Por unha ciencia construída en igualdade entre diferentes
Mudaron as formas, mais boa parte da divulgación científica contemporánea segue o padrón de sempre: unha persoa moi lista explícalle cousas a outras que saben menos. Quedou atrás a rixidez e a vestimenta académica e agora o divulgador pode ir en pantalón curto e camisa hawaiana, pon todo o empeño en caer simpático e abre contas en canta rede social colle fama, nomeadamente as que frecuenta a mocidade. Mesmo prodiga o seu verbo nos bares, onda o vulgo, porque o obxectivo é evanxelizar con sermóns científicos. Mais todo iso non deixa de ser o século XIX revestido con tecnoloxía moderna e a obsesión capitalista polo “impacto”, que se mide contando cabezas. Aínda son, no fondo, sacerdotes que baixan dos púlpitos coa misión de captaren fieis.
Está ben, é un labor as máis das veces honesto e valioso. Mais non é o único camiño e quizais non deba ser o principal. Fronte á ciencia que cae do ceo sobre a testa de novos adeptos, quizais conveña fomentarmos unha cultura científica que naza da colaboración entre persoas e entidades de base, feita man con man, como acontece en iniciativas escolares das que en Galiza hai notábeis exemplos, da Axencia NOSA ao Open Science de Cambre. Ciencia construída en igualdade entre diferentes, un modelo que debería practicarse máis tamén entre a poboación adulta.
Martin Pawley. Artigo escrito para o oitavo número do caderno "Aprender", suplemento de investigación e divulgación do Nós Diario coordinado por Susana Rois; 15 de xullo de 2020.
Ningún comentario:
Publicar un comentario