![]() |
Anoche conquisté Tebas (Gabriel Azorín, 2025) |
Inspiradas pola frutuosa traxectoria da Quincena de Cineastas de Cannes, en 2004 dúas asociacións de profesionais do cinema de Italia puxéronse de acordo para fundar, ao abrigo da Mostra de Venecia, un evento independente, as Giornate degli Autori, máis aberto á creación independente e innovadora. Á marxe das tentacións cara aos títulos de impacto e as celebridades que inevitabelmente invaden os grandes festivais, a programación desta clase de seccións paralelas pode (ou debe) guiarse tan só polo valor cinematográfico das propostas que acolle, sen medo a incumprir expectativas: ninguén agarda que da Quinzaine ou das Giornate saian, para entendérmonos, algúns dos filmes máis populares do ano a nivel mundial ou que sirvan como antesala dos Oscar, como si acontece coas competicións de Cannes e de Venecia. Felizmente, hai moita vida (e as máis das veces, mellor) fóra dese primeiro plano da atención mediática tutelada polas axencias de vendas e as campañas publicitarias.
O 2 de setembro tivo a súa estrea oficial nas Giornate, como preludio dunha encomiábel carreira internacional, o filme Anoche conquisté Tebas, dirixido por Gabriel Azorín e con espléndido guión del e do consigliere Celso Giménez, unha coprodución entre DVEIN Films, Filmika Galaika e Bando à Parte que é xa un dos títulos fundamentais de 2025 (e da década). No inicio, un grupo de mozos que falan portugués cruzan unha poza pantanosa e chegan até unha construción abandonada mentres charlan sobre un xogo virtual de guerra no que tomaron parte. Un espectacular plano aéreo amósanolos de camiño a un antigo campamento romano, o ourensán Aquis Querquennis, onde proseguirán a charla mentres se moven entre os restos históricos (...)
Ningún comentario:
Publicar un comentario