Amosando publicacións coa etiqueta Escritores. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Escritores. Amosar todas as publicacións

venres, 23 de maio de 2014

Esta sede de beleza (IV)

Apuntamentos sobre a vida e a obra de Xosé María Díaz Castro. Cuarta entrega.

“Estes non son poemas, nin cimentos / de poemas siquera”, advirte no Pórtico. “Son fragmentos de min mesmo”, di: únese experiencia e escritura e, como nas Follas de herba de Walt Whitman, quen toca este libro, toca un home. Mais son fragmentos “perdidos, coma ventos fuxidos, por antigos camiños esquencidos”, textos que naceron “como quen xoga” afastados de modas e costumes efémeros e maduraron co andar do tempo para acadar unha transcendencia que se diría allea á humildade do autor. O libro dunha vida enteira.

O título define ben as intencións. O “nimbo” é a aureola dos santos, a coroa de luz que rodea as súas cabezas nas representacións relixiosas. O poema, para Díaz Castro, debe ser xusto iso, “un nimbo de luz que envolva as cousas nun resplandor poético para facelas brillar na escuridade”. Escribir poesía é aprender a mirar e escoitar, a recoñecer a beleza e facela asomar, poñela diante dos nosos ollos, viva e clara; dotala de gloria. Suliñar a grandeza do mundo e alumalo “con fachas de palabras”. Lus, sombras, lume, cinza... a oposición luz-escuridade preséntase nas primeiras páxinas coa forza dunhas brasas contra a noite. Relacionado, por suposto, coa súa fonda fe. Axiña aparecen referencias relixiosas, mesmo explícitas: Vigilate et orate -dixo / Xesús, na Noite do Olivar. Hai esperanza na vida eterna e a Morte é “unha mau moi donda” que mata unha lus e acende outra. O sentimento apaixonado e místico deriva nunha “sede infinita de pureza ausoluta”, unha “sede de xustiza que nos queima”, e, canda elas, “unha sede de beleza”. A beleza é a vida, tímida e pequena coma a herbiña que medra “entre a foia e a ruína”, entre as sepulturas, entre a morte. No tránsito da Noite á Lus, do poema O verme e a estrela ao chamado Esmeralda, perdura o símbolo da “herba pequerrechiña”: non se pode amar o mundo sen amar todo o que o conforma. Nada sobra nel e a grandeza do universo vén da suma das súas cousas máis pequenas. Nada sobra, nin sequera as tebras, en sentido real e figurado, e así “a noite é necesaria” para podermos descubrir nela as estrelas: sobre o medo e o mal érguese a luz.

Nimbos está atravesado pola natureza. O poeta lembra con saudade os camiños andados e as árbores con niños, canta o baile das xesteiras, aplaude o son dos muíños. Poucos anos antes de morrer un dos pais do cinema, David Wark Griffith, autor de Intolerancia e Lirios rotos, lamentábase de que os filmes na era do sonoro perderan “a beleza do vento que se move entre as árbores”. O cinema, que é imaxe e tempo, podería resumirse moi ben nesa frase: é a arte de capturar a beleza do vento. Así o entenderon algúns dos máis grandes creadores de todos os tempos, do Murnau de City Girl ao Terrence Malick de The tree of life, non digamos xa John Ford ou Jean-Marie Straub. No ámbito das letras, Díaz Castro segue ao pé o mandato de Griffith para facernos escoitar o murmurio do vento entre as follas das árbores e a música da auga ao correr. E cando a súa poesía se detén nun fío luminoso que entra polo oco do lousado ou no aire “que beixa todo e non se apousa en nada”, emparenta inconscientemente coa espiritualidade e lirismo dos filmes de Stan Brakhage e Nathaniel Dorsky.

Semellante altura creativa non pasa inadvertida e axiña recolle os parabéns dos cerebros atentos. Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro, Vicente Risco, Ánxel Fole, Álvarez Blázquez, Ramón Lugrís... saúdan Nimbos coma un clásico instantáneo, mais o libro dista moito de converterse en popular. As tendencias literarias van por outro camiño, como explica Ricardo Carballo Calero na introdución á edición bilingüe de 1982:

“Iniciado el período de descomposición del Régimen, asistimos al fenómeno de la politización de la poesía“. Es la llamada “poesía social”, denominación algo eufemística que envuelve todo el conjunto de textos contestatarios en verso más o menos libre, escritos para colaborar en la lucha por el derrocamiento de la situación reinante.
Este género literario está enteramente dominado por ese propósito, y por ello no pretende en el fondo -salvo excepciones- alcanzar cotas de elevación artística notable, limitándose a procurar, con los procedimientos de composición más elementales, mover el ánimo del lector para la lucha contra el orden establecido.
Pero si el rango estético de esta poesía no es generalmente apreciable, su éxito y difusión entre los jóvenes escritores fue grande. La poesía pasó a ser una herramienta de transformación política y, apoyada por los partidos que trabajaban contra el régimen, hizo impopular e invariable cualquier otra forma de lírica. Enmudecieron o se malograron, de este modo, las voces que no se unieron al coro de protesta general.”


A voz nova de Díaz Castro non pretendía erixirse en ferramenta de combate e iso “la aleja mucho de la canción panfletaria que sonaba entonces reiterativamente, en un ambiente refractario a toda introspección individual” [1]. Mais en modo algún podería considerarse unha mostra culturalista de escapismo, literatura allea á amarga realidade da Galicia. Bastaría para negar esa acusación un só poema, Penélope, retrato intemporal dun país en eterno vai e vén. O gran poema social da literatura galega, mais sen “vociferación, ni truculencia, ni vulgar retórica”.

Notas:
[1] Ricardo Carballo Calero, introdución á edición bilingüe de Nimbos.

xoves, 22 de maio de 2014

Esta sede de beleza (III)

Apuntamentos sobre a vida e a obra de Xosé María Díaz Castro. Terceira entrega.

En 1948 gaña un posto no Ministerio de Gobernación que motiva o seu traslado a Madrid. No seu primeiro destino fica ao servizo dun Coronel de Enxeñeiros que lle encarga traducións relacionadas con asuntos de seguridade nacional, un traballo que esixe a extrema discreción propia dun tempo convulso. En paralelo comeza a impartir clases de idiomas en diversas academias, unha segunda actividade que manterá por espacio de tres anos. En 1952 pasa ao Instituto de Cultura Hispánica, ao que seguirá vinculado até 1966 en que se incorpora coma Axudante de Primeira Clase no Centro del Frío -máis adiante, Instituto del Frío-, organismo do Centro Superior de Investigaciones Científicas que impulsara o Patronato Juan de la Cierva, orientado ao fomento do progreso tecnolóxico. No Instituto do Frío permanecerá até a súa xubilación, daquela xa con rango de Xefe do Departamento de Investigación. O seu traballo é en todos os casos a tradución técnica: manexa o inglés, alemán, francés, italiano, portugués, holandés, danés, sueco... O seu dominio das dúas primeiras linguas faino oficial en 1968, cando obtivo os diplomas correspondentes do Instituto de Idiomas da Facultade de Filosofía e Letras de Madrid. É tamén nesa altura cando se fixo membro da Asociación Profesional Española de Traductores e Intérpretes, un traballo que levaba desempeñando intensamente dúas décadas. E non só en labores oficiais, vinculadas á súa condición de funcionario do estado. Fóra da súa xornada laboral, en horas roubadas ao descanso e o lecer, desempeñou unha intensísima actividade coma tradutor literario. Para a Editorial Aguilar, xa nos cincuenta, participou xunto a outros tradutores en tres entregas da Biblioteca Premios Nobel con "Obras escogidas" do sueco Verner von Heidenstam (Premio Nobel de Literatura en 1916) e os daneses Henrik Pontoppidan (Premio Nobel en 1917) e Johannes Vilhelm Jensen (Premio Nobel en 1944), volumes os tres que superaban xenerosamente as mil páxinas. Despois chegarían as numerosas traducións do inglés ao español para o Selecciones del Reader's Digest, de Ian Fleming (o creador de James Bond) e James Hilton (o de Horizontes perdidos e Adeus, Mr Chips) á gran dama da intriga romántica Victoria Holt ou a popular autora de suspense Mary Higgings Clark. Alén diso, traducións dispersas de autores benqueridos coma Rainer Maria Rilke ou Chesterton, publicadas na revista Alba; e traballos non literarios de carácter técnico, entre os que destaca a documentación asociada ao XII Congreso Internacional do Frío celebrado en Madrid en 1967, que contou coa participación de dous mil asistentes de corenta países; e o glosario multilingüe do posterior Diccionario Internacional del Frío.

Traduce e escribe: Díaz Castro é un traballador da lingua. “Todo está baseado na importancia dun elemento capital que se chama lingua. As traducións non se poden facer sen coñecer a lingua do autor e a propia. A poesía non se pode facer sen dominar ben a propia lingua. E a lingua, máis dunha vez o teño dito, non só é vehículo de cultura, senón creadora de cultura”, díxolle a Xulio Xiz [1]. Aínda así, non cría posíbel -e así llo dixo a Alfonso Blanco- unha tradución perfecta, literal, para a poesía. Polo camiño pérdese algo, sempre, e hai que asumilo, mais sen falsear os textos: “A tradución é un xeito de recreación. É ciencia, pero tamén é unha arte. E dentro do xénero literario, a tradución da poesía é dificilísima, case imposible. A poesía ten algo de misterio e de símbolo e linguaxe propia” [2].

Madrid non é só cidade de traballo: é o seu fogar. O 10 de agosto de 1954 Xosé María casou con María Teresa Zubizarreta Bengoetxea, a “madriña de guerra” coa que se carteaba no trienio negro. Xa non eran novos: el tiña corenta anos, ela cumprira trinta e dous. A voda celebrouse no lugar da familia da noiva, Urretxu [3], onde tamén serían levados a nacer os tres fillos da parella, José María, Maite e Íñigo. Mais a residencia foi Madrid. Sacaba tempo das súas innumerábeis tarefas para pasear cos pequenos pola Casa de Campo e as beiras do río Manzanares, na procura de algo parecido á natureza que tanto marcara a súa infancia. Esas camiñadas eran tempo para a aprendizaxe e para o conto e, desa maneira, poñelos en contacto co seu país:

“Contáballes moitos contos e lendas, sobre todo de Galiza, e cantáballes nenias. Os contos e lendas ían sempre adobados cos nomes orixinais en galego da flora e da fauna que dominaba á perfección... era tal a unción que lle imprimía a aquela comunicación, que os nenos mesmo percibían o arrecendo e a cor das plantas: as pudias, as moreiras, a flor amarela da “manteca da lebre” que tiña nas súas raíces as “poutas do lobo”, cargadas de mel que comían o poeta e os seus veciños. Aprendeulles o proceso de elaboración do liño e ensináballes os nomes das estrelas. Todo aquilo apaixonaba a aqueles nenos que estaban a medrar na grande metrópole rodeados de asfalto e cemento. [4]


Galicia non só estaba viva na memoria do pai, senón que tiña unha curiosa presenza física na propia casa familiar: moitos dos mobles foron feitos con madeira dos soutos dos Vilares, labrada por carpinteiros traídos expresamente dende a Terra Cha.

Entre unhas cousas e outras non quedaba moito tempo para a vida social, cara a cal o noso poeta non estaba particularmente predisposto. Aínda así, mantívose en contacto co núcleo duro da cultura galega na capital do estado: Uxío Novoneyra, Camilo Gonsar, Ben-Cho-Sey... E, dende a distancia, coidou a relación con Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego e Ricardo Carballo Calero, cos que gardaría sempre correspondencia. Tres intelectuais esenciais na cultura do país no século XX que aguilloaron ao dos Vilares para se erixir na figura das letras que é. Todo comeza coa admiración que despertan neles os poemas que esporadicamente van aparecendo na revista Alba. A curiosidade pola voz distinta que representa lévao a ser incluído na antoloxía de poesía galega contemporánea que preparou en 1955 Fernández del Riego para Galaxia. O entusiasmo deste non ten parada e axiña lle propón a Díaz Castro a publicación dun libro propio para a colección de poesía que abrira Uxío Novoneyra con Os Eidos. Nesa altura non é posíbel: o poeta, coa mestura de humildade e autoesixencia de sempre, considera que aínda non ten material abondo e coa calidade que desexa e que polas súas obrigas laborais e familiares non podería dedicarlle ao proxecto as horas e as forzas necesarias. Nin del Riego nin Piñeiro se darán por satisfeitos e durante anos seguirán empuxándoo na preparación dese libro soñado, que empeza a facerse real ao recibiren, xa en setembro de 1960, unha primeira versión mecanoscrita de Nimbos. Durante meses sucédense cambios e correccións e finalmente, en maio de 1961, a obra dáse por rematada.

Notas:
[1] Xulio Xiz, Homenaxe a X. M. Díaz Castro.
[2] Conversa en Faro de Vigo, recollida en As Nosas Raíces, 10.
[3] Daquela, Villareal de Urrechu. A denominación oficial, axustada á ortografía do euskera, foi adoptada en 1979. En Urretxu naceu o coñecido poeta e músico José María Iparraguirre, autor de Gernikako arbola (A árbore de Gernika).
[4] Alfonso Blanco, As nosas raíces, 10.

mércores, 21 de maio de 2014

Esta sede de beleza (II)

Apuntamentos sobre a vida e a obra de Xosé María Díaz Castro. Segunda entrega.

O 36 supón unha parada dramática. Ingresa no exército para cumprir o servizo militar e destínano á fronte de Asturias en plena Guerra Civil, obviamente co bando franquista. O seu paso pola primeira liña de guerra, aínda que en posto sanitario, é moi breve: apenas oito días. Suficiente, en calquera caso, para ser consciente do horror. É enviado lonxe do campo de batalla, ao Hospital de Pontevedra, onde pasará o resto do servizo; licénciase en xullo de 1939, xa coa Guerra acabada. Tres anos lonxe do Seminario nos que se convence de que o oficio relixioso non era o seu camiño, aínda que igualmente decide regresar a Mondoñedo no curso 1939-1940 para rematar os estudos pendentes de Teoloxía. Durante eses anos no exército traba contacto epistolar cunha rapaza vasca, María Teresa Zubizarreta Bengoetxea, unha das moitas “madriñas de guerra”, mulleres que se carteaban con soldados para lles daren ánimos e ofreceren alento co que soportar a barbarie. Puido ser unha simple pinga de esperanza en tempos difíciles, mais acabou por converterse na muller da súa vida, coa que casaría en 1954.

Entre tanto reaparece a figura de Iglesia Alvariño, que para entón dirixía o Colexio León XIII de Vilagarcía de Arousa. Aquilino chama ao seu amigo para ofrecerlle traballo coma profesor, unha proposta que resulta inescusábel. Imparte aulas de inglés, francés, alemán e latín, entre outras; serán sete anos de experiencia docente (1940-1947) que Díaz Castro considerou moi satisfactoria, “inesquecíbel”, cousa natural en alguén que ademais adoraba estar con nenos. Leva na vila unha vida austera, entregada ao estudio e a lectura para perfeccionar o seu nivel de inglés e alemán. Unha vez asumido que o seu porvir non está na Igrexa debe outorgarlle unha validez civil á súa formación eclesiástica; supera o exame que lle outorga o título de bacharel en setembro de 1945 en Pontevedra e valora a posibilidade de iniciar estudios universitarios, mais non chega a facelo. Segue a escribir poesía e consegue publicar tanto poemas coma colaboracións aquí e acolá: na revista Pregón e o xornal El Pensamiento Navarro de Pamplona, a través do seu amigo dos tempos de Mondoñedo Xosé Díaz Jácome, que tiña responsabilidade nos dous medios coma director e redactor xefe, respectivamente; en La Noche, Sonata Gallega, Alba. Ben diferente é o que escribe durante máis dun ano en La Hoja del Lunes de La Coruña, textos en prosa para unha sección lixeira co revelador título “Anecdotario Humorístico”. Xa se sente creativamente maduro e demóstrao presentándose aos Xogos Florais de Betanzos de 1946. A convocatoria é dobre; admite composicións en castelán e galego, con premios desiguais: mil pesetas e flor natural no primeiro caso, a metade do diñeiro para a lingua de noso. Concorre nas dúas categorías. O poema en castelán, El cántico de la ciudad, escríbeo dun tirón en verán, durante as vacacións, “á beira dun río, cun sombreiro de palla, un lapis e un papel” [1]. Traballa máis devagar o texto galego, Nascida d'un soño (Tríptico á groria da betanceira), con coidada (e clásica) forma de soneto. Seguía de vacacións de verán no Vilariño cando chega o telegrama que lle comunica a súa condición de vencedor dos Xogos nos dous idiomas.

Aquelo supuxo para min non só unha grande honra, senón ademais un estímulo para seguir escribindo sobre temas galegos e en lingua galega. Para min foi unha grande ledicia poder cantar á gloria da muller dun pobo que me é entrañábel, un pobo galego como é Betanzos, cunha tradición tan antiga e tan querida por min [2].


La Hoja del Lunes da Coruña publica case de inmediato El cántico de la ciudad (19 de agosto de 1946), que dous anos despois sería reproducido de novo no Anuario Brigantino. Menos présa se deu esta publicación cos sonetos de Nascida d'un soño, que sairían no número de 1951. Díaz Castro non agardaría tanto: enfrontouse á demora editando el mesmo os dous poemas por separado na Imprenta Celta de Vilagarcía. Era 1947 e Nascida... convertíase, aínda que con difusión limitada, nunha das primeiras publicacións en lingua galega despois da Guerra Civil.

Ese curso do 46-47 será o último que pase en Vilagarcía. Aconsellado por bos amigos decide sacar partido dos seus coñecementos lingüísticos coa intención de incorporarse á Administración do Estado coma tradutor: aquí estoupa a súa lendaria capacidade políglota.

Notas:
[1] Declaracións a Xulio Xiz, Homenaxe a X. M. Díaz Castro.
[2] Nimbos de poesía, Xulio Xiz.

martes, 20 de maio de 2014

Esta sede de beleza (I)

Apuntamentos sobre a vida e a obra de Xosé María Díaz Castro. Primeira entrega.

Xosé María Díaz Castro naceu o 19 de febreiro de 1914 na Terra Cha, no lugar do Vilariño, parroquia dos Vilares de Parga, pertencente ao concello daquela aínda chamado de Trasparga. Non foi até 1945 que cambiou a súa denominación á actual de Guitiriz, que é tamén o da vila máis poboada e sé da casa consistorial dende 1929 [1]. Canda o nacemento do poeta o concello estaba situado na Casa Nova, en San Salvador de Parga, e alí traballaba coma escribente o pai do neno, Isidro Díaz Calvo. Sobre a nai, Manuela Castro López, caía o peso do fogar e o coidado da familia nunha das casas do lugar na que convivía a parella cos catro fillos (ademais de Xosé María, os tres irmáns, Antonio, María e Serafín) e unha irmá de Isidro, María Manuela. Non era unha casa rica mais tampouco non pasaban necesidade e diso dá idea o feito, non moi usual naquel tempo, de que tiñan libros e estaban subscritos a tres xornais, dous galegos, o coruñés El Ideal Gallego e o lugués La Provincia, e un de Madrid, El Debate. Os Díaz Castro daban importancia á lectura e consideraban esencial unha boa educación para os fillos. A propia casa familiar serviu de escola durante tres anos: foi nela onde impartiu aulas o mestre Manuel Cordeiro dende que foi designado para os Vilares até que se construíu a escola parroquial da Conchada, financiada por emigrantes de Cuba agrupados na sociedade “Juventud de los Villares”.

Desa inquietude pola cultura e o coñecemento impregnouse o pequeno José María Manuel, pois tal era o nome completo co que foi inscrito no Rexistro Civil. As horas que non botaba na escola axudaba nos labores da casa, sempre moitos e variados nunha vivenda labrega, tanto como lle permitía a súa fráxil saúde. Mais sobre todo dedicaba tempo e tempo a gozar da natureza, da vida fértil que agromaba incesante ao seu redor. Nesa música das augas, dos ventos e dos paxaros da que falaría máis adiante en entrevistas, nesa convivencia harmoniosa coa Terra, xorde a súa vocación literaria. E así o dixo explicitamente no documental Nimbos de poesía, dirixido por Xulio Xiz en 1987:

“Eiquí, nesta casa, fun nado hai moitos anos, como se me pode ver xa pola cara e polo pelo. Eiquí foi onde aprendín as primeiras letras. Eiquí foi onde naceu para min a poesía. Foi onde nacín eu á poesía”.


Empeza a escribir poesía dende neno para poñer en palabras a admiración e o abraio ante a beleza do mundo. Facíao en castelán, a lingua do ensino. Eran poemas malos, xermolos dos que virían despois; mais tamén eran “cousas que non podían ser gardadas”.

Era un estudante bo e curioso que soñaba con ser escritor. Aos quince anos, en 1929, ingresou coma alumno interno no Seminario de Mondoñedo, como desexaba o seu pai; antes deu aulas de latín, tan necesarias para a súa futura formación, na reitoral de Buriz. A súa era unha familia de fortes conviccións relixiosas e esa pegada espiritual, que el asumiu, levouno de maneira natural ao Seminario, un destino axeitado para un mozo da súa intelixencia e que atendendo ao seu limitado vigor físico non parecía encamiñado ao traballo agrario. En Mondoñedo completa seis cursos en cinco anos, tres de Latín e Humanidades e outros tres de Filosofía, sempre coas cualificacións máis altas. A seguir viñan os estudos de Teoloxía; deulle tempo a facer dous cursos antes de incorporarse a filas para cumprir coas súas obrigas co exército, Guerra Civil por medio. Mais aínda non é momento de que a historia (e a Historia) adquira tons tráxicos. Os anos do Seminario foron decisivos e felices na vida do poeta: “alí foi onde me perfeccionei eu, aprendín a escribir, aprendín a escribir en verso” [2]. Ao pouco de chegar faise amigo dun veterano alumno do centro, Aquilino Iglesia Alvariño, a punto de revelarse coma poeta co libro Señardá. Será por influencia del que acabará escollendo o galego coma lingua literaria, mais aínda estará en castelán o primeiro texto publicado coa sinatura de Díaz Castro: ¡Toma mi corazón!, versos inspirados na súa devoción por santa Tareixa de Lisieux que ocuparon as páxinas dunha revista de Lleida, Lluvia de rosas, en maio de 1931. Uns meses despois, o 6 de agosto, El Progreso Villalbés incluirá un texto seu en galego, Lembranzas e suspiros, co Nadal coma temática. O mesmo xornal irá acollendo ao longo do seguinte ano e medio outras creacións súas: Baix'o calor, Lá vou, amor, As formigas, Era un contiño de fadas...

Mondoñedo era para o poeta un pequeno paraíso cultural. Participa nas tertulias literarias na barbería do inquieto Manuel Ledo Bermúdez, “O Pallarego”, convertido en centro de axitación do pensamento e a arte local. Un lugar de reunión e conversa de novos e vellos, de Aquilino, Álvaro Cunqueiro e Fernández del Riego aos daquela xa coñecidos Xosé Trapero Pardo (tamén ex-seminarista) ou o veterano Eduardo Lence-Santar, cronista da cidade. No Seminario saca o máximo proveito das clases de latín do profesor Francisco Fanego, de quen gardaría sempre un magnífico recordo; aprende grego e hebreo, mais tamén dedica moito tempo á aprendizaxe de linguas estranxeiras. Estuda francés, que pon en práctica coa lectura sistemática de publicacións do país veciño: o xornal católico La Croix [3], ao que está subscrito, mais tamén Le Figaro e outras especializadas en literatura coma La Muse Française. Mesmo ensaia a tradución de autores que admira (o romántico Alphonse de Lamartine) e atrévese a facer un poema en francés, Crucifixion, en 1936. A facilidade e paixón polos idiomas lévao ao inglés e o alemán; tamén neste caso a lectura de xornais o pon en contacto coa lingua viva.

No entanto non deixa de escribir poesía. En 1934 acorda compilar nun caderno un conxunto de textos en galego, Follas verdes, e ao ano seguinte outro, Follas ó aire, ningún dos cales verá a luz en vida do poeta. Díaz Castro dixo logo que os perdera: prestárallos a amigos e compañeiros e supostamente non volveran ás súas mans. Non era certo, era unha maneira de deixalos agochados na memoria, onde consideraba que debían ficar coa humildade que lle era característica. O primeiro “tiña un ar humorístico, irónico, de retranca aldeá”, díxolle nunha entrevista a Alfonso Blanco Torrado [4], espírito que encaixa co seu subtítulo, Cantares e romances. Con máis calidade “recordaba” Follas ó aire, “máis orixinal, máis incisivo, máis serio”. Estes dous cadernos de xuventude agrupan máis de cento e vinte poemas, catro veces máis cós que comporán logo o mítico Nimbos. Velaí unha mostra do paciente perfeccionismo do escritor, que quixo ser recoñecido por un único libro coidado até o extremo.

Notas:
[1] O concello superaba a comezos do século XX os dez mil habitantes, case o dobre dos que ten agora: a emigración, como en tantos outros lugares do país, fixo estragos a partir dos 50.
[2] Declaracións a Xulio Xiz recollidas no volume colectivo Homenaxe a X. M. Díaz Castro, p162.
[3] Xornal católico fundado en 1880, primeiro con periodicidade mensual e, xa dende 1883, diaria. Mantén aínda na actualidade unha notábel difusión, por riba dos cen mil exemplares.
[4] Alfonso Blanco Torrado é o grande responsábel da recuperación popular de Xosé María Díaz Castro. Dende a Asociación Xermolos desenvolveu un traballo incansábel de reivindicación e homenaxe ao creador de Nimbos, de quen escribiu unha valiosa achega biobibliográfica, A ascención dun poeta.

sábado, 7 de xullo de 2012

O cinema de Agustín



Montaxe con algúns dos filmes favoritos de Agustín Fernández Paz, proxectada durante a homenaxe nacional que se lle tributou o sábado 30 de xuño de 2012 en Vigo. Edición a cargo de Eloy Domínguez Serén.