luns, 17 de novembro de 2025

Apuntamentos sobre a 70ª SEMINCI: Sección oficial

The Mastermind

THE MASTERMIND (Kelly Reichardt) - Espiga de Ouro, mellor fotografía

O novo filme de Kelly Reichardt ten tanto de filme de atracos como outros seus anteriores tiñan de westerns: si, esa é a súa aparencia, mais o que fai é herdar elementos do xénero para levalos a outro territorio, moito máis interesante, no que o relato ou a peripecia importan cada vez menos. O protagonista, un home con estudos artísticos, organiza o roubo de varios cadros dun museo en parte co desexo de mellorar o nivel de vida familiar pola vía rápida (e en parte polo pracer e a simple posibilidade de facelo), mais as cousas vanse torcendo aos poucos e verase obrigado a escapar. A súa fuxida debuxa tamén o baleirado do personaxe, a expresión da súa perda de rumbo e da súa soedade, ou máis ben do seu imposíbel regreso a unha comunidade, que se integra perfectamente nun momento histórico de cambio e perda de inocencia, os EUA da guerra de Vietnam que aparece en forma de noticias de fondo nas televisións e, sobre todo, nas protestas pacíficas nas rúas. A esta criatura capaz de cometer sen pensar accións certamente miserábeis a cineasta non a retrata con crueldade: é tamén un ser impotente e de porvir dubidoso, inconsciente antes que malvado, que se condena a cada paso que dá a un fracaso maior. A espléndida interpretación de Josh O'Connor outórgalle atractivo e fondura, fai del un antiheroe que necesita que alguén lle dea un abrazo ou un sopapo, ou, mellor aínda, as dúas cousas á vez. Kelly Reichardt filma e monta de maneira maxistral, sen artificios inanes; é unha mestra do zurcido invisíbel, sempre refractaria ao exhibicionismo. Para min é a súa película máis valiosa, mesmo por riba de Certain Women (2016) e Showing Up (2022). Vista na estrea en salas comerciais.

MAGALHAES (Lav Diaz) - Espiga de Ouro

É case obrigado salientar o que ten de raro este filme na filmografía de Lav Diaz: dura apenas 160 minutos, é en cor e está protagonizado por unha estrela internacional, Gael García Bernal. Fóra deses pequenos detalles, o resultado encaixa razoabelmente ben no que se pode esperar do cineasta filipino, só que en forma concentrada, cos planos longos e o gusto pola inmobilidade, por facer evidente para o espectador o tempo e a súa duración. Mais tamén é outra cousa, un filme baseado nun personaxe histórico, e iso implica algún grao de narración e de explicación dos feitos, e o equilibrio entre esas dúas almas non acaba de casar ben de todo; a sensación é que a Magalhães lle sobra unha hora ou lle faltan dúas, o cal non significa que non estea chea de grandes virtudes, momentos brillantes (as escenas no barco, por exemplo) e interpretacións que sorprenden por boas (por exemplo o camarada Roger Koza, mais tamén o propio Gael García Bernal, cuxo talento ninguén discute, mais que aquí soubo adaptarse a un estilo completamente diferente do cinema que até agora fixo). Para alén diso, Magalhães expón de forma crúa o desastre humanista que é todo proxecto colonial, a violencia e o absurdo inherente a esas expedicións demasiadas veces contadas como "aventuras épicas" sen tacha. 

MIROIRS nº 3 (Christian Petzold)

Xa está fóra de dúbida que o alemán Petzold é un dos grandes creadores do noso tempo, con Phoenix como unha das cimas do cinema do século XXI. A súa obra, en particular a máis recente (e de ambientación contemporánea), traballa en favor dunha coidadísima depuración que deriva nuns filmes que parecen cada vez máis sinxelos, mais que levan dentro unha inmensa carga de profundidade e funcionan como variacións sobre asuntos vistos en obras anteriores. A idea da suplantación ou da representación dunha outra persoa que era central en Phoenix (nese caso, non tan outra) repítese aquí por medio dunha muller que, tras saír ilesa dun accidente de tráfico no que morre o seu noivo, é acollida por unha familia que ve nela unha vía para sandar a ferida irresolúbel da desaparición dunha filla. Nese xogo de espellos entre a filla que xa non existe e a "nova filla" que aparece, ou entre a familia que non é e unha nova familia posíbel, constrúese un filme elegante e enigmático, que parece sempre a punto de estourar, como se atrás de cada espazo ou situación cotidiana houbera a posibilidade dun misterio por se revelar, e que mesmo houbera espazo para o fantástico, mais acaba por ficar sempre felizmente contido no camiño xusto, guiado por un elenco formidábel no que sobresae, coma sempre, a fabulosa Paula Beer, unha das grandes actrices europeas do presente. 

DUSE (Pietro Marcello)

O procedemento fílmico de O procedemento fílmico de Pietro Marcello comeza a dar sinais de esgotamento. Se en Martin Eden a mestura efervescente de materiais filmados e de arquivo máis a presenza central dun actor en estado de graza (Luca Marinelli) fixeron dela unha alfaia que medra en cada visionado, a operación case mimética que opera en Duse conduce a un resultado moito máis modesto. Relato un chisquiño preguiceiro dos últimos anos da actriz Eleonora Duse, encarnada, con aínda controlada tendencia ao exceso, por Valeria Bruni Tedeschi, a película desaproveita de maneira desconcertadora varios personaxes (dende a filla á que dá vida Noémie Merlant até os de Mussolini e mesmo Gabriele d'Annunzio) e emprega as imaxes de arquivo de xeito rutineiro, como se fose unha obriga asumida sen moita inspiración. Aínda que en conxunto non ergue demasiado o voo, o certo é que se ve con sumo pracer. Probabelmente Marcello non sexa capaz de facer unha mala película. Vista en Cineuropa. 

PILLION (Harry Lighton) - Premio ao mellor actor (Harry Melling)

Pillion ten na súa principal característica a súa principal limitación: consegue converter a relación de sumisión dun mozo necesitado de experiencias cun macho alfa moteiro nun xenuíno "crowdpleaser" para todos os públicos (excepto os moi homófobos). Todo é correcto, en todos os sentidos, empezando pola parella protagonista (Harry Melling, Alexander Skarsgard), mais iso acaba marcando un teito para un filme que pretende ser transgresor. Mentres o vía eu pensaba en Alain Guiraudie ou João Pedro Rodrigues: recoñezo que as comparacións son sempre moi inxustas.

RESURRECTION (Bi Gan)

Talvez hai vinte anos eu adoraría un filme coma este. É evidente o virtuosismo de Bi Gan; a súa inventiva visual parece un pozo sen fondo, mais a pregunta esta vez é "para que". Resurrection é puro exceso de forma mais atrás dela non hai personaxes nin historias con algunha entidade. Nin sequera funciona o bloque "vampírico", un deses "tour de force" nun aparente único e longo plano secuencia que son sinal da casa. Non discuto que as imaxes teñan unha laboriosa calidade e que algunhas sexan espectaculares, mais desta vez non pasan de ser un sofisticado trampantollo.

Martin Pawley

Ningún comentario:

Publicar un comentario