domingo, 17 de abril de 2022

Cuando sueña el cerebro

A acción sitúase en Pamplona mentres se celebra o Festival Punto de Vista. O meu amigo e cineasta Alberto Gracia presenta un filme nunha aula pequena, non é unha sala de cinema, mais ben debe tratarse dunha sesión de “pitching” ou unha conferencia. Non sei como é o filme, mais sei que me gusta. Un pouco despois estamos os dous nun piso da cidade navarra que é idéntico ao piso no que eu vivo na Coruña; estamos de paso, probabelmente subimos a coller un paraugas ou algo polo estilo. Niso é que Alberto perde o coñecemento e empeza a sangrar abundantemente. Chamo a urxencias mais non consigo que reaccionen como é debido, non entenden o que lles digo, fanme preguntas innecesarias coas que perden un tempo valioso. Alberto leva xa demasiados minutos inconsciente e perdendo sangue e todo apunta a un desenlace fatal. É entón que eu, con total naturalidade, asumo que o que estou vivindo é un soño, un que non me está gustando nada, en particular o seu previsíbel final, así que deliberadamente deteño o relato. Non quero que siga o soño, que se interrompe nese punto.

Uns días antes tiven outro soño, felizmente menos tráxico, cuxo final tamén precipitei. Estou no Porto, noutro festival de cinema, o Porto/Post/Doc. Unha banda que non coñezo actúa no Coliseo ou no Passos Manuel, dous recintos que están na mesma rúa. Asisto ao concerto e pásoo moi ben, a banda baixa do escenario e toca entre o público, gústame o espectáculo. Ao saír xa é de noite; atopo na porta un coñecido que me conta que toda a xente vai ir de festa a un bar e eu respondo que non vou, que prefiro ir ao hotel. Mais hai un detalle curioso: eu levo na man unha bolsa do lixo ben cargada, é practicamente redonda, e teño que deitala nun contedor. Póñome a buscar un contedor de lixo na contorna mais non o atopo, así que dou unhas cantas voltas e chego até unha igrexa. Métome por unha calella pegada á igrexa e vou avanzando coa bolsa, mais a rúa faise a cada paso máis baixa e estreita, co cal teño que irme agachando cada vez máis para avanzar. Cando alcanzo o final da rúa vexo que hai un muro: é unha rúa cega. Non me queda máis remedio que desandar o camiño, aínda coa bolsa, mais é aí que son consciente de que é un soño e non me apetece nada repetir todo o traxecto de novo, non quero, non me divirte, así que, tamén aquí, deliberadamente interrumpo o soño. 

Os dous casos encaixan na categoría dos “soños lúcidos”, aqueles nos que a persoa se dá conta, nalgún punto, de que o que está experimentando é un soño. Algunha xente é capaz, ademais, de controlar e alterar algúns elementos do soño (no meu caso o control foi máis ben pequeniño). Mesmo hai experimentos de laboratorio nos que persoas soñadoras lúcidas con grande habilidade chegan a “comunicarse” co equipo de investigación correspondente. Deste tema trata o capítulo 14 do libro Cuando sueña el cerebro, editado por Pasado y Presente; nesa altura eu levaba máis de 200 páxinas coa boca aberta. Os autores son Antonio (Tony) Zadra, profesor de psicoloxía na Universidade de Montreal, e Robert (Bob) Stickgold, profesor de psiquiatría en Harvard, investigadores de longa e sólida traxectoria que comparten neste volume o actual estado da arte do fascinante ámbito da “oniroloxía”, a ciencia dos soños. E o primeiro desafío é definir que é un soño, pois non hai un consenso claro ao respecto. Tony e Bob optan por un criterio amplo, segundo o cal baixo a etiqueta de soños entran desde a actividade mental onírica “pasaxeira e fragmentaria” até as “aventuras nocturnas máis dramáticas e épicas”. 

Fan, a seguir, un repaso sucinto máis esclarecedor da historia do estudo dos soños, con Freud como personaxe inevitabelmente destacado. Mais o verdadeiro salto científico chega a mediados do século XX coa tecnoloxía que permite rexistrar os sinais da actividade cerebral. Así, en 1953 Eugene Aserinsky e Nathaniel Kleitman dan a coñecer a existencia do sono de movementos oculares rápidos (sono REM) e con iso se abre un mundo novo: o sono admite unha exploración científica moderna máis alá da descrición e a interpretación, máis ou menos disparatada, dos relatos oníricos. Chega o momento de caracterizar con rigor a estrutura do sono, as súas diferentes fases e o que sucede en cada unha delas. Ao longo da noite vanse alternando períodos REM (con intensa actividade cerebral e total atonía muscular) e non REM, e nos dous soñamos. A gran pregunta é: por que? Ou, máis ben, para que?

Non hai hoxe dúbida ningunha do papel fundamental do sono para a vida; non existe, para empezar, ningunha especie animal que non durma. A perda de facultades cognitivas e físicas no ser humano por falta de sono está sobradamente estudada, por máis que aínda existan persoas insensatas que presuman de durmir pouco, froito quizais dunha tradición cultural que contemplou as horas de descanso como horas perdidas. Durmir favorece o crecemento na infancia, a regulación da insulina e a produción de anticorpos. O sono é, ademais, decisivo para a organización da información no cerebro e a consolidación da memoria. “Pasamos as horas prestando atención ao noso redor, absorbendo información nova e almacenándoa, agardando até o momento do sono para revisar e repasar toda esa información e desentrañar o seu significado”, recordan os autores. “Por cada dúas horas que pasamos espertos, almacenando nova información, o noso cerebro precisa unha hora de sono para aclarar o seu significado e importancia; unha hora desconectados do mundo exterior e con todos os mecanismos de regulación descendente, que guían as nosas accións e pensamentos en vixilia, desconectados. Esa é a tarefa crucial que a evolución lle asignou ao sono”.

Está claro que necesitamos durmir, mais cal é a función de soñar? A Elias Howe serviulle para inventar a máquina de coser e a August Kekulé para descubrir o anel do benceno, mais son exemplos excepcionais. Cal é a vantaxe evolutiva dos soños? Os autores expoñen un modelo innovador para explicar o porqué: o modelo NEXTUP, acrónimo de Network Exploration to Understand Possibilities, “exploración en rede para comprender posibilidades”. Segundo o NEXTUP, os soños procuran asociacións novas e creativas que o cerebro en vixilia non tería en conta mais que poden ser útiles no futuro. En xeral, o cerebro combina nos soños recordos recentes, novos, con outros debilmente asociados a este máis afastados no tempo e constrúe unha narrativa que tece ligazóns inesperadas entre eles para seleccionar e reforzar as máis significativas. Eses relatos oníricos “non son creacións fellinianas nas que a túa nai se balancea nun trapecio” e polo usual teñen pouco ou nada que ver coa imaxe que o cinema dá dos soños, seguramente herdada do discurso freudiano e a mitoloxía surrealista. A súa lóxica interna tende a ser plenamente convincente, por máis que estea chea de elementos estraños, mais convén insistir en que de acordo co NEXTUP é a xustaposición de elementos estraños e a busca de vínculos febles o obxectivo dos soños. “O cerebro soñante”, din no memorábel epílogo, “só intenta mostrarnos o que foi e o que podería ser. E faino igual que faría unha figura xenial da pintura, da música, da novela ou do teatro: mostrándonos o que non podemos explicar completamente. Podemos dicir que esa é a función da arte, e cremos que tamén é a función dos soños. E, tal e como acontece coa boa arte, soñar enriquece a nosa vida e nos axuda a navegar por ela”. Mentres durmimos, o cerebro segue traballando. Dalgún xeito, nunca dorme de todo, conclúen, “sempre soña”.

Martin Pawley

Ningún comentario:

Publicar un comentario