Amosando publicacións coa etiqueta Usue Arrieta. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Usue Arrieta. Amosar todas as publicacións

mércores, 7 de novembro de 2012

Galicia alterada

Cannes, Marsella, Locarno, Mar del Plata, FICUNAM, Roma, Vancouver, BAFICI, Jeonju, Lisboa, Viennale... Nos últimos dous anos, a presenza de autores galegos nos máis importantes festivais foi constante, con Oliver Laxe, Xurxo Chirro e Eloy Enciso como nomes máis destacados dunha listaxe que non para de crecer. E isto sucede nun contexto económico moi difícil, co apoio público reducido en Galicia ao mínimo, cando non eliminado (así aconteceu coas chamadas "axudas á promoción do talento", das que se beneficiaron xustamente os novos creadores con maior prestixio no exterior), e coa insólita pasividade das elites intelectuais, os medios de comunicación e mesmo os certames de cinema locais, que salvo honrosas excepcións non prestaron atención suficiente a esta estimulante efervescencia creativa.

Benvida sexa, pois, a oportunidade de ver os ensaios sobre a memoria familiar e persoal de Ángel Santos; a emotiva ficción de Xacio Baño sobre a soidade e a ausencia; o retrato do traballo e a paisaxe que fai Xurxo Chirro (máis un excepcional fragmento que puido formar parte de Vikingland); e o novo estudo sobre comunidades e a súa integración nun espazo que nos ofrecen os QQ, Vicente Vázquez e Usue Arrieta.

Martin Pawley

Texto escrito para o catálogo do 27 Festival Internacional de Cine de Mar del Plata. Versións en español e inglés, neste enderezo.

martes, 18 de setembro de 2012

Conversas en whatsapp: Goitik behera, behetik gora



Martin: GOITIK BEHERA, BEHETIK GORA dos QQ é unha marabilla. Visualmente é mellor que Canedo. Nada que ver coa tosquidade de La Huesera.
Xurxo: Xa vin Goitiberas… A verdade é que despista un pouco. Creo que se centran na figura do seareiro. Supoño que é no que verdadeiramente están interesados e xa o deixaban caer na Huesera. Aprenderon dos erros da Huesera. Quizais sexa a disciplina. O ciclismo é máis rápido na súa execución. Aquí as disciplinas son máis variadas e son unha mera escusa. Obviamente é un paso adiante
Martin: Céntrase na xente, iso é o que o fai bo. Fronte ao tópico do “cine del yo y solo yo” os QQ conxugan os verbos en prural. Canedo era o “cinema do nós”, e Goitik Behera sería o “cinema do vós”. Sen distanciamento cínico. Como debe ser!
Xurxo: Interesante! Si, non hai escusa narrativa. Non hai condución. Mais, a que cres que se debe ese xiro? Aos límites de antes…
Martin: Non hai ese observador distante.
Xurxo: ...que se atoparon na Huesera. E volverán ao ciclismo ao Tour, mais de seguro que con moito aprendido.
Martin: No fondo Canedo e Goitik son moi parecidas. As dúas miran as persoas dun colectivo e como ese colectivo participa e se integra nun espazo/paisaxe.
Xurxo: Si, mais iso xa estaba nos Oficios. Eu creo que está na imposibilidade do contracampo.
Martin: Canedo ademais era a familia e iso dáballe o toque identitario. Dos Oficios para acó filman e miran mellor.
Xurxo: Déronse conta de que a escusa non é o importante e relativizan. Obviamente filman mellor e hai máis proximidade, sen medo, meten desenfoques...
Martin: Os Oficios partían dun presuposto conceptual moi simple, e peor filmado…
Xurxo: Moi Pompeu… A necesidade de mostrar o máximo as situacións dentro dun todo.
Martin: Agora participan máis do obxecto filmado. A escena do grupo de festa a cantar é reveladora.
Xurxo: Aquí a cousa é máis impresionista.
Martin: Si, porque hai máis confianza na imaxe.
Xurxo: Esa secuencia denota que confiaban no que facían. Por certo que significa o título?
Martin: Algo tipo de arriba abaixo e de abaixo arriba, creo lembrar…
Xurxo: Aaa, non sabía…
Martin: Goitik é unha mostra de madurez porque parte dunha base conceptual clara…
Xurxo: Si, andábana buscando, nótase certa deriba nos seus traballos previos…
Martin: Disciplinas con obxectos que se tiran a voar de abaixo arriba vs. obxectos que se botan abaixo.
Xurxo: Si, un bo plantexamento.
Martin: E a paisaxe e todo iso, mais transcende esas restricións porque confían na xente.
Xurxo: Na huesera atopáronse con falta de tempo, coa choiva e con descoñecemento do terreo.
Martin: Goitik é un exercicio máis impresionista.
Xurxo: A fórmula Pompeu leva a controlar a realidade. Eles déronse conta de que é mellor porse ao seu carón.
Martin: Exacto. E xogar cos rostros, cos nenos, beber cos que cantan.
Xurxo: Mais nótase que estaban máis tranquilos que na Huesera.
Martin: Non creo que fora só unha cuestión de tempo. Con présas estiveron en Canedo, pero a idea era clara…
Xurxo: Eu creo que era partían dunha bagaxe que lle daba seguridade. Non é a vila de Usue?
Martin: E na práctica nisto non puideron rodar meses. Foi algo rápido, intúo. Non, é Navarra, creo. Simplemente La Huesera non lles saíu tan ben. Faltoulles a ollada de proximidade.
Xurxo: Mais vese por onde ían.
Martin: Si, e por sorte mudaron de rumbo. A imaxe de Goitik é máis depurada que en Canedo. Non hai vacilacións, hai confianza nos desenfoques.
Xurxo: Si, iso si. Mais eu teñolle un cariño especial a Canedo.
Martin: Eu tamén. Canedo como concepto é insuperable.
Xurxo: Puideron facer esta sobre as carrilanas :-)
Martin: Pero o compromiso con Xfilms era facela en Navarra.
Xurxo: Aaa!
Sande: Todo isto podíades colgalo no blog. Un novo xénero: a crítica de cinema por whatsapp.

* * *


Goitik behera, behetik gora de weareQQ (Usue Arrieta & Vicente Vázquez) é a curtametraxe gañadora do proxecto X Films 2011 do Festival Punto de Vista.

mércores, 28 de abril de 2010

Todo está escrito nas árbores

Usue Arrieta é vasca. Vicente Vázquez, galego. Coñecéronse hai sete anos na facultade de Belas Artes de Cuenca e desde entón traballan xuntos baixo a marca QQ ideando vídeos, instalacións e intervencións en lugares públicos. Non conciben a creación artística se non é en contacto físico cos espazos e coas persoas que os habitan para darlles a volta ás diferentes formas de estar neste mundo cun discurso dunha profunda mais nunca obvia carga ideolóxica. A súa obra audiovisual, de singular e crecente riqueza, acada un novo fito cunha excelente mediometraxe, Canedo, que nunha montaxe aínda non definitiva se poderá ver no CGAI da Coruña hoxe ás 20.30 horas.

Con Canedo Vicente Vázquez volve ás súas orixes, unha parroquia –a do título– situada no Concello de Ourense. O punto de partida deste filme-performance é unha fotografía da familia do director diante dunha árbore, que será talada para coa súa madeira producir a pasta de papel precisa para un libro en cuxas páxinas ficará estampado o retrato. Unha vez cosido e encadernado, o volume viaxará á casa familiar para ser enterrado con ánimo de verbena. QQ rexistra todo o proceso de xeito rigoroso e lúdico coa intención de explorar a construción da identidade individual e colectiva como combinación de elementos materiais e simbólicos que reflicten á súa vez tanto vínculos de tipo persoal como as máis pragmáticas relacións de produción.

Canedo non é a única razón que os trae de novo a Galicia. Na Sala Alterarte, espazo expositivo do campus de Ourense, QQ presenta até o 28 de maio a videoinstalación La boca. Rodada en 2009 en Rosario, na Arxentina, a peza repara nun edificio da cidade que tiña unha das súas fachadas cuberta enteiramente por un xigantesco cartaz publicitario dun candidato da dereita á alcaldía. Unha imaxe que literalmente tapa as entradas de luz do bloque nunha cruel metáfora do peor da sociedade e a política-espectáculo que nos rodea. Un dos veciños do edificio, Armando Morales, regaloulles o anaco de lona que cubría unha fiestra da súa vivenda e que se corresponde xustamente coa boca do candidato. Ese é un dos obxectos que forma parte da exposición, que se completa coa proxección da curta durante o horario de apertura da sala.

Seleccionados para participar en setembro na exposición colectiva Antes que todo, resumo das últimas dúas décadas de arte español promovida polo centro Dos de Mayo de Madrid, os QQ preparan agora un novo proxecto, Age of vision, a estrear en Bilbao a finais de 2010, que se ocupa do tempo que dedicamos ao consumo de produtos audiovisuais para xerar con eles unha sorte de cronoloxía alternativa asociada ás ficcións do ser humano. Mediante procedementos informáticos recollerán información dunha completa base de datos cinematográfica para sumar as duracións de todos os filmes creados ao longo da historia e presentarnos a cifra total en aumento permanente como parte dunha instalación que reflexiona sobre a imaxe e o tempo.

Martin Pawley. Publicado o mércores 28 de abril de 2010 en Xornal de Galicia.