Amosando publicacións coa etiqueta Alianza Editorial. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Alianza Editorial. Amosar todas as publicacións

luns, 23 de setembro de 2013

Neuroeducación

"Todo comienzo del aprendizaje, el más temprano del niño, debería hacerse directamente en contacto con la naturaleza, no entre cuatro paredes". O profesor Francisco Mora (Granada, 1945) apela ao coñecemento que hoxe temos do funcionamento da cerebro para xustificar cambios profundos no modelo educativo e, xa pode dicirse, en sentido radicalmente oposto ás habituais "follas de ruta" das autoridades (in)competentes. "A un niño de dos o tres años se le deberían enseñar los diferentes tipos de hojas, flores, plantas, animales y todos los infinitos registros de formas y colores en el campo, en la naturaleza, y menos en el aula con dibujos y tampoco con películas. El niño necesita en la formación inicial saber y aprender qué es una flor cogiéndola con las manos, mirándola directamente, oliéndola, apreciando y distinguiendo el tacto de los pétalos. Y distinguiendo, mirando el cielo, un azul de otro. Y todo ello con la protección y el sentimiento emocional, con la sonrisa del padre o del maestro. Solo así no lo olvidará jamás y anclará, además, sus futuros conocimientos abstactos de una forma sólida, sobre cimientos perceptuales emocionales reales, directos". A provocación é dobre: non fala só de fuxir da rixidez do cemento, senón de facelo, ademais, dende o confort que supón o agarimo e o amor, "palabrota" que tamén consideraba esencial Daniel Pennac no seu memorábel Mal de escola. Non por casualidade o libro do profesor Mora leva coma subtítulo "Solo se puede aprender aquello que se ama". O coñecemento nace da emoción e é fonte de pracer. A adquisición de coñecementos, explícanos, comparte substratos neurais coas condutas que nos levan a buscar auga e alimento ou á sexualidade. Non é un pracer diferente: a curiosidade que se obtén coa aprendizaxe e os praceres biolóxicos activan os mesmos circuítos neuronais.

Neuroeducación (Alianza Editorial, 2013) é, tamén, unha efusiva defensa da escola. "Parece muy claro que aquellos aspectos básicos de la conducta, como la memoria de trabajo, la inhibición de la impulsividad y el cambio constante del foco atencional, así como la toma de decisiones y la solución de problemas nuevos, se potencian de modo significativo con la exposición de los niños a una educación formal (maestro-otros niños-reglas de comportamiento)". O colexio ten "efectos neurocognitivos" no neno: a escolarización -un fenómeno por outra parte moi recente- produce cambios específicos nas estruturas cerebrais, coma o aumento do volume do corpo caloso. E tamén ten efectos moi positivos o ensino, dende idade moi temperá, de varias linguas. Hoxe sábese que os nenos que aprenden dúas linguas dende o nacemento "gárdanas" en circuitos neuronais separados no seu cerebro. Do manexo común e fluído deses dous reservorios derívanse vantaxes cognitivas que se manteñen até a vellez, por exemplo no retraso medíbel da aparición de demencias. O manexo dende a infancia de varias linguas implica saltar dunha a outra de maneira inconsciente, un entrenamento que resulta moi eficaz para o cerebro: "en la vida real las personas que hablan varios idiomas toman decisiones más rápidamente y con menos errores que las monolingües".

A educación non pode ignorar, vén dicirnos o autor, o que xa sabemos -e sabemos cada vez máis- sobre os mecanismos cerebrais, a percepción e a memoria. Os horarios educativos deben ter en conta os ritmos biolóxicos humanos, con picos de rendemento mental a media mañá e media tarde e caída acusada na hora da "siesta", e a importancia do sono nocturno e un bo pequeno almorzo para manter os axeitados niveis de glicosa (e este asunto non é banal no actual contexto de crise no que para moitos rapaces a única comida diaria en condicións é a que reciben no comedor escolar). Do mesmo xeito, a resposta ante as dificultades na aprendizaxe derivadas de diversos trastornos e enfermidades (ansiedade, depresión, déficit de atención, hiperactividade, dislexia, discalculia, autismo, etc) esixe un tratamento individualizado e flexíbel, apegado aos descubrimentos que se van adquirindo sobre esas materias. De aí xorde tamén ese novo oficio por necesidade interdisciplinar do "neuroeducador", consultor e vixía coa obriga de transformar o saber neurocientífico en fórmulas prácticas para o seu uso diario no centro educativo. De todo iso e moito máis trata este excelente e suxestivo libro cuxa lectura, máis que aconsellábel, non debería ficar limitada aos profesionais da docencia.

Martin Pawley

luns, 21 de xaneiro de 2013

Los desorientados (Amin Maalouf)

Na desapiadada recensión que escribiu para El Cultural Rafael Narbona non escatima censuras á última novela de Amin Maalouf, Los desorientados, que segundo el ofrece unha “prosa funcional” e “de escaso mérito artístico”, está chea de “reflexiones banales” e “frases de notable cursilería” e presenta unha análise do conflito libanés “plano y sin matices”. No último parágrafo o crítico insire o libro no caixón desastre dos “best-seller de aeropuerto”, e xa postos a dar estopa incluso se mete coa portada e o formato, copiado das “novelas románticas” que distraen con “tramas ligeras y reflexiones pueriles”.

Malia disentir totalmente da valoración de Narbona, confeso que me alegrou ler o do “best-seller de aeroporto” porque dende as primeiras páxinas pensei na nova novela de Maalouf neses mesmos termos. Los desorientados ten, si, aparencia de best-seller, mais iso é tan só o habilidoso anzol que o escritor emprega para explorar o desencanto e a confusión da súa xeración ante a deleiba dun mundo (ou do mundo). Desencanto e confusión que separaron un grupo de noutrora fieis amigos, mozos e mozas con vontade de facer que os tempos cambiasen, hoxe dispersos polo planeta adiante a consecuencia da longa guerra civil que tronzou o Líbano. A morte dun deles, Mourad, que mudou as utopías de xuventude pola corrupción asociada ao triunfo na política, é a escusa para o regreso ao Líbano de Adam despois de vinte e cinco anos de exilio.

A súa volta, inzada de dúbidas, propicia un obxectivo aparentemente imposíbel: a reunión do que queda daquel grupo, homes e mulleres cuxas vidas e formas de pensar poderían dar pé hoxe a un encontro explosivo, diríase que ingobernábel. Arquetipos ideolóxicos (e relixiosos) cuxas derivas e desilusións coñeceremos a través dunha fértil amálgama de textos pasados e presentes, do diario de Adam ás cartas e correos electrónicos por el recibidos, combinados con oficio para compoñer unha estrutura tan sinxela e áxil coma eficaz. Nas súas recaídas novelescas -sobre todo, o que atinxe á relación entre Adam e Semiramis- asoma o Maalouf máis lixeiro, que gusta de xogar coas convencións da narrativa popular para darlles logo xiros suxestivos. Isto vale tamén para o abrupto e estimulante desenlace, seguramente o único razoábel, que nos descoloca ao deixar o relato en suspensión, “coma o país, coma este planeta, coma todos nós”.

Martin Pawley

* * *


Los desorientados de Amin Maalouf está editado en español por Alianza Editorial.