mércores, 21 de maio de 2014

Proxecto NIMBOS: unidade didáctica (II)

Na segunda parte desta singular unidade didáctica arredor de Proxecto NIMBOS intentaremos estruturar o uso desta iniciativa encaixándoa nas dinámicas pedagóxicas dun instituto. Para iso intentaremos definir obxectivos, contextos, estruturas, metodoloxías, competencias... Obviamente será unha guía orientadora e apriorística, apuntamentos que se poden combinar e variar a vontade. Unha folla de ruta que se pode extrapolar nos vindeiros anos arredor doutras figuras da nosa literatura ou doutros temas a considerar.

Ver ou facer?
O desenvolvemento e a democratización das tecnoloxías fan inútil relegar o “facer” en favor do “ver”. No estado español existen varias iniciativas arredor do mundo da educación audiovisual onde os rapaces son protagonistas do proceso heurístico. Isto véndese como unha novidade porque até o de agora non se transitou moito por este camiño. O alumno pode participar directamente das distintas fases de elaboración dun proxecto mais as posibilidades que se abren no actual contexto fai que sexa recomendable non esquecerse de “ver”. De pouco vale o “facer” se antes non se pensou a imaxe. E para que isto ocorra hai que coñecer as bases e os procedementos da linguaxe que se intenta pór en práctica. Tanto nunha coma noutra vertente son precisos vasos comunicantes que recunquen nun maior coñecemento da disciplina.

Contextualización?
Primeiramente haberá que facer unha análise do contexto no que se quere pór en práctica esta actividade pedagóxica arredor de Proxecto NIMBOS. Un estudio do centro pode ser primordial para non errar nos alicerces. A súa localización xeográfica marcaranos as posibilidades de acceder a maior ou menor número de recursos, da dispoñibilidade de ferramentas propias, do coñecemento das singularidades dun territorio... Noutro enfoque máis polo miúdo intentaremos situarnos nas máximas que definen a clase e as circunstancias comúns dos alumnos.

Aula?
Alertamos pois de que é oportuno coñecer onde se vai desenvolver esta práctica. Nós escolleremos un instituto dunha vila media-grande e actuaremos sobre os cursos de 3º e 4º da ESO e 1º de Bacharelato. Desestimamos cursos máis baixos porque é recomendable ter un mínimo de coñecementos e desestimamos aos de 2º de Bacharelato, un curso marcado pola presión preuniversitaria e das probas de Selectividade.

Periodificación?
A actividade podería situarse no mes de maio, arredor da semana das Letras Galegas. Normalmente esas datas xa están sinaladas nos cadernos de programación dos profesores para poder alteralas en torno á celebración do acontecemento. Habería que axustar a actividade ás horas dispoñibles baixo a tutela dunha soa área de coñecemento ou arredor de varias establecendo sinerxias: Lingua e literatura galega, Historia, Artes plásticas e visuais...

Tempos?
A proposta de Proxecto NIMBOS podería adaptarse ás tres horas semanais que ten Lingua e literatura galega mais o interesante sería que fose unha hora de cada área comentada para que tivera marcada a perspectiva de abordaxe: lingua galega, historia e artes plásticas. As clases distribuiranse no seguinte esquema a desenvolver nun total de 50´: preámbulo (10´), explicación (20´) e produción (20').

Preámbulo (workmap)?
Nesta fase de introdución estableceranse as pautas básicas de comportamento da imaxe a xeito individual, en relación con outras imaxes, en distintas manifestacións e a súa evolución ao longo do tempo. Dependendo da materia que acubille a proposta pódense alumear os preámbulos con análises, comparativas e estudios que poidan actuar como base para o traballo a desenvolver. Do mundo da linguaxe cinematográfica farase unha introdución do valor dos planos, do valor do montaxe, etc. Do mundo da literatura valorarase as características plásticas de figuras literarias, a poesía simbólica e descritiva, etc. E do mundo da Historia situarase no tempo as prácticas creativas tanto do mundo da poesía como do cinema. Serán comentarios puntuais e anecdóticos facendo fincapé na capacidade de sorpresa.

Explicacións (inputs)?
O eixo da aula gravitará arredor da comparativa entre un poema de Nimbos e dunha curtametraxe que o ilustre de Proxecto NIMBOS. A escolma de títulos será a vontade do profesor e pola súa curta duración pódese facer entre 2 e 3 exercicios. Nel farase un exercicio de literatura comparada no que intentar atopar conceptos comúns ou diverxentes. O primeiro exemplo pode facelo o profesor e os seguintes pode delegar nos alumnos. Neste traballo axudará ler a terceira entrega desta unidade didáctica.

Produción (outputs)?
Neste apartado promocionarase o “facer”. Poderase actuar individualmente ou en pequenos grupos. Os alumnos deberán seleccionar un poema, debullalo, buscar asociacións visuais, facer un pequeno bosquexo de guión, un estudio de posibles localizacións, exploraranse pequenas nocións de sinxelos programas de edición e posibles variables de montaxe. Os distintos proxectos materializaranse coas cámaras dos teléfonos móbiles. Haberá un período de supervisión do proceso en titorías. Finalmente esa produción proxectarase nunha sesión especial no salón de actos, en bucle no proxector do vestíbulo ou farase unha canle de Youtube promovendo as ligazón polas redes sociais.

Competencias básicas?
O profesor que conduza a actividade terá que intentar afondar nas competencias pedagóxicas básicas aínda que se sabe de antemán que algunha destacará sobre outra. Así marcarase o acento na conciencia lingüística, na creación artística e cultural, na iniciativa propia, na cidadanía, na pertenza social, na competencia dixital e na aprendizaxe do estudo.

Avaliación?
A valoración da experiencia cifrarase dentro do ámbito particular e do xeral. Na primeira considerarase a participación na clase, a participación en grupo e o resultado do traballo a realizar. Dentro do xeral valorarase como continuidade da asinatura, a evolución no trimestre e en todo o curso.

Xurxo González

Nota: a terceira parte será a análise dos filmes que conforman o Proxecto NIMBOS e publicarase unha vez que a serie de curtas estea máis completa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario