Amosando publicacións coa etiqueta Seminci. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Seminci. Amosar todas as publicacións

mércores, 17 de decembro de 2025

Fin de ciclo

José Luis Cienfuegos. Imaxe: Seminci.

O pasado 2 de decembro morreu aos 60 anos a causa dun aneurisma José Luis Cienfuegos, director da Seminci de Valladolid e antes dos festivais de Xixón e Sevilla. A súa repentina desaparición deixou conmocionado o sector, tanto o mundo da creación como o da exhibición e a distribución, que recoñecían a súa importancia fundamental na difusión dun cinema de autor que non hai tanto estaba completamente fóra do circuíto. Todo comezou en 1995 cando asumiu a dirección do Festival Internacional de Cinema de Xixón, que nacera trinta anos atrás, non o esquezamos, como un certame especializado en filmes infantís. A aposta de José Luis foi mover o FICX cara á modernidade e convertelo nunha meca para a produción fílmica transgresora e independente. O seu FICX reivindicou nomes do presente -de Pedro Costa e Claire Denis a Tsai Ming-Liang e Lucrecia Martel- e celebrou figuras nunca suficientemente reivindicadas, como Paul Schrader, Derek Jarman ou Peter Watkins. Sinalaba tendencias mais tamén examinaba a memoria do cinema por medio de ciclos e publicacións esplendorosas como as que, durante varios anos, revisaron as "novas vagas" dos anos 60 en Europa ou os EUA. Xixón era un faro, un lugar de culto cuxas pegadas se estendían grazas ás retrospectivas e programas que pasaban por diversas filmotecas, entre elas a de Galiza (...)

Martin Pawley. Artigo publicado no Nós Diario o 17 de decembro de 2025, cuarta feira. As persoas subscritoras poden ler o artigo completo en liña nesta ligazón.

xoves, 20 de novembro de 2025

Apuntamentos sobre a 70ª SEMINCI: Punto de Encuentro

O riso e a faca (Pedro Pinho, 2025)

O RISO E A FACA (Pedro Pinho) - Premio Punto de Encuentro

O grande filme-monumento de 2025, cuxa duración (211 minutos na versión vista en festivais e salas que se estenden até os 320 na montaxe preferida polo director) se corresponde coa súa inmensa ambición narrativa e intelectual: é a obra mestra que necesitabamos sobre as cuestións sen resolver do colonialismo e os múltiples desafíos ambientais, sociais e políticos do presente. Escribirei dela máis estensamente cando se estree en salas no estado español, mais é xusto poñer o foco xa no seu actor protagonista, Sérgio Coragem (que apelido tan acaído!). Sen a fineza coa que compón un personaxe cheo de matices, seducido por un mundo novo que ao mesmo tempo fai evidentes as moitas contradicións nas que se encontra como europeo en África, e sen a súa asombrosa entrega, poucas veces vista no cinema recente, O riso e a faca non sería o que é. Sérgio é, para min, a maior revelación do ano.

ANOCHE CONQUISTÉ TEBAS
(Gabriel Azorín) - Premio Especial Fundos

O mellor filme de 2025, o máis xeneroso, emocionante, acolledor e habitábel, mesmo diría que sanador. A partir dun lugar único, as termas de Bande, Anoche conquisté Tebas crea un espazo e un tempo propio capaz de unir épocas diferentes coa vontade de expresar como os sentimentos humanos son os mesmos ao longo de milenios: a necesidade de recibir e dar afecto, o medo a estar só. Unha extraordinaria película sobre a amizade que se converte, ademais, na gran película sobre a noite e a escuridade. Un fito destinado a pasar, de inmediato, á Historia. Podedes ler aquí o artigo que escribín para o Nós Diario.

NINO
(Pauline Loquès) - Mención especial Punto de Encuentro

Un mozo de 29 anos descobre abruptamente que ten un cancro de gorxa o cal, unido a un incidente doméstico en condicións normais menor -a perda das chaves da casa- fai que inicie unha espera (ambulante) de tres días até o comezo do tratamento, con encontros e reencontros marcados por un medo á enfermidade que garda case sempre para si. Un punto de partida que fai pensar inevitablemente en Cléo de 5 a 7 de Agnès Varda; de feito, o filme podería chamarse Nino de venres a luns. Pauline Loquès escribe e dirixe con solvencia e achega ideas boas, como o hospital en obras, e sobre todo tira máximo partido do notábel protagonista, Théodore Pellerin. Paga a pena.

LITTLE TROUBLE GIRLS
(Urška Djukić)

A primeira longametraxe da eslovena Urška Djukić é unha elegantísima exploración do espertar sexual dunha moza católica de 16 anos, Lucía (excelente Jara Sofija Ostan) durante unha estadía nun convento para ensaiar co coro do que forma parte. Rodeada por outras rapazas máis abertas e ousadas ca ela, a protagonista experimenta a curiosidade e a dúbida polas sensacións que vive, entre a éxtase pola incipiente pulsión erótica cara ao corpo feminino e masculino e a éxtase mística, que ás veces se mesturan (un bico a unha imaxe da Virxe, un encontro cun obreiro espido de aparencia crística), para acabar aceptando con certa naturalidade o desexo (marabilloso o plano final coas uvas). Un valioso "coming of age" filmado con notábel virtuosismo e rigor e unha espléndida fotografía que tira grande partido do formato 1,5:1. Gratísima sorpresa.

A VIDA LUMINOSA
(João Rosas)

Após tres curtas (Entrecampos, María do Mar e Cataventos), a primeira longametraxe do João Rosas explora, con intelixencia e ironía, os primeiros e inseguros pasos na vida adulta do seu "Antoine Doinel", o Nicolau ao que encarna Francisco Melo. Entre a fraxilidade laboral e as incertezas amorosas, o personaxe móvese por Lisboa con calma e certo espírito "Nouvelle Vague"; resulta tan simpático como a propia película, un cariñoso retrato xuvenil que serve de hospitalario refuxio contra esa crueldade que non para de ocupar as salas.

Martin Pawley

luns, 17 de novembro de 2025

Apuntamentos sobre a 70ª SEMINCI: Sección oficial

The Mastermind

THE MASTERMIND (Kelly Reichardt) - Espiga de Ouro, mellor fotografía

O novo filme de Kelly Reichardt ten tanto de filme de atracos como outros seus anteriores tiñan de westerns: si, esa é a súa aparencia, mais o que fai é herdar elementos do xénero para levalos a outro territorio, moito máis interesante, no que o relato ou a peripecia importan cada vez menos. O protagonista, un home con estudos artísticos, organiza o roubo de varios cadros dun museo en parte co desexo de mellorar o nivel de vida familiar pola vía rápida (e en parte polo pracer e a simple posibilidade de facelo), mais as cousas vanse torcendo aos poucos e verase obrigado a escapar. A súa fuxida debuxa tamén o baleirado do personaxe, a expresión da súa perda de rumbo e da súa soedade, ou máis ben do seu imposíbel regreso a unha comunidade, que se integra perfectamente nun momento histórico de cambio e perda de inocencia, os EUA da guerra de Vietnam que aparece en forma de noticias de fondo nas televisións e, sobre todo, nas protestas pacíficas nas rúas. A esta criatura capaz de cometer sen pensar accións certamente miserábeis a cineasta non a retrata con crueldade: é tamén un ser impotente e de porvir dubidoso, inconsciente antes que malvado, que se condena a cada paso que dá a un fracaso maior. A espléndida interpretación de Josh O'Connor outórgalle atractivo e fondura, fai del un antiheroe que necesita que alguén lle dea un abrazo ou un sopapo, ou, mellor aínda, as dúas cousas á vez. Kelly Reichardt filma e monta de maneira maxistral, sen artificios inanes; é unha mestra do zurcido invisíbel, sempre refractaria ao exhibicionismo. Para min é a súa película máis valiosa, mesmo por riba de Certain Women (2016) e Showing Up (2022). Vista na estrea en salas comerciais.

MAGALHAES (Lav Diaz) - Espiga de Ouro

É case obrigado salientar o que ten de raro este filme na filmografía de Lav Diaz: dura apenas 160 minutos, é en cor e está protagonizado por unha estrela internacional, Gael García Bernal. Fóra deses pequenos detalles, o resultado encaixa razoabelmente ben no que se pode esperar do cineasta filipino, só que en forma concentrada, cos planos longos e o gusto pola inmobilidade, por facer evidente para o espectador o tempo e a súa duración. Mais tamén é outra cousa, un filme baseado nun personaxe histórico, e iso implica algún grao de narración e de explicación dos feitos, e o equilibrio entre esas dúas almas non acaba de casar ben de todo; a sensación é que a Magalhães lle sobra unha hora ou lle faltan dúas, o cal non significa que non estea chea de grandes virtudes, momentos brillantes (as escenas no barco, por exemplo) e interpretacións que sorprenden por boas (por exemplo o camarada Roger Koza, mais tamén o propio Gael García Bernal, cuxo talento ninguén discute, mais que aquí soubo adaptarse a un estilo completamente diferente do cinema que até agora fixo). Para alén diso, Magalhães expón de forma crúa o desastre humanista que é todo proxecto colonial, a violencia e o absurdo inherente a esas expedicións demasiadas veces contadas como "aventuras épicas" sen tacha. 

MIROIRS nº 3 (Christian Petzold)

Xa está fóra de dúbida que o alemán Petzold é un dos grandes creadores do noso tempo, con Phoenix como unha das cimas do cinema do século XXI. A súa obra, en particular a máis recente (e de ambientación contemporánea), traballa en favor dunha coidadísima depuración que deriva nuns filmes que parecen cada vez máis sinxelos, mais que levan dentro unha inmensa carga de profundidade e funcionan como variacións sobre asuntos vistos en obras anteriores. A idea da suplantación ou da representación dunha outra persoa que era central en Phoenix (nese caso, non tan outra) repítese aquí por medio dunha muller que, tras saír ilesa dun accidente de tráfico no que morre o seu noivo, é acollida por unha familia que ve nela unha vía para sandar a ferida irresolúbel da desaparición dunha filla. Nese xogo de espellos entre a filla que xa non existe e a "nova filla" que aparece, ou entre a familia que non é e unha nova familia posíbel, constrúese un filme elegante e enigmático, que parece sempre a punto de estourar, como se atrás de cada espazo ou situación cotidiana houbera a posibilidade dun misterio por se revelar, e que mesmo houbera espazo para o fantástico, mais acaba por ficar sempre felizmente contido no camiño xusto, guiado por un elenco formidábel no que sobresae, coma sempre, a fabulosa Paula Beer, unha das grandes actrices europeas do presente. 

DUSE (Pietro Marcello)

O procedemento fílmico de O procedemento fílmico de Pietro Marcello comeza a dar sinais de esgotamento. Se en Martin Eden a mestura efervescente de materiais filmados e de arquivo máis a presenza central dun actor en estado de graza (Luca Marinelli) fixeron dela unha alfaia que medra en cada visionado, a operación case mimética que opera en Duse conduce a un resultado moito máis modesto. Relato un chisquiño preguiceiro dos últimos anos da actriz Eleonora Duse, encarnada, con aínda controlada tendencia ao exceso, por Valeria Bruni Tedeschi, a película desaproveita de maneira desconcertadora varios personaxes (dende a filla á que dá vida Noémie Merlant até os de Mussolini e mesmo Gabriele d'Annunzio) e emprega as imaxes de arquivo de xeito rutineiro, como se fose unha obriga asumida sen moita inspiración. Aínda que en conxunto non ergue demasiado o voo, o certo é que se ve con sumo pracer. Probabelmente Marcello non sexa capaz de facer unha mala película. Vista en Cineuropa. 

PILLION (Harry Lighton) - Premio ao mellor actor (Harry Melling)

Pillion ten na súa principal característica a súa principal limitación: consegue converter a relación de sumisión dun mozo necesitado de experiencias cun macho alfa moteiro nun xenuíno "crowdpleaser" para todos os públicos (excepto os moi homófobos). Todo é correcto, en todos os sentidos, empezando pola parella protagonista (Harry Melling, Alexander Skarsgard), mais iso acaba marcando un teito para un filme que pretende ser transgresor. Mentres o vía eu pensaba en Alain Guiraudie ou João Pedro Rodrigues: recoñezo que as comparacións son sempre moi inxustas.

RESURRECTION (Bi Gan)

Talvez hai vinte anos eu adoraría un filme coma este. É evidente o virtuosismo de Bi Gan; a súa inventiva visual parece un pozo sen fondo, mais a pregunta esta vez é "para que". Resurrection é puro exceso de forma mais atrás dela non hai personaxes nin historias con algunha entidade. Nin sequera funciona o bloque "vampírico", un deses "tour de force" nun aparente único e longo plano secuencia que son sinal da casa. Non discuto que as imaxes teñan unha laboriosa calidade e que algunhas sexan espectaculares, mais desta vez non pasan de ser un sofisticado trampantollo.

Martin Pawley

venres, 24 de outubro de 2025

Memoria y utopía. La pantalla como espejo.

Desde su inicio, y aún con la carcasa de festival de “cine religioso”, la Seminci supo no solo mostrar las transformaciones que experimentó el cine a mediados del siglo XX, la consolidación de grandes figuras (Bresson, de Sica, Fellini) que anticiparon la explosión inmediatamente posterior de las nuevas olas, sino también algunos de los debates fundamentales de su tiempo, desde el discurso antibelicista, en particular en una Europa con las llagas recientes de una guerra devastadora, a las tensiones sociales que empezaban a reflejar la urgente necesidad de abandonar el paradigma occidental de poder en favor de modelos más justos. Ese espíritu no hizo más que reforzarse cuando, a partir de la quinta edición, la semana de cine añadió a su nombre la coda “...y de valores humanos”. En aquel 1960 el programa incluía un melodrama plagado de estrellas que apuntaba las consecuencias desoladoras de la carrera armamentística, la fascinante ¿ciencia ficción? La hora final (On the Beach) de Stanley Kramer, cuyo aviso sobre el muy factible apocalipsis maridaba bien con la monumental ganadora de ese año, El séptimo sello (Det Sjunde Inseglet) de Bergman, pero también había espacio para la incomprensión y el desencanto adolescente -y la sensación de que se avecinaba un tiempo nuevo- presentes tanto en Los cuatrocientos golpes (Les quatre cents coups) de Truffaut como en Los chicos de Marco Ferreri. Revisar el archivo del festival es siempre una fuente inagotable de sorpresas.

Mandabi (Ousmane Sembene, 1968)

Nada más lógico, pues, que la Seminci ensalce en su 70ª edición esa tradición social y humanista y su permanente voluntad de explorar la diversidad creativa en todo el planeta, a menudo de forma pionera abriéndole hueco a voces hoy incontestables pero que en su momento eran absoluta (y extraordinaria) periferia. La docena de películas que forma la edición de 2025 de Memoria y Utopía ni pretende ni podría, en ningún caso, resumir siete apasionantes décadas de historia y cine, pero sí apunta cuestiones punzantes, redescubre nombres y títulos fuera del canon y celebra, sobre todo, la vigencia de su contenido y de su forma (...)

Martin Pawley. O texto completo pode lerse no catálogo da SEMINCI 2025. 

martes, 12 de novembro de 2024

Alberto Gracia, eloxio da melancolía

Hoxe o cineasta galego Alberto Gracia recibe no Teatro Principal de Santiago o Premio Cineuropa 2024, que se une ao premio Alquimias da Seminci que obtivo hai unhas semanas por "La Parra". Recuperamos con ese motivo o artigo publicado a comezos de ano no Sermos Galiza canda a estrea do filme no Festival de Rotterdam, que podedes ler completo en liña no sitio web de Nós Diario. 

Alberto Gracia, eloxio da melancolía

Do 25 de xaneiro ao 4 de febreiro decorre o Festival de Cinema de Rotterdam, unha das grandes referencias para a cinefilia de todo o planeta. Entre as 14 longametraxes que integran a súa competencia principal hai unha produción galega, La Parra, dirixida polo ferrolán Alberto Gracia, un creador inconformista e lúcido cuxa obra move sempre á reflexión sobre o que queda de humano na sociedade do espectáculo.

Alberto Gracia. Imaxe: Amador Lorenzo | Filmika Galaika

No calendario de festivais de cinema o de Rotterdam é a primeira gran cita europea do ano (ou a primeira gran cita internacional, sen máis, se descontamos a norteamericana de Sundance, cuxo impacto se concentra sobre todo na produción nacional). Naceu en 1972 baixo o liderado de Hubert Bals, quen sería o director até a súa prematura morte en 1988, aos 51 anos, co obxectivo de presentar filmes innovadores na súa linguaxe e temática e pór o foco nas producións das cinematografías asiáticas e os países en desenvolvemento, na altura aínda insuficientemente presentes mesmo nos circuítos alternativos. Para a sesión inaugural do 28 de xuño escolleu O carteiro do iraniano Darius Mehrjui e na sala se ocuparon unicamente 17 butacas. O certame de 1972 acabou vendendo algo máis de catro mil billetes, unha cifra que foi medrando velozmente e na actualidade é setenta veces maior: en 2023 o International Film Festival Rotterdam (IFFR) recibiu máis de 2.500 profesionais e a audiencia total das súas proxeccións sumou 283.506 persoas. O IFFR formou público e creou tendencia para se converter nun modelo en favor da pluralidade que deu e dá a coñecer constantemente novas voces.

A listaxe de gañadores da competición principal, os emblemáticos “tigres”, inclúe favoritos da crítica como o coreano Hong Sang-soo, premiado en 1997 por O día que un porco caeu ao pozo, mais tamén un director agora inmensamente popular como o británico Christopher Nolan, que venceu coa súa ópera prima Following. E canda eles o arxentino Pablo Trapero (Mundo grúa), a española Mercedes Álvarez (El cielo gira) ou a estadounidense Kelly Reichardt (Old Joy). A aposta pola diversidade esténdese a unha iniciativa impulsada polo IFFR, o fondo Hubert Bals, que desde hai trinta anos empuxa -tamén con diñeiro- o desenvolvemento de proxectos fílmicos.

O galego Alberto Gracia coñece ben o festival de Rotterdam: as tres longametraxes que dirixiu foron seleccionadas alí. Producida por Zeitun Films, O quinto evanxeo de Gaspar Hauser formou parte en 2013 da competencia Bright Future e saíu de alí co premio da crítica internacional, o FIPRESCI, para dar inicio a un selecto percorrido por, entre outros destinos, Valdivia, a Cinemateca Uruguaia ou a Viennale austríaca. A partir do mito evocado no título, o mozo alemán que se criou en completo illamento, sen relación ningunha con outros humanos e polo tanto tamén sen linguaxe, as súas fascinantes imaxes en 16 mm e branco e negro apelaban de forma directa e radical á pura definición do que é o cinema e o descubrimento do mundo. Regresou a Bright Future en 2018 con La estrella errante, un filme invadido por corpos zombificados -encabezados pola presenza magnética de Rober Perdut, quen trinta anos atrás gravara un único disco coa banda punk Los Fiambres- para abordar o poder vampírico das imaxes e o narcisismo narcótico da exhibición permanente dunha identidade disfrazada a través do avatar do “eu” público. A vaidade da sociedade dixital do “like”, do consumo rápido sen tempo para a dixestión, do apetito ávido que é garantía de desengano, é un aspecto transversal a toda a súa obra, igual que a presenza de elementos da cultura popular de masas, dos coches ás pantallas, que tamén se fan notar en La Parra (Filmika Galaika / Tasio), coa que participa na sección maior do IFFR, un salto de categoría que é motivo obvio de satisfacción.

O protagonista, Damián (o actor Alfonso Míguez), vive de xeito moi precario nunha gran cidade. Cando recibe a nova de que morreu o seu pai debe regresar á súa vila natal, Ferrol, despois de vinte anos de ausencia. Ese punto de partida do “retorno ás orixes” podería suxerir un certo filtro biográfico no relato, mais en conversa por videoconferencia Alberto Gracia fai de La Parra a consecuencia de ver películas e moverse nun circuíto cultural, Madrid e antes Barcelona, cidades nas que viviu, polo cal deu en preguntarse cando deixou de lado o cinema o aspecto existencial que nos anos 70 aínda era manifesto; de feito, nos créditos finais hai un agradecemento explícito “ao cinema dos 70 por ofrecer principios cando só había fins”. Un exemplo canónico da busca metafísica desa década, mesmo dentro do marco industrial dos xéneros tradicionais, son os traballos de Paul Schrader, que antes de facer películas foi autor dun libro influente. O estilo transcendental no cinema, no que procuraba elementos comúns en Yasujiro Ozu, Robert Bresson e Carl Dreyer como autores cunha vontade explícita de explorar o “misterio da existencia”. Na procura dese punto en que nos afastamos das “grandes preguntas”, Alberto pon o foco nos anos 20 como “lugar orixinal”, a era das vangardas culturais e científicas, do fordismo e da psicanálise, mais tamén o “momento en que o ser humano se atopa co terror ao darse conta de que non sabe quen é: eu vivo na miña casa, mais ese que vive na miña casa non son eu. 1919 é o ano do Tratado de Versailles, mais tamén o ano en que Sigmund Freud publica o magnífico ensaio O sinistro (Das Unheimliche). Giorgio de Chirico, pintor melancólico e ambiguo, estaba a facer na altura as súas pinturas metafísicas: un médico e un artista chegan á mesma conclusión de que hai algo no obxectivo, no real, que é espectral, fantasmal, que hai algo en nós que non somos nós. É unha etapa de cambios e metamorfoses case cada día. É tamén a era da iluminación das cidades, de querer iluminalo todo para eliminar as sombras, o misterio, mais arredor diso tamén xorde o medo”.

Para Alberto “perdemos a ambigüidade da melancolía, de ver a través da escuridade que nos habita. O capitalismo arrasou con todo e deostou a melancolía; a súa parte negativa foi chamada depresión e a farmacia converteuse nunha das grandes potencias económicas e piar do capitalismo. O que non encaixa está tolo e ten que tomar pastillas. Levouse a linguaxe á máxima especialización, ao súmmum da literalidade” -no filme o presentador dun concurso de televisión afirma con insólita convicción “A palabra é a palabra!”-, “obnubilados polo progreso que rematou por volver contra nós como unha besta. Tes que rir en público, non podes ser unha persoa melancólica, cando a melancolía é realmente o sentimento máis creativo e amoroso que temos. A película é absolutamente melancólica e eu creo na melancolía, aínda máis nos tempos de incerteza en que estamos. É a única saída para crear futuros, é a maior forza utopista ou polo menos modernista, algo que Mark Fisher explicou moi ben antes de suicidarse”.

“Foster Wallace”, prosegue, “contaba a anécdota dun peixe vello que atopa dous peixes novos, saúdaos e pregunta bo día, rapaces, como está a auga?, e os peixes míranse entre eles e din que demo é a auga? Podes estar tan metido no medio que non recoñeces o medio. Co cinema pasa o mesmo”. Hai que preguntarse polo cinema igual que os peixes de Foster Wallace deberían facerse preguntas sobre a auga. “Que ten que dar a arte, que debería ofrecer ao espectador, o que quere ou o que necesita? Evidentemente o que necesita. Penso que a miña película molesta, ou debería molestar. As obras que se recordan, as que quitan o veo do esquecemento, teñen que molestar. Non teñen por que ser grotescas, ou gore, mais deben remexer na ferida”.

Ferrol pode ser, en moitos sentidos, unha ferida. Na película é unha cidade da que non se pode saír, un decorado no que se moven pantasmas atrapadas na melancolía. Un lugar illado até fisicamente, como reflicten as imaxes do accidente do Discoverer Enterprise, a plataforma petrolífera que bateu en 1998 contra a Ponte das Pías. Mais as ruínas “teñen historia” e sempre se viron como lugares máxicos. Na era “das almas mortas e o cibertempo”, a película asume a degradación do corpo e a morte, a necesidade de aprender a morrer e de morrer para (re)nacer, como paso obrigado para un reinicio. “En realidade a democracia nace para darlle a oportunidade ao ser humano de volver nacer. Nacemos e herdamos o que nos deron o noso pai e a nosa nai, mais todo ser humano ten que volver nacer. Hoxe vivimos a perda do corpo, que é unha anestesia, unha indolencia. Como recoñeces o teu corpo no corpo que habitas? Os únicos recordos que tes son as cicatrices, sexan metafísicas ou físicas, e esas cicatrices van contigo. No espello cada día es unha persoa diferente, e todas esas persoas únense polas cicatrices”. Nesa cidade sen saída, a pensión La Parra é para Damián un acubillo poboado por “anxos”, unha comunidade de criaturas derrotadas mais insubmisas que lle asignan unha nova identidade, a de Cosme (o propio Alberto Gracia), que desaparece ao comezo mentres guía unha andaina no monte de persoas cegas (o esforzo do camiño de volta dese grupo de invidentes será unha sorte de leitmotiv que se retoma aquí e acolá).

Esa dualidade remite ao propio cinema, “que nos permite ser nós mesmos máis que nunca, mais tamén nos obriga a ser outros, a alienarnos dunha forma absoluta. A película fala desa experiencia que é á vez individual e colectiva. O problema no individuo actual é que non ten tempo, algo do que xa falaron Paul Virilio ou Franco “Bifo” Berardi. Despois de que se nos fora negado o espazo, foinos negado o tempo. O cinema era o lugar dos soños, da milagre, e tamén foinos negada esa experiencia comunal. É curioso porque o cinema é a única arte que non empezou dunha maneira relixiosa, senón de maneira profana, asociada ás fábricas”.

Contra a lóxica do capitalismo como sistema de desexo sen pracer, ou do pracer sempre adiado na continuidade permanente dos estímulos, en palabras de “Bifo”, cómpre reivindicar a atención e a calma, a presenza, o corpo, o misterio. “A atención é a clave”, volve Alberto. “Ti lle preguntas a alguén o que desexa e non o sabe, porque os desexos veñen creados desde fóra, son unha invasión temporal en realidade, non é tempo propio. Se non tes pensamento crítico, vivirás na publicidade. Porén, o melancólico cre no imposíbel. Tenta xerar contido, xerar futuro... recordando. No cinema contemporáneo emprégase moito o found footage, o material atopado e o arquivo, mais moitos usos que se fan del son moi burgueses, unha reactualización desas imaxes baixo unha mirada presente do mundo. O misterio ten que manterse sempre. O cinema xorde nas ausencias, non ten que pór tapóns, iso é nostalxia, o Nostos. Non quero a volta da dor, mais quero que a dor sirva para conectarnos co espírito do mundo”. Iso non significa renunciar á alegría, por suposto. “A min a alegría de vivir non ma quita ninguén, haina que manter sempre”.

Ferrol como espello

Ao empregar Ferrol como espello Alberto Gracia segue o legado do escritor francés René Daumal, autor d’O Monte Análogo, explicitamente citado en La Parra. “Daumal chega á conclusión de que a mellor forma de falar de un mesmo é falar da contorna. Empregar unha xeografía para falar de paisaxes mentais e ao mesmo tempo falar de paisaxes mentais para falar dunha xeografía. Ao mostrar Ferrol estou mostrando tamén a psicoloxía do personaxe, e tamén ao revés, hai unha correspondencia entre o interior e o exterior”. "Gústame unha cousa que conta Daumal: nacemos con pés, mais non con zapatos, e cómpre elixir ben os zapatos. Para iso é preciso que che axude alguén que sabe máis, un mestre. Logo, co andar dos anos, xa aprendes cales son os zapatos que precisas”. No consumismo moderno parecería que son os zapatos os que nos elixen a nós, “e cremos que non é así, mais o desexo é de outro, aínda que ti penses que é teu”.

Martin Pawley. Artigo-entrevista publicado orixinalmente no Sermos Galiza que acompañou o Nós Diario do sábado 3 de febreiro de 2024.

sábado, 9 de novembro de 2024

Miguel Gomes, a arte de narrar

Miguel Gomes na estrea de 'Grand Tour' na Seminci. (Foto: Seminci / Photogenic

O portugués Miguel Gomes (Lisboa, 1972) é un dos cineastas máis prestixiosos e respectados do noso tempo. A súa obra, con títulos coma Tabu, a triloxía As Mil e Uma Noites ou Diários de Otsoga, xoga permanentemente coas estruturas narrativas e os procedementos para contar unha historia. En maio gañou o premio á mellor dirección no Festival de Cannes co seu último filme, Grand Tour, que ten agora a súa estrea en Galiza no marco de Cineuropa após pasar pola Seminci de Valladolid, onde se desenvolveu esta conversa na que tamén participa a súa parella e coguionista Maureen Fazendeiro. 

Convén comezar polo principio, coa primeira filmación en Asia que fixeron hai máis de catro anos. Cal era a idea inicial da película? 
Maureen Fazendeiro: Había unha idea clara do percorrido, que estaba inspirado nun relato do Somerset Maughan no libro The Gentleman in the Parlour, sobre un home que foxe de Birmania a Singapur e logo a Tailandia, Vietnam, Filipinas e China para evitar o matrimonio coa súa namorada, e en cada un dos países recibe un telegrama dela.
Miguel Gomes: O relato ten moi poucas páxinas, así que era absurdo querer ser fiel ao texto porque non é case nada, mais si podíamos ser fieis ao libro, que é un libro de viaxes, e nós podíamos facer tamén un filme de viaxes. É un libro de viaxes clásico, con descrición de templos, de mercados, de rituais, tamén algúns encontros con persoas, e a película quería ser fiel a ese espírito, pois antes de escribir a primeira liña do guión fixemos nós propios a viaxe e filmámola. Queríamos crear unha sorte de arquivo que sería o futuro das personaxes (...)

Martin Pawley. Entrevista completa publicada no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario do sábado 9 de novembro de 2024. As persoas subscritoras poden ler o artigo nesta ligazón.

sábado, 12 de outubro de 2024

Revisar os marcos

En la alcoba del sultán (Javier Rebollo, 2024)

O 18 de outubro dá comezo a edición número 69 dun festival histórico, a Seminci de Valladolid. O certame cobrou un novo impulso coa chegada á dirección o ano pasado de José Luis Cienfuegos, quen antes soubo facer do festival de Xixón unha referencia cinéfila e logo relanzou o de Sevilla para convertelo no escaparate da mellor creación europea. Cienfuegos levou a Valladolid o núcleo duro do seu equipo, un xenuíno "comité central" con Javier H. Estrada como responsábel de programación, Mariona Viader como coordinadora xeral e Marina Lanza como responsábel de convidados. No seu primeiro ano completo de traballo achegan probas contundentes do perfil que lle queren dar ao reunir grandes nomes do cinema de autor (o Alain Guiraudie de Misericordia, o Miguel Gomes de Grand Tour ou a Athina Rachel Tsangari de Harvest) e autores emerxentes, de Halfdan Ullmann Tøndel, neto de Liv Ullmann e Ingmar Bergman, á Maura Delpero, premiada hai un mes en Venecia por Vermiglio. A iso hai que engadirlle a aposta polo cinema do Estado español, que compite na categoría principal coas obras de Mar Coll, Elena Manrique, Carlos Marques-Marcet, Marta Nieto e o agardado regreso de Javier Rebollo doce anos despois de El muerto (y ser feliz) con En la alcoba del sultán. Fóra da sección oficial hai espazo para propostas aínda máis inconformistas, entre elas a espléndida La Parra do galego Alberto Gracia, a concurso en "Alquimias".

Facer de Valladolid un lugar non só para enxalzar o cinema de calidade máis previsíbel, senón, sobre todo, para o descubrimento de novas voces, supón, por outra parte, honrar a longa e nobre tradición do festival. Por máis que houbese períodos de certa atonía, a exploración do arquivo da Seminci ofrece unha sorpresa tras outra, máis aínda se temos en conta que comezou sendo unha semana de cinema relixioso, denominación que a partir do quinto ano engadiu a coda "e de valores humanos". Como non recoñecer a audacia de programar, en 1962, unha obra mestra como A Raisin in the Sun de Daniel Petrie, apaixonante adaptación dunha obra de teatro da escritora negra Lorraine Hansberry cun glorioso elenco encabezado por Sidney Poitier, Ruby Dee e Claudia McNeil, ou en 1965 a ópera prima de Paulo Rocha, Os verdes anos, e, tres anos despois, O xiro postal de Ousmane Sembène? Como non aplaudir a selección, xa nesa década dos 60, de realizadoras como Vera Chytilová, Liliana Cavani ou Márta Meszáros, e máis tarde Joan Micklin Silver, Claudia Weil, Barbara Kopple, Chantal Akerman, Lee Grant ou Euzhan Palcy? Por non falar da atención prestada ao cinema portugués despois do 25 de abril para así acoller Amor de perdição de Manoel de Oliveira, Manha submersa de Lauro Antonio, Silvestre de João Cesar Monteiro e Jogo de mão de Monique Rutler, ou o interese pola creación africana con alfaias como Yeelen de Souleymane Cissé e Yaaba de Idrissa Ouedraogo. Como non sentir simpatía, en suma, por unha colección de Espigas de Ouro que inclúe Harold & Maude de Hal Ashby, Providence de Alain Resnais, Ana de António Reis e Margarida Cordeiro, Sacrificio de Andrei Tarkovski, Voces distantes de Terence Davies, A través das oliveiras e Copia Certificada de Abbas Kiarostami, ou, non hai tanto, a fascinante A derradeira película de Pan Nalin?

Un bo festival debe procurar sempre un atinado equilibrio entre pasado, presente e futuro. Non debe conformarse co obvio; debe celebrar o "hoxe", adiantar o "mañá" e poñer en valor o "onte", nun exercicio permanente de relectura da historia, de revisión dos marcos. Para iso serven tamén as retrospectivas, para repensar o que pasou mais tamén o que debeu pasar, todos eses filmes dos que non tivemos noticia a tempo. Para examinar con outros ollos, como fará a próxima Seminci, seis décadas de cinema alemán, de Edgar Reitz, Werner Herzog e Rosa von Praunheim a Maren Ade e Christian Petzold, ou reivindicar, a través do ciclo "Memoria e utopía", a condición pioneira da mexicana Matilde Landeta (La negra Angustias, 1949) e da checa Drahomíra Vihanová, condenada ao silencio logo de dirixir Un domingo estragado (1969), a infrecuente aposta pola ciencia ficción da sueco-portuguesa Solveig Nordlund en Aparelho Voador a Baixa Altitude (2002), a partir dun conto de J. G. Ballard, ou o natural abraio ante un filme como The Sealed Soil (1977) da iraniana Marva Nabili, que anticipa as máis suxestivas formas contemporáneas. Restan aínda moitos marcos por mover, con certeza. Benvidos sexan os festivais que nos axudan nese exercicio tan necesario.

Martin Pawley. Publicado orixinalmente no Nós Diario o 12 de outubro, sábado.