deixando a un lado ese filme-acontecemento que foi Avatar, os títulos que máis diñeiro recadaron en España os dous últimos anos son Up e Toy story 3, cuns 25 millóns de euros ou, se o prefiren, arredor de catro millóns de espectadores. As salas de cinema do noso país venderon algo menos de 150 mil entradas de cada unha, un dato que se axusta ben á porcentaxe de espectadores que Galicia aporta ao total, o 3,7%, dous puntos inferior ao que representa a súa poboación respecto da do estado.

O maior éxito do cinema español do pasado ano, Tres metros sobre el cielo, captou o interese duns sesenta mil galegos, o dobre que a arxentina El secreto de sus ojos ou You will meet a tall dark stranger de Woody Allen. Esa é a escala na que se move aquí o cinema: un filme que funcione ben anda polas trinta, corenta mil entradas; os grandes éxitos multiplican por tres esas cifras. En 2010 o prezo medio dos billetes en Galicia foi 6,65 €, e da caixa final unha produtora leva aproximadamente unha terceira parte, así que poden botar contas: unha hipotética película galega cunha difusión semellante ás de Pixar suporía uns ingresos para os seus responsábeis duns 300 mil euros, varias veces por debaixo do orzamento medio en España.

Non hai, pois, espazo para un cinema de autoconsumo, a non ser de xeito puntual con obras moi baratas que obteñan resultados fabulosos. Non somos xente abondo, é así de simple, e por iso o obxectivo debe ser facer produtos que se poidan ver fóra; produtos de calidade que compitan cos que se fabrican no resto do mundo, por riba de soños localistas. Esa é a verdadeira internacionalización, máis alá do papel mollado dos discursos políticos.

Martin Pawley. Artigo publicado o venres 10 de xuño en Xornal de Galicia

Ningún comentario:

Publicar un comentario