mércores, 12 de marzo de 2014

Cosmos: o vello e o novo

Estreada en 1980 con produción da PBS, a rede pública de televisión americana, Cosmos: A Personal Voyage é probabelmente a serie de divulgación científica máis influínte e popular de todos os tempos, con non menos de 500 millóns de espectadores acumulados. Resulta ocioso a estas alturas dicir que boa parte do éxito se debeu á carismática personalidade de Carl Sagan, presentador de Cosmos e guionista xunto a Ann Druyan e Steven Soter. Ademais de ser un científico brillante, Sagan revelouse coma un excepcional divulgador e comunicador que entendeu que a beleza e a emoción non só non era incompatíbel coa transmisión do coñecemento, senón esencial a ela. Non era un sabio disposto a abraiarnos co seu coñecemento do cosmos, senón alguén que quería abraiarnos co cosmos. E o cosmos é "todo o que é, ou foi, ou será". Iso tiña algo de revolucionario no campo da divulgación científica: non se trataba de enumerar descubrimentos con vontade didáctica, senón de propoñer unha viaxe compartida, algo natural na astronomía, a ciencia dos contadores de estrelas. Sagan era un humanista, igual ca David Attenborough, alguén capaz de poñerse na pel do outro e conectar coas súa inquietudes, medos e dúbidas. Un pasador, no sentido que Alain Bergala lle deu ao substantivo [1].

Ao mesmo tempo, Sagan era un home corrente con xerseis de colo subido nun momento en que o cinema e a televisión abandonaran o extinto glamour para encherse de ordinary people, de Woody Allen a Richard Dreyfuss, de Dustin Hoffman a Alan Alda, de Lou Grant a Hill Street Blues. A xeración de Sagan -que é, poñamos por caso, a de Stan Brakhage- é a dos que viviron o entusiasmo pola carreira espacial mais tamén o pánico á Guerra Fría e diso se alimentaba Cosmos, que falaba tanto da fascinación polo universo como da inacabábel capacidade humana para destruírse a si mesmo e para facer que o progreso e a sabedoría fiquen sepultados polo poder. O mesmo primate é capaz de mandar unha sonda aos confíns do Sistema Solar e de queimar a Biblioteca de Alexandría. E por iso Cosmos tiña algo de espírito post-hippy, cos seus exteriores naturais rodados en 16mm, a música de Vangelis, o seu ánimo contemplativo e certos ecos psicodélicos por outra parte comúns na representación estelar, empezando por Jordan Belson.

O novo Cosmos, presentado nos EEUU o domingo pasado en prime-time, ten coma principal problema o seu título. Se a serie de Neil deGrasse Tyson se chamara O Universo para todos veríamola con outros ollos, coma un documental máis, sen tanta expectativa. E como tal produto non estaría mal, aínda que non me parece que destaque sobre outras propostas equivalentes. As virtudes comunicativas do director do Hayden Planetarium de Nova York neste primeiro episodio non se locen apenas. O que fixo popular a Neil é a súa rapidez, humor, ironía, capacidade de improvisación, chispa: por iso é un convidado habitual para falar de ciencia nos late-nights de Jon Stewart, Stephen Colbert, Jimmy Fallon... Neste Cosmos exerce nun rexistro máis "ordenado" e conservador, desenvolve un puro papel de host, e nese sentido daría igual que fose el ou Morgan Freeman. Por iso o seu momento máis potente, o que o humaniza, foi o emotivo recordo a cando coñeceu a Carl Sagan, deliberadamente colocado ao final da primeira entrega, porque iso é algo que el pode contar e quizais Morgan Freeman non.

Boa parte dos contidos do primeiro capítulo evocaron directamente á serie orixinal, incluída a idea do "calendario cósmico". A maior diferenza está na referencia histórica elixida: mentres Sagan escolleu a Alexandría de Eratóstenes, Aristarco, Ptolomeo (“que compilou a maior parte do que hoxe é a pseudociencia da astroloxía, un aviso de que a capacidade intelectual non é garantía contra os enganos”) e Hipatia, o novo Cosmos ocupouse de Giordano Bruno, que morreu na fogueira acusado de herexía, nunha secuencia animada de dubidoso gusto na que os personaxes falan inglés con acusado acento spaghetti, Javier Armentia dixit. Até iso foi unha escolla confusa, posto que a cosmoloxía de Bruno non viña da experiencia e o pensamento científico, senón da súa reflexión teolóxica, e así a súa proposta de pluralidade de mundos tiña a mesma base que a súa negación da Trindade ou da virxindade de María. Bruno era un visionario, mais no sentido Xoana de Arco do termo.

O vello Cosmos practicaba o sosego e deixaba tempo para mirar e escoitar. O novo Cosmos exhibe un molesto exceso de música (a fanfarria de Alan Silvestri) e a parece que inevitábel tendencia espectacularizante en canto a efectos visuais e sonoros (!), particularmente irritante para alguén coma min que pensa que Gravity sería moito mellor muda, sen explosións, sen música e sen diálogos melodramáticos de Sandra Bullock. Ese estilo "Discovery Channel", esa obsesión da televisión comercial americana por intentar crear tensión no ambiente a toda costa a min quítame da pantalla: non soporto eses documentais tipo "as serpes máis venenosas da selva amazónica". Este Cosmos 2014 vai por aí: non é unha “viaxe persoal”, senón unha “odisea do espazo-tempo” e detrás dela está o director e produtor executivo Brannon Braga, responsábel de Star Trek: New Generations; o director de fotografía Bill Pope, que o foi tamén de Matrix e Men in Black 3... De aí xorde tanto ruído e furia nese espazo no que ninguén pode oír os teus berros -ese espazo cuxo silencio lle encanta á protagonista de Gravity, aínda que durante o filme o experimentara pouco-, da aceptación dos tópicos da sci-fi aínda que choque co rigor científico. Para compensar estará aí Neil deGrasse disposto a dicir “xa sei que parece unha loucura, mais é así”, como ao falar do Big Bang.

Martin Pawley

Nota:
[1] "Cuando asume el riesgo voluntario, por convicción y por amor personal a un arte, de hacerse "pasador", el adulto también cambia de estatuto simbólico, abandona un momento su papel de docente tal y como viene definido y delimitado por la institución para retomar la palabra y el contacto con sus alumnos desde otro lugar, menos protegido, en el que entran en juego sus gustos personales, y también su relación más íntima con tal o cual obra de arte, un lugar en el que el "yo" que podría resultar nefasto en su función de docente se vuelve prácticamente indispensable para una buena iniciación". Alain Bergala, La hipótesis del cine, Editorial Laertes, páx. 66.

Ningún comentario:

Publicar un comentario